Banca Pública?

Os males para o sistema financeiro español viñeron da súa sobreexposición ao ladrillo e aos produtos financeiros especulativos “made in USA”. Xa que logo, o seu patrimonio encheuse de vivendas e locais sen saída comercial ou, o que aínda é máis grave, solares e terreos sen perspectiva ningunha de se urbanizaren a xeito, logo do fatal estoupido da burbulla inmobiliaria. Para alén diso, as entidades de orixe social e fundacional (as Caixas), agás moi contadas excepcións, non foron quen a preservar os seus obxectivos fundacionais (fluidez e suficiencia do crédito necesario ás pemes e familias) e embarcáronse en aventuras descapitalizantes. Unha desas, sen dúbida, foi a da promoconstrutora valenciana ASTROC.

Todo para agachar que o sistema financeiro español, emperador dos tempos da purpurina e baleira brillantez, ía polo mundo,en realidade, espido

Mais os males foron comúns e mesmo as entidades botaron mán de produtos financeiros fraudulentos que lles permitirán sanear os seus balances, nos que sobrancearon os grandes Bancos privados españois, coa súa emisión masiva de obrigas subordinadas. Todo para agachar que o sistema financeiro español, emperador dos tempos da purpurina e baleira brillantez, ía polo mundo,en realidade, espido.

Semella que reestruturarmos o sistema financeiro vai esixir un lote de recursos públicos. Os mesmos que se están a retirar do estímulo á economía produtiva, da educación, da formación profesional,da sanidade e dos servizos sociais, que haberían garantir unha cohesión e inclusión social nas que a España mesmo era deficitaria nos mellores intres do autoengano.

Velaí que sexa tan razoábel esixir, canda esta achega de recursos públicos, o control público da Banca intervida para garantir que a función esencial do sistema bancario (que flúa o crédito á produción e ao consumo) poida ser desenvolvida en beneficio das nosas empresas. E que os gaños indubidábeis no medio prazo desta reestruturación revertan, en último de contas, no patrimonio de todos.

Sempre para acadarmos o obxectivo esencial, que non é a nacionalización nin a privatización da Banca, senón que o crédito flúa. Para garantirmos unha actividade económica que sexa quen a nos tirar fóra deste pozo

Na nosa Galicia, asemade, o artigo 55 do Estatuto facúltalle ao Poder Galego para asumir a representación das Institucións estatais (entre elas o FROB) nas empresas participadas polo sector público, mesmo NG BANCO. Sempre para acadarmos o obxectivo esencial, que non é a nacionalización nin a privatización da Banca, senón que o crédito flúa. Para garantirmos unha actividade económica que sexa quen a nos tirar fóra deste pozo.

 

A arrincadeira: “D. Valentín, aquí estamos”

Ningúen mellor ca o homenaxeado no Día das Nosas Letras, Paz Andrade, para deprendermos a lección da Galicia como tarefa, do País como espazo de creatividade e emprendemento empresarial, do galego como lingua de comunicación empresarial. D.Valentín, aquí estamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.