Bemposta, "próxima estación: esperanza"

Década dos 60, co país sometido á ditadura de Franco, e coa Igrexa como cómplice, o día a día eran a represión, a fame e as execucións ao amencer. Neste escenario, un cura ourensán, o Pai Silva, baixo o lema de que "outro mundo é posible”, funda a Cidade dos Muchachos para acoller nenos e nenas sen recursos de todos os cantos do mundo. Crea unha Escola de Circo, unha gasolinera, un centro de ensino e escolas de formación práctica con talleres de ferraxaría, carpintería...

Neste escenario, un cura ourensán, o Pai Silva, baixo o lema de que "outro mundo é posible”, funda a Cidade dos Muchachos para acoller nenos e nenas sen recursos de todos os cantos do mundo

Era un espazo de liberdade no que dentro dos seus muros @s que alí vivían escollían democráticamente o seu Alcalde, e ata dispoñían de moeda propia. Unha especie de república democrática, forxada co esforzo e traballo “dos muchach@s”,  na que non existía a propiedade privada. Pero a pesar de ser un reduto de xustiza e de solidariedade, non logrou escapar do neoliberalismo feroz que abandeira a especulación e carece de escrúpulos e de sensibilidade social. Foi o Goberno de Manuel Fraga, quen collendo da man a Deputación de Ourense, a puxo en xaque proxectando un campo de fútbol para o C. D Ourense e a posibilidade de construír vivendas nas instalacións de Benposta. Unha sentenza anos máis tarde, na que mesmo se recoñecía "a temeridade e a mala fe coa que actuou a Xunta de Galicia", deulle a razón ao cura.

A pesar de ser un reduto de xustiza e de solidariedade, non logrou escapar do neoliberalismo feroz que abandeira a especulación e carece de escrúpulos e de sensibilidade social

Entón comezou unha campaña de ameazas e desprestixio cara á súa persoa e o seu labor, que conseguiu que os ourensáns e ourensás acabásemos vendo todo aquilo cun halo de utopía cheo de imperfeccións. E si, Ourense abandoou Benposta. Esquecemos que o Circo paseara o nome da nosa cidade por todo o mundo, e que a Cidade dos Muchachos dera esperanza e unha segunda oportunidade a miles de nenos e nenas, que coa única compaña da soidade e da fame, vagaban polas rúas de Río de Xaneiro, Lima ou Porto Príncipe. E así, por baixar os brazos e non ensinar os dentes, fomos cómplices daqueles que querían truncar un sono que para entón xa era unha realidade.

Tiveron que pasar máis de dez anos para que da man do festival Reperkusión, miles de persoas volvésemos sentir o espíritu bemposteño

Tiveron que pasar máis de dez anos para que da man do festival Reperkusión, miles de persoas volvésemos sentir o espíritu bemposteño. Na Cidade dos Muchachos, a pesar da sensación de abandono das instalacións, e tal e como Tonhito de Poi se encargou de recordar, sentimos que "Bemposta non era un sitio calquera". Mentres miramos a imaxe do Pai Silva situada nun extremo do escenario, e coas notas de Manu Chao como pano de fondo, soñamos devolver Bemposta ao lugar que se merece, e que co apoio de tod@s os ourensáns e ourensás, sexa de novo a “próxima estación: esperanza”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.