Beatriz Mato ten razón

Claro que ten razón, a crise demográfica galega é moi preocupante, dramática. E ten razón, a xente non se dá de conta do grave que é, non está entre as principais preocupacións que ocupan os primeiros postos das respostas nas enquisas. Como o terrorismo machista, por certo, pero esa é outra cuestión que se ve que a ela tampouco lle parece preocupante. E ten razón cando di que a natalidade non se percibe como un ben social, senón como unha decisión unica e exclusivamente persoal. Por iso o goberno do que forma parte non dedica os recursos que debería se asumise que as administracións teñen que facerse cargo da crianza como un ben colectivo e que ten que garantirlles a todos os nenos e nenas que vivan no noso país os seus dereitos polo simple feito de teren nacido: educación, alimentación, sanidade, lecer... con recursos públicos xa que é a única maneira de garantir a igualdade de acceso para todos e todas.

Hoxe en día os recursos cos que contan os nenos e as nenas no noso país dependen en gran medida da súa situación social, económica e familiar e cada vez as diferenzas son maiores

Hoxe en día os recursos cos que contan os nenos e as nenas no noso país dependen en gran medida da súa situación social, económica e familiar e cada vez as diferenzas son maiores. Os motivos para separar as crianzas son múltiples: por sexo, os nenos cos nenos e as nenas coas nenas, por cartos, os que comen de prato e os que comen de táper, por capacidades, os listos e os parvos... o goberno da señora Mato perfecciona a arte da discriminación. Esa será a razón pola que permite e mesmo fomenta, con certas medidas tomadas polo seu goberno e polo do seu compañeiro de partido o señor Rajoy, que as mulleres sufran penalizacións e discriminacións no mercado laboral por esa decisión unica e exclusivamente persoal de teren crianzas. Así que ten razón, ten razón en todo, a crianza non se percibe como un ben social.

Unha das cousas que máis lle preocupa á señora Mato é que, no mellor dos casos, con recursos económicos suficientes e con “estabilidade emocional” (iso que será para ela? parellas españolas heterosexuais casadas como Deus manda?) os galegos non se animan a teren máis de dous fillos. As poucas persoas que entren dentro dese selecto grupo seguramente se animarán a moitas cousas: mercaren casa, coche, iate, iren de viaxe, saíren a cear coas amistades... pero ter fillos e fillas, que non se considera un ben social, que non achega prestixio nin estatus, non parece unha prioridade para as elites e clases dirixentes deste país, nin sequera para os propios cargos do goberno tan preocupado agora por esta dramática situación, segundo a señora Mato.

Van ter que empezar a dar exemplo para mudar o valor simbólico da maternidade e da paternidade neste país e que saiamos desta dramática situación que nos condena á desaparición. Hai algún caso xustificable, como o da delegada territorial do goberno galego en Vigo que aclarou nunha entrevista na radio que só tiña un fillo porque Deus non lle quixera dar máis (eu reivindico o dereito das mulleres a decidirmos pero xa sabemos que a delegada delega en Deus, será por iso que se portou mellor con ela que con outras), pero hai outros casos que non me explico: o conselleiro de cultura e educación, o propio presidente do goberno... como é que non se están poñendo a resolver a crise demográfica do país?

Espero que non se repitan exemplos como o do voceiro de educación do partido do goberno no parlamento galego que sacou o seu fillo con diversidade funcional da escola pública

E postos a criar, espero que dean exemplo e vaian ao fondo da cuestión, a darlle consideración e prestixio social á paternidade, dedicándolle tempo e esforzo a criar e a loitar polos dereitos dos seus fillos e fillas e máis de todos os nenos e nenas deste país. Espero que non se repitan exemplos como o do voceiro de educación do partido do goberno no parlamento galego que sacou o seu fillo con diversidade funcional da escola pública para levalo a un colexio privado (ordinario, non especializado) no canto de facer como a maioría de nais de nenos e nenas con necesidades educativas especiais de Galiza, loitar con unllas e dentes polos apoios que precisan e que cada vez ven máis recortados.

Gustaríame que en lugar de facer públicas as súas declaracións patrimoniais materiais fixesen públicas as súas declaracións patrimoniais non materiais, o tempo e o esforzo que lle dedican a criar aos seus fillos e fillas

Gustaríame que en lugar de facer públicas as súas declaracións patrimoniais materiais fixesen públicas as súas declaracións patrimoniais non materiais, o tempo e o esforzo que lle dedican a criar aos seus fillos e fillas, a valoración do coidado, ese traballo invisible e desvalorizado desenvolvido polas mulleres deste país, sen os recursos económicos nin a estabilidade emocional que teñen os que nos gobernan, sen os servizos públicos básicos e cada vez con máis dificultades. Ao mellor poderíamos comparar e ver se son ricos en cartos (algúns millonarios, abofé!) pero uns hipócritas miserables que non serán capaces de sacarnos nin da crise demográfica nin de ningunha outra.

2 de abril, día mundial de concienciación do autismo, polo dereito das crianzas a teren garantidos os seus dereitos, tamén aquelas con diversidade funcional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.