Beleza & Bestialidade

O pasado marzo chegou aos cinemas unha nova versión de Beauty&Beast, producida por Disney, precedida dunha importante campaña de márketing incluíndo a reposición nas televisións de versións anteriores . No primeiro fin de semana en pantalla recadou 5,4 millóns de euros nos cinemas españois, a mellor estrea do ano, cun público fundamentalmente familiar. Na súa web, Disney  debuxa  a Belle como un modelo a seguir polas nenas:  “...é coñecida na súa aldea porque lle encanta ler. Soña con vivir grandes aventuras e cre que en todo o mundo hai bondade, incluso na besta”.  Emma Watson,  actriz protagonista,  faise eco desa visión nas entrevistas de promoción: “unha moza decidida, incriblemente independente, quería coñecer todo o mundo, ler e lograr unha relación tan dinámica coa besta nun esquema que non vira noutro conto de fadas”.

Os contos infantís son instrumento de aprendizaxe de modelos de comportamento, tamén de roles de xénero. Difúndense masivamente a través de produtos audiovisuais, ocupando un espazo  moi importante na vida diaria de nenas e nenos. Mentres, redúcese o tamaño das familias e limítanse as oportunidades de interacción real das criaturas coa diversidade de modelos de muller e  varón que existen no seu entorno.  O cine socialízanos, o seu poder emocional inflúenos máis que a realidade, fainos idealizar personaxes e estilos de vida. A narrativa cinematográfica utiliza estereotipos para facilitar a identificación rápida do público e, ao tempo, refórzaos, máis aínda nas mentes infantís. Unha vez aprendidos, os estereotipos son difíciles de erradicar, vémolo acotío na loita por cambiar os que sosteñen a desigualdade e a violencia de xénero. De aí a importancia de analizar que modelos ofrecen estes produtos audiovisuais ás nosas criaturas.

Efectivamente, Belle móstrase como lectora obsesiva, despistada cos seus deberes e labores domésticos, infantilizada, sen oficio nin profesión. É  vista pola veciñanza e a súa familia como unha moza extravagante. A película séguea no seu proceso de “maduración”: vemos como renuncia a ese afán de aventuras ,como paga as consecuencias desa extravagancia adolescente co sacrificio da súa autonomía para salvar ao pai, como acepta o rol de cativa e logo salvadora da besta.  Hai que lembrar que ao final do conto, Belle non inicia unha vida de aventuras e lecturas, só casa.

A cuestión da beleza física ligada á bondade e da fealdade ligada á maldade, é unha mensaxe anacrónica e pouco adecuada

O lema explícito da película: “a beleza está no interior” repítese unha e outra vez, pero a protagonista é bela de aspecto e até de nome, a beleza está no interior... da besta. A cuestión da beleza física ligada á bondade e da fealdade ligada á maldade, é unha mensaxe anacrónica e pouco adecuada para combater  os problemas que, fundamentalmente as mulleres, temos coa aceptación da propia imaxe, e que se inician na primeira socialización, nas idades ás que se dirixen estes produtos. 

Outro conflito que manexa a historia está na natureza bestial do protagonista, na súa loita contra esa natureza e a incapacidade para superala por si mesmo. É rescatado da súa bestialidade polo sacrificio e a fe, convertidos en amor, dunha muller, que ve nel o que ninguén máis ve. A súa humanización é produto da abnegación de Belle, que resolve a súa loita interior coa renuncia ás aspiracións de autonomía e aventura: poñendo os intereses dos outros –primeiro do pai, logo da besta- antes dos seus.

Non se precisan grandes esforzos para ver o perigo das imaxes masculina e feminina que nos propón Disney. Atribuíndolle a ela o poder  de transformalo en algo diferente do que se mostra como a súa natureza, violenta e dominante, a través da abnegación e a submisión. Negándolle a el a capacidade de madurar por si, sen o acompañamento e o sacrificio dunha muller, que debe atraer con engados e ameazas.

A tradicional idea de que existe unha natureza diferente do feminino e o masculino redefínese da man do feminismo da diferenza: o que Luce Irigaray denomina o pobo dos varóns, carnívoro e caníbal, con afán de dominio, e o pobo das mulleres, ecolóxico e maternal, con certa superioridade moral. Unha diferenciación maniquea con consecuencias políticas. Se vemos as mulleres superiores moralmente, con capacidade de ver ao príncipe detrás da besta e rescatalo da súa natureza, asumimos a responsabilidade de salvalos de si mesmos, desa natureza que non controlan, da que non saben saír. Se cremos que os varóns son incapaces de madurar sós, que a súa agresividade os domina, será difícil reclamarlles que se responsabilicen do seu propio crecemento, da obriga de respecto e aceptación das necesidades e desexos das outras.

Repetimos unha e outra vez que as bases da desigualdade e a violencia de xénero están nos roles aprendidos na infancia, nas expectativas sobre o que a sociedade espera de mulleres e varóns. Apelamos á educación para mudar eses roles. Desmontar este tipo de relatos tradicionais, que se modernizan só superficialmente, é un labor imprescindible para construír uns roles de xénero máis igualitarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.