Benvido a Highland

Moitos argumentan que os impostos en España son baixos. Aducen que a presión fiscal – a relación entre os ingresos tributarios totais dun país, incluídas as cotizacións á seguranza social, e a renda nacional- é mais baixa que a media da Unión Europea. Certo. Tan certo como que a presión fiscal non indica se os impostos son altos ou baixos.

Supoña dous países, Lowland e Highland. En Lowland a taxa impositiva para os que gañan 20.000 euros ao ano é do 10% e do 30% para os que gañan 40.000 euros. Porén, en Highland a taxa impositiva para os que gañan 20.000 euros ao ano é do 20% e do 40% para os que gañan 40.000 euros. Non sei vostede, mais eu non dubidaría en afirmar que en Highland os impostos son maiores que en Lowland. Supoña agora que en Lowland todos os contribuíntes gañan 40.000 euros ao ano mentres que en Highland todos os contribuíntes gañan 20.000. A presión fiscal en Lowland será entón do 30%, maior que a presión fiscal de Highland que é do 20%. Os que incorren na falacia da presión fiscal non dubidarían en afirmar que os impostos son maiores en Lowland que en Highland. Mais é falso.

Se en España a presión fiscal é menor que en moitos países do nosa contorna é debido, entre outras razóns, a que a nosa renda per cápita é tamén inferior por mor das altas taxas impositivas

E xa que os impostos desincentivan o esforzo e a acumulación, entón a maiores taxas impositivas menor renda per cápita. Do que se segue que se en España a presión fiscal é menor que en moitos países do nosa contorna é debido, entre outras razóns, a que a nosa renda per cápita é tamén inferior por mor das altas taxas impositivas que soportamos. Mais, non o é porque teñamos taxas impositivas baixas. De facto, tanto en renda como en sociedades ou cotizacións sociais, temos taxas impositivas mais elevadas que os países da nosa contorna. E agora tamén no IVE estamos no pelotón de cabeza.

Outra razón pola que a presión fiscal é reducida en España é que o noso sistema fiscal está repleto de deducións. Por exemplo, as taxas do imposto de sociedades son do 20 e o 25% dependendo do tipo de empresa. Agora ben, a taxa media – recadación sobre base impoñíbel (que son os lucros das empresas)- non chega ao 10%. A razón é que o imposto de sociedades está infestado de deducións. Agora ben, quen máis se beneficia destas vantaxes son as grandes empresas, mentres que as pequenas desembolsan. As pequenas empresas frecuentemente viven ao limite das súas posibilidades e pagar elevados impostos frecuentemente ameaza a súa viabilidade. Porén, o noso sistema fiscal descarga toda a súa forza sobre elas, ao tempo que permite que as grandes empresas –xeralmente cunha maior capacidade de facer fronte ás obrigas fiscais- soportan unha carga mais leve. Nun mundo así, a vida dos emprendedores non é doada.

O IRPF está tamén sementado de oportunidades para non pagar, tanto estatais como autonómicas

A recadación por IRPF é tamén baixa en relación a moitos países da Unión Europea. Mais, de novo, non por gozar de reducidas taxas sobre a renda. En España, a taxa marxinal máxima sobre a renda é do 52% (en Cataluña e Andalucía excede o 55%). En Francia, Reino Unido, Italia e Alemaña oscila entre o 40 e o 50%. O que acontece é que o IRPF está tamén sementado de oportunidades para non pagar, tanto estatais como autonómicas. Algunhas estatais son a dedución por compra de vivenda habitual, redución por contribucións a sistemas de previsión social (plans de pensións), exención por premios de lotarías e sorteos, exención das indemnizacións por despedimento e dedución por donativos. Seguro que ao lector se lle ocorren algunhas outras. E por non falar das autonómicas. En Galicia algúns poden deducir os gastos de aluguer e os gastos en novas tecnoloxías.

Existe marxe para reducir as taxas impositivas sen mingua da recadación fiscal.  En Sociedades e IRPF, claramente. Por exemplo, reducindo o imposto de sociedades a unha taxa única do 12% e eliminando deducións de todo tipo a taxa media necesariamente sería do 12%, maior que a actual, que non chega ao 10%. Dous economistas, Michele Boldrin e José Ignacio Conde, presentaron recentemente un simple exercicio contábel. Calcularon que se a taxa marxinal máxima no IRPF se reducise do 52 ao 40% entón a recadación fiscal caería aproximadamente 1.900 millóns de euros. Porén, se se eliminasen as deducións estatais enumeradas anteriormente, a recadación por IRPF aumentaría en aproximadamente 9.200 millóns. É dicir, redefinindo o IRPF poderíanse recadar mais de 7000 millóns de euros adicionais, arredor do 0,7% do PIB. O incremento probabelmente aínda sería maior, pois menores taxas marxinais desincentivarían o fraude e promoverían a actividade económica e, así, a recadación fiscal aumentaría ao incrementarse a base impoñíbel.

Vou ser breve na despedida. Benvido a Highland.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.