Belén sitiada

Belén © Moncho Iglesias Míguez

As rúas de Belén, en Palestina, permanecen empapeladas con mensaxes que advirten: “Castigaremos calquera persoa que saia da súa casa”

As rúas de Belén, en Palestina, permanecen empapeladas con mensaxes que advirten: “Castigaremos calquera persoa que saia da súa casa”. As pancartas nos muros da cidade pintáronse de vermello para que non pasasen desapercibidas por ninguén. E as normas cumpríronse; apenas saíu xente das casas nese Nadal de 1988, cando a Primeira Intifada (1987-1993) enchía as rúas de protestas e militares entre longas xornadas de illamento.

As semanas de estado de sitio, nas que os colexios e as universidades pasaron a ser centros ilegais, nas que se derrubaron cultivos e casas, nas que a auga deixou de correr libre e houbo que mercala a pesar de posuíla, provocaron unión no pobo palestino. A idea de protestar contra un réxime que confinaba a poboación a redutos dentro dunhas liñas imaxinarias alentou as campañas por unha causa: a liberdade. Entón, as oliveiras pasaron a ser un himno e con elas as kuffies, que servían de mapa dunha Palestina ocupada dende 1948.

Confinada nun silente mapa de onde brotaron pancartas e sublevacións, alén dos muros desa cartografía comezou a escoitarse que Palestina se levantaba en pedras contra a ocupación. Mentres, Israel aproveitaba a revolta para construír a imaxe dun estado indefenso rodeado de inimigos que combater. Así o proclamaba a norma de “romper os ósos” dos manifestantes palestinos, moitos deles asasinados durante eses anos (arredor de 1200).

Belén © Moncho Iglesias Míguez

Os nacidos nesa Intifada nunca souberon doutro xeito de vivir que non fose o illamento. Algúns dos seus pais xa tiveran que fuxir antes das súas casas e abandonalas, e moitos deles axudaron a construír campos de refuxiados nos que recluírse para se protexer, mentres outros escaparon a cidades e aldeas afastadas, tamén para se protexer. Todos eles buscaron abrigo na unión que ás veces provoca o illamento e a ignorancia do exterior. 

Os nacidos nesa Intifada nunca souberon doutro xeito de vivir que non fose o illamento

As rúas de Belén, unidas ás de Xerusalén por unha estrada cortada por un muro de formigón que alcanza os 8 metros nalgúns lados, son, dende hai séculos, un rebulir de xentes que interactúan con turistas de todo o mundo. Con todo, ás veces nin un nin outros poden pasear polo zoco ou entre os centos de igrexas que adornan a vila, como a Igrexa da Natividade, unha icona do lugar, e onde se cre que naceu Xesús.

A Segunda Intifada (2000-2005) provocou novas medidas de incomunicación en Palestina e a Igrexa da Natividade converteuse nun templo de reclusión. Ante a falta de turistas que sostivesen a economía local, moitos negocios tiveron que pechar e os que quedaron abertos pasaron a pechar todos os días, a mediodía, nun intento de aplaudir en silencio o valor de resistir. Mais durante o sitio da Igrexa da Natividade, as rúas volveron quedar só custodiadas por soldados.

Belén © Moncho Iglesias Míguez

 Nestes días, Belén permanece pechada por mor do coronavirus, que dende hai case dúas semanas mantén asediada unha poboación que apenas pode saír do seu lugar de confinamento ningún dia do ano

En 2002, unhas 200 persoas permaneceron atrincheiradas na Igrexa da Natividade. Algúns deles fuxían dos soldados israelís e uníronse a curas, monxes e monxas que vivían daquela no complexo. Outros loitaban contra o exército de ocupación e usaron o templo como acubillo, seguros de que xamais se destruiría un sitio sagrado. Durante 39 días, a Igrexa da Natividade deixou de ser o lugar de culto que fora e é, para ser o centro das protestas palestinas e unha pancarta para amosar ao mundo que pasa no lugar.

Os anos da Intifada provocaron peches continuos da cidade de Belén; peches que se prolongan ata día de hoxe. As celebracións xudías adoitan facer que se lle pase o ferrollo ao muro que separa Belén de Xerusalén. Algún outro evento que poida provocar calquera tipo de altercado tamén fai que se pechen as comportas. Nestes días, Belén permanece pechada por mor do coronavirus, que dende hai case dúas semanas mantén asediada unha poboación que apenas pode saír do seu lugar de confinamento ningún dia do ano.

Belén © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.