Basta Xa!

© Toño Núñez

Hai tempo que non escribo do social… Por veces, a un éntralle o desánimo, a impotencia, a preguiza… Ou entretense noutras cousas… Mal feito. Pero isto, non sendo o máis grave, nin moito menos, do que está a acontecer no planetario mundo, revólvelle a un as tripas… Me cago no váter! O que hai que oír! E ler! A prostitución máis noxenta da linguaxe! Collóns! Agora resulta que monstro Donald Trump, por riba de facer o que fai contra a humanidade, crea tendenza… Como non ha entrar o desánimo! Que persoas de tal catadura moral conten coa aprobación e o apoio de millóns doutras persoas afunde a un na miseria… Éche o que hai…

Seica en Cataluña non hai un conflito social moi fondo…. Seica o conflito se resolve ensinándolles ás catalás e aos cataláns unhas cantas fotografías de tanques de guerra e de fusís… Ou metendo no cárcere a uns cantos e a unhas cantas por pensar como o seu entendemento lles manda que pensen… E tan tranquilos… Coma Rajoi, agardando a que amaine o temporal lendo o Marca… Que nunca choveu que non escampase… Así, apagando o lume con gasolina, que é barata, e… E sálvese quen poida, que a min non me toca!

Se a figura dun mediador, ou dunha mediadora, ou de máis, contribuíse a entrar no camiño dunha solución acordada do conflito, benvido/a fose! Antes ou despois, outra alternativa non hai. Ou é que queren provocar unha guerra que sirva, ademais de para matar a x número de persoas, para acabar negociando? Para iso serven as guerras: para acabar negociando, despois de matar a centos, miles ou millóns de persoas, o que de principio non se quixo negociar. Ai… Que irracionais somos os seres vivos “racionais”! Porque, antes ca racionais, somos interesados.

Por que non se lle deixou votar/opinar ao pobo catalán cando o solicitou? Por que retroalimentaron a conciencia nacionalista dunha parte moi importante dese pobo e levaron o conflito ata un punto de moi difícil retorno? Quen ten a culpa disto? De tanto erro tras erro cometidos. Erros dos que agora pagamos as consecuencias todas e todos as/os habitantes do que hoxe é a actual España. Non sei por canto tempo. Cando se lle vai deixar manifestar a súa opinión ao pobo catalán sen medo e sen complexos? A realidade hai que asumila e xestionala. As vendas nos ollos só serven para non vela… Pero a realidade segue aí, teimuda; e non se esvaece, engorda.

E, por riba, tirando a matar contra un Sánchez que non pretendía máis (ou iso parecía, segundo eu entendo) ca buscar unha solución intelixente a un conflito de consecuencias incalculables se non se xestiona con moito sentidiño… Parece ser que logo cansou na tarefa… Ou que logo sucumbiu ás forzas centrífugas e centrípetas do remuíño dos intereses encontrados. Porque ata nas súas propias filas lle fixeron a cama. Unha vez máis, os salvadores da patria levando ao pobo a unha situación límite que vai ver ti como evoluciona.

Basta xa! Abonda, señores Casado, Rivera, Abascal… Basta xa de atentar contra a verdade e de incendiar a sociedade impunemente. Basta xa de atentar contra a linguaxe e de prostituír o significado das palabras e das expresións. Que noxo! Por que hai barra libre nisto? Por que non está penado mentir descaradamente, só coa intención interesada de levar a auga ao muíño propio? Despois, moito encher os “papeis oficiais” que mandan aos centros educativos de “Días de” (Día da Paz, dos Dereitos humanos…) e de supostos valores (tolerancia, respecto, diálogo…) que esixen traballar no sistema educativo… Inmellorable exemplo, señores… Moreas de hipocrisía, de fariseísmo… Onde está o límite da indecencia? Como poden persoas así chegaren a gobernar un país?!

Para ser honesto comigo mesmo, teño que confesar que tampouco xustifico, nin moito menos, moitas das actuacións e declaracións de bastantes líderes cataláns. Dende lonxe, e sen ter un coñecemento contrastado de como se vive o conflito dentro daquela sociedade, percibo, intúo, que tamén hai moita manipulación e moito incendiario máis arriba do Ebro. Seguro!

Pero o veleno e a intoxicación que o PP, Ciudadanos, Vox… están sementando parécenme especialmente graves e négome a calar. Amargáronme o almorzo, abofé. Non quería escribir… Atopábame moi cómodo na miña “zona de confort”. Era feliz. Pero… Non me puiden reprimir… Abonda!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.