'Bella senza anima', que cantaba Riccardo Cocciante

A economía académica intenta, coma se a levara o demo, buscar acomodo mais alá (ou mais acá, que tanto da) do BEN e do MAL; e os contemporáneos aprendices de economía son amestrados para fuxir de xuízos e opinións normativas respecto do que é bo ou malo. O nóbel Milton Friedman así o dixo: “a economía debería ser unha ciencia positiva axioloxicamente neutral, que describa o mundo como é e non como debería ser”. Na vida real, porén, a economía non é unha ciencia positiva. Se o fora, non teriamos que intentar que o fose. E resulta paradoxal que un campo que primariamente estuda valores pretenda estar libre deles. Aínda mais, un campo científico que cre nunha man invisible que goberna o mercado, unha cousa que vive e que non se ve, pretende ser positiva?

O primeiro libro de texto de economía estándar foi A riqueza das nacións, do profesor de moral Adam Smith, publicado en 1776; en 1848 foi substituído por Os principios de economía política, de J.S.Mill, co expresivo subtítulo  “con algunhas das súas aplicacións á filosofía social”. Ningún deses libros de texto contén unha soa gráfica ou ecuación, os números case non aparecen nin o cheiro sequera a calquera modelo matemático. Ámbalas dúas obras foron, mais ben, textos filosóficos. En 1890, os Principios de economía de Marshall convertéronse na biblia da economía, incluíndo varias gráficas simples (hai unha por cada 20 páxinas) e na conclusión o autor agregou un apéndice de notas matemáticas. Por suposto, o libro contiña unha introdución á historia do pensamento económico e varios debates ético-económicos, pero no título xa perdera o apelido “política”. En 1936, Keynes publica a súa Teoría Xeral, onde so caben unhas poucas gráficas e ecuacións básicas, e onde o autor fai énfase na dimensión ética da economía. Porén, a seguinte biblia da economía, o libro de texto Economía, do americano Paul Samuelson, xa semellaba un manual de física: aparecía unha gráfica, ecuación ou táboa cada dúas páxinas. E, por suposto, xa non quedaba sitio para as dúbidas nin para debates ético-económicos: nacera o trebello mecánico Economía, a Santa Eficiencia, un mecano de asignación matemática de recursos escasos a necesidades infinitas.

A cuestión real non é se o modelo económico de mercado funciona ou non, senón se o fai da maneira na que queremos que o faga. A cuestión de se algo funciona carece por si mesma de significado, a non ser que estea relacionada co significado e propósito dun fenómeno dado; e soamente de acordo con isto podemos xulgar se algo funciona ou non funciona. Un tractor John Deer de 300 cv, control electrónico de tracción, con climatizador e blutú de serie, pode funcionar á perfección, por suposto; pero se nós o que queremos e sulfatar as viñas de albariño, igual saímos gañando cun chimpín escangallado e cunha roda de pau. Pero a cousa pode ir a peor, e o trebello mecánico “cobrar vida propia” Imaxinade que o John Deer se arrepón, e como non cabe por embaixo dos emparrados, ordena levantar tódolos postes e poñelos á súa altura. E diante das nosas protestas a máquina argumentará o aumento da eficiencia e punto; e xa nos ves a tódolos labregos de horta e viña, encomendados á Santa Eficiencia, desenterrando postes, encargando outros á medida no Porriño, espetándoos outra vez nas leiras; e certificando cos nosos ollos que agora o John Deer tarda a metade de tempo en sulfatar e que sobramos a metade dos chouferes de chimpín. Que facemos daquela?, preguntámoslle ao mecano económico. ”Mercado global e vantaxes comparativas, meus escravos! Hai traballo a esgalla en Bolivia, Perú, Sri-Lanka ... veña, aviando, que a vida son dous días”, contéstanos. Algo se poderá facer, ou?, porfiamos. “Non hai outra, meus... sodes meras unidades de produción e consumo...ou que pensabades?” Como dis? Pero se nós inventamos os mercados, a globalización e todas esas caralladas... !

O boneco Chucky volveuse diabólico! Algo que debera poñerse ao noso servizo (a ciencia económica), de repente adquire a súa propia lóxica e comeza a traballar en contra nosa. Despois de moitos anos de quitarlle á economía a súa codia de significado, ética e carácter normativo; logo de anos de subordinar a política á economía, sorpréndenos agora que esta collera a tixola polo mango?  A pesares da pésima opinión que nos mereza a clase política, polos seus calotes, mentiras e corrupción, de verdade queremos que o poder económico estea por riba do poder político? De verdade queremos que Marck Zuckeberg, Amancio Ortega ou Carlos Slim teñan mais poder ca moitos gobernos? Pensádeo de vagar, aínda que sexa só un chisco. Porque o poder político, se non nos enche o ollo, sempre o podemos cambiar; pero como raios pensas coutar o poder económico se lle ceibas as correas e medra ás súas anchas?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.