Benito, non mires

Benito, será mellor que non mires, que a dor de ver o que están facendo coa túa benquerida Casa da Xuventude, sería insoportable. Por comezar por algo, contareiche que desapareceu o bulicio que había nas súas salas. Agora reina o silencio, o vacío máis inmenso, consecuencia da xestión de quen non para de poñer trabas burocráticas, para que ese espazo deixe de ser “A Casa”, o fogar de tod@s @s moz@s ourensáns. Xa non é exemplo de democracia, nin de tolerancia, agora todo ten que pasar polo filtro dunha “censora”, enviada por Feijoo, que impide a celebración de todas aquelas actividades críticas co actual Goberno, e que se afasten dos seus preceptos ideolóxicos. Suprimíronse actividades, e como se de calquera outro edificio administrativo da Xunta se tratase, ubicouse alí, entre outros, un Punto de Encontro Familiar.

Agora reina o silencio, o vacío máis inmenso, consecuencia da xestión de quen non para de poñer trabas burocráticas, para que ese espazo deixe de ser “A Casa”, o fogar de tod@s @s moz@s ourensáns

Isto dende logo non xorde coma “unha idea feliz”, pois o espírito crítico e construtivo da mocidade sempre molestou a aqueles/as que exercen as súas políticas a base de golpes enriba da mesa, aos que pretenden que as novas xeracións sexamos clones das personaxes de “Yo amo a  Laura”. Así pois, o seu obxectivo é claro, “matar” a todo o tecido asociativo da mocidade ourensá. 

Fano precisamente no momento en que @s moz@s temos unha conciencia máis crítica ca nunca, cando reclamamos  máis democracia, e de maior calidade 

E fano precisamente no momento en que @s moz@s temos unha conciencia máis crítica ca nunca, cando reclamamos  máis democracia, e de maior calidade. Estamos ante xeracións que non soamente participamos en sociedade, senón que queremos facelo máis, sen interpretar o papel de meros espectadores/as que algúns nos adxudicaron.

Conformaremos un exército imparable que defenderá esta fortaleza dos ataques ao teu legado, Benito

Pero esta mocidade ourensá, chea de valores, non está pola labor de consentir que pouco a pouco se desbarate A Casa da Xuventude, para transformala nun edificio baleiro de contido, e de espírito crítico. Conformaremos un exército imparable que defenderá esta fortaleza dos ataques ao teu legado, Benito, e farémolo  nunha loita incansable coas armas que ti sempre puxeches ao noso dispor, a ilusión, o traballo, a valentía e a palabra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.