Benposta. Mito e realidade

No que vai de século Benposta consumou o proceso de decadencia e foi noticia con moita frecuencia: polo intento de pelotazo urbanístico co seu patrimonio; polo peche e intento de apropiación deste patrimonio por parte da familia; polo fin triste e doloroso, para moitas persoas que pasamos por Benposta, do propio P. Silva e, finalmente; polo destino final deste patrimonio en mans dunha empresa de transportes.

Reinciden nos tópicos que a propaganda foi instalando: poñer o centro no Circo e na Escola de Circo, presentala como obra individual do P. Silva, resaltala como obra de carácter asistencial para a infancia necesitada, e describila coma un lugar utópico, un soño de cidade feliz

Agora están saíndo á luz artigos e publicacións relacionadas con esta experiencia que, dalgunha maneira, motivan este texto. Creo que, agás a novela de Alberto Canal que como obra de ficción resulta moi recomendable, sobre todo nas lecturas escolares, onde abondan obras de moi dubidosa calidade; reinciden nos tópicos que a propaganda foi instalando: poñer o centro no Circo e na Escola de Circo, presentala como obra individual do P. Silva, resaltala como obra de carácter asistencial para a infancia necesitada, e describila coma un lugar utópico, un soño de cidade feliz.

Benposta foi unha realidade, unha experiencia pedagóxica que comezou o P. Silva cunha panda de rapaces en Ourense, cunha vaga referencia das pedagoxías revolucionarias do século XX pero sen ningún deseño de proxecto. É, por tanto, unha experiencia que se foi construíndo ao longo de vinte anos até conseguir o seu momento de esplendor. Eu vivín ese proceso desde 1967. Fun testemuña e actor desa construción. Por suposto o P. Silva tivo un papel referencial de animador dese proceso de desenvolvemento estrutural que medrou pola aportación dos propios rapaces que estabamos alí; polas aportacións dos profesores, tanto académicos como artísticos, e adultos en xeral que chegaron á Cidade máis por afinidade ideolóxica que buscando unha saída profesional.

Benposta ensinoume que a vida en comunidade de iguais é posible, que os rapaces e as rapazas poden asumir responsabilidades e construír unha democracia como cidadanía consciente

Tanto o sistema democrático de autogoberno coma o sistema económico de autoxestión e autofinanciamento foise conformando coas respostas ás necesidades organizativas até acadar a complexidade que chegou a ter. A máxima pedagóxica máis coñecida era: “O que educa é o ambiente” e todo o esforzo da comunidade estaba sempre orientado a conseguir ese ambiente. As eleccións democráticas, a organización do poder (Goberno) e do contrapoder (Camara de Deputados), A moeda propia como elemento socializador e xerador de autoesixencias (cobrábase por distritos un salario comunitario, de tal xeito que se un membro faltaba aos traballos ou a clases e tiña descontos, estes repercutían en todo o grupo); os traballos no circo, na gasolineira e en talleres varios que constituían a base do autofinanciamento. Todo formaba parte do sistema educativo, o circo, como unha ventá moi importante que a fixo moi visible pero os focos tamén impediron proxectar unha visión global da proposta educativa.

Benposta ensinoume que a vida en comunidade de iguais é posible, que os rapaces e as rapazas poden asumir responsabilidades e construír unha democracia como cidadanía consciente. Ensinoume que a única maneira de conseguir persoas adultas responsables é, educar exercendo a responsabilidade, que implica sempre a confianza absoluta nos rapaces e nas rapazas; que a democracia é máis ca un sistema político ou un procedemento, é unha cultura.

Coma case todas as experiencias revolucionarias, foi coma unha illa de sal que o grande océano do sistema vai disolvendo, e este imaxinario que se esta construíndo coa cantidade de información que fornecen as publicacións ás que me refería, forman parte do océano.

Coma case todas as experiencias revolucionarias, foi coma unha illa de sal que o grande océano do sistema vai disolvendo

Sei que é moi difícil, que este non é un produto de consumo doado nesta sociedade de consumo, valla a redundancia. Cando algunhas persoas benposteñas nos quixemos organizar para entrar a formar parte da “Asociación Cidade dos Muchachos” e axudar a reanimar Benposta, negóusenos radicalmente a participación. O Cura, a familia e próximos, reaccionaron con gran agresividade e recorreron ao relato deturpador de: Benposta obra social creada por un filántropo coma o P. Silva e financiada pola súa familia, ameazada por exbenposteños e exbenposteñas que se queren apropiar da leira. O relato é en todo falso, mais é de consumo doado. Nós tentamos defender a obra colectiva mais non puidemos facer nada fronte ao relato de obra individual e patrimonio familiar. Os valores do individualismo e da sagrada propiedade privada impuxéronse, aínda representando a antítese dos valores benposteños. Impuxéronse á costa de destruír o legado máis prezado.

O P. Silva rematou só, no medio dos escombros da obra que soñou e na que ocupou a súa vida, berrándonos traidores a moitas persoas que o único que queriamos era salvar Benposta e ofrecerlle a el o recoñecemento que se merece

O P. Silva rematou só, no medio dos escombros da obra que soñou e na que ocupou a súa vida, berrándonos traidores a moitas persoas que o único que queriamos era salvar Benposta e ofrecerlle a el o recoñecemento que se merece. Non nolo permitiron, nós non atopamos maneira de facelo e hoxe, desgraciadamente, de Benposta Ourense so queda o patrimonio inmaterial. Os gobernos que hai en Ourense, en Galiza e no Estado; no tiveron nin teñen a sensibilidade necesaria para rescatar ese espazo e convertelo en algo público que honre a memoria do que foi Benposta. Como cidadán de Benposta sinto que temos pendente a recuperación da memoria máis o recoñecemento e homenaxe ás persoas que a fixeron posible. Desde o 2 de setembro de 2011, cando nos deixou o Cura, organizáronse na Finca festivais de Rock “OURENROCK”, concentracións de motos e pode que algún evento máis do que non teño información e, como dicía, publicáronse artigos, crónicas, reportaxes e libros que reducen Benposta a unha Escola de Circo e unha obra filantrópica de carácter social.

Está pendente e é necesario contar con honestidade o que foi Benposta, coas súas luces e as súas sombras; e deixar de insistir nese relato paternalista e falso, socialmente dixerible

Está pendente e é necesario contar con honestidade o que foi Benposta, coas súas luces e as súas sombras. Recuperar a súa memoria como un patrimonio inmaterial colectivo; o valor das súas aportacións á pedagoxía; e deixar de insistir nese relato paternalista e falso, socialmente dixerible.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.