Bandullos sen fondo

A Picho in memoriam. "O tabán socrático" foise berrando XO!, a voz que para ás bestas.(Con licenza de Afonso, Claudio, Tomás, Felipe, Raxo, Anxo, Villar, De Lucas e Tato).

Fatos de cans rabiosos érguense á rompida do día e fincan os seus afiados cabeiros na gorxa dos que súan e non bafexan, ata rillarlle a pel e deixalos cos ósos á intemperie. Aguzan sucias artimañas, para baixarlle as orellas aos que brúan batendo o cobre nas rúas enlamadas polas bosteiras de semellantes bestas.

Bandullos sen fondo, bocas insaciables, devorando todo canto pillan por diante, obsesionados con encher a embute bocois de perecedoiras viandas, para gozar vendo dende lonxe como a xente normal se retorce berrando en silencio

Estórbanlle os que teñen doenzas. E para empurralos cara as beiras da miseria inventan palabras feas coma os días de inverno –manifestódromo-, sen agardar á bendición da Academia, mesmo antes de pronuncialas axeitadamente, obrigándoos a engulir o seu perverso significado para que, cada vez que lle queiran tocar o nabo, ou cando lle cuspan na súa propia estampa, non teñan máis remedio ca domear os xeonllos ben domeados, no canto de deixalos berrar aínda que só fora para queixarse.

Comezan embobándonos con parvadas, coma esa de que a Porta do Sol non pode soportar tanta caterva manifestándose a diario, e acaban facéndonos crer o mesmo á propósito da Alameda de Santiago, con tal de vernos resignados, e logo enviarnos a bradar ao quinto carallo, para que os berros se apaguen no camiño e cheguen en silencio aos ouvidos dos que teñen a obriga de escoitar aos que xemen para cebalos ben cebados. Para non lle perforar os tímpanos aos que nos permiten pasear polas rúas de balde.

Cobizan a diario, argallando falcatrúas, para estafarlle as pertenzas aos que so posúen dignidade. Bandullos sen fondo, bocas insaciables, devorando todo canto pillan por diante, obsesionados con encher a embute bocois de perecedoiras viandas, para gozar vendo dende lonxe como a xente normal se retorce berrando en silencio; para cheirar dende preto o recendo da abundancia, aínda que se troque en carnaza e o seu fedor pestilente lle acabe obstruíndo as súas delicadas pituitarias.

Cavilar co bandullo é moi perigoso porque atolda o pensamento. E se os amos do conto teñen o pensamento nubrado, convén pórse a cuberto

En fin. Badulaques pensando sempre co bandullo, no canto de facelo algunha vez que outra coa cabeza –ou co corazón-. Mentes retortas, matinando sen acougo na maneira de facer calar aos que xa non teñen folgos para seguir berrando. Feras que usan a forza para prohibirlles padecer, para negarlles o desafogo de queixarse, porque quen se queixa pode acabar berrando. E a intensidade dos berros pode aloular aos cans sebosos nas sagradas horas de descanso.

Ah! O meu tío Lisardo leva tempo barrenando coa idea de que a revirada teimosía dos que teñen a tixola polo mango, obsesionados en facer calar á xente, pode acabar criándolle sebo no cerebro, ata axotarlle as neuronas para que se apoleiren no ventre. Mais, cavilar co bandullo é moi perigoso porque atolda o pensamento. E se os amos do conto teñen o pensamento nubrado, convén pórse a cuberto. Cando menos, ata que escampe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.