Barcelona e a Educación Social: E agora que?

Barcelona e a Educación Social: E agora que? Continuar. Dende a nosa profesión, non queda outra. Non comezamos a traballar de cero, porque levamos moito tempo intervindo na multiculturalidade e na Educación para a Paz, pero somos conscientes que actos como este cuestionan particularmente as nosas funcións. Aínda así, non dubidamos que a ferramenta, o noso traballo de intervención social -como ben enunciou Jesús Jares- , é "un proceso dinámico, continuo e permanente (...), que pretende desenvolver unha nova cultura, a cultura da paz, que axude ás persoas a observar criticamente a realidade situándose en fronte e actuar en consecuencia"(Jares, X. -1999-. Educación para la paz. Madrid: Editorial Popular).

Pero vai ser moi duro, porque horas despois do atentado, as redes tinguíronse de odio de xeito preocupante. E non soamente as redes, senón tamén xornais, faladoiros de televisión, partidas de dominó no bar da esquina... Como traballamos esta situación? Temos forza suficiente para contrarrestar un sentimento de enfrontamento continuo?

Para incidir no desánimo do noso colectivo, unha compañeira educadora social, nunha reportaxe de La Vanguardia, derrúbase e expresa a súa impotencia, xa que foi unha das profesionais que durante anos realizou a súa labor educativa cos rapaces que, confirmado xa, formaron parte do atentado. Un motivo máis para que escéptic@s (e xenófob@s) apliquen a máxima de: “Non hai outra solución”.

É complexo formular que estamos de novo ante unha oportunidade. Si, unha oportunidade. Ao igual que no seu momento, un autobús laranxa contribuíu a apreciar a (fermosa) diversidade que existe no ser humano, aínda que non fose nin moito menos a súa intención, hoxe temos a ocasión de poder entender que a violencia non é máxima dunha cultura, se non unha expresión mínima pero terrible, moi terrible. Temos que entender que é a violencia estrutural e decatarse que ten poder, moito poder, polo que debemos potenciar sen concesións a construción de ferramentas que faciliten os procesos educativos e relacionais como punto de partida ante a violencia. É apostar por unha cultura da Paz activa, na que todo o mundo é responsable, non soamente aquel@s que gobernan.

Non permitamos que o odio sexa o condutor nestes procesos,  e poñamos en marcha procesos de dinamización social que poñan en valor ás persoas e as súas culturas. A sociedade que vén, é a mocidade que hoxe recibe mensaxes sen capacidade para filtrar. Depende de nós que sexa una xuventude de paz e non de rabia.

Por outra parte e, pese a escasa presencia de figuras profesionais necesarias para entender a sociedade diversa coa que convivimos, entendemos que a nosa responsabilidade está en propiciar encontros con elementos culturais que conviven no día a día. Establecer canles que poñan en valor a importancia dunha comunicación sen medos e sen estereotipos negativos. De feito, esta convivencia cultural, tamén é unha realidade no noso país e, polo tanto, unha obriga social atendela.

Finalmente, e como reivindicación que pode resultar pesada por parte do noso colectivo, é preciso transformar dende abaixo. É preciso ter espazos de encontro dende perspectivas non intoxicadas por un entorno non “amigable”. Si: as escolas, os institutos, os espazos de educación formal. É unha esixencia actual contar con profesionais que fomenten a capacidade crítica para diferenciar os tipos de violencia existentes, así como os chamados “delitos de odio”.

De novo, procuremos aproveitar o potencial profesional que temos na nosa terra que, afortunadamente, non é pouco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.