Na casa de Alberte moitas veces marchaba a luz. Malia Os Peares estaren cabo do "salto da luz", Fenosa manda a electricidade para fóra.
Os pais de Alberte mandárono estudar cos curas a León. Porque en Galicia o tren e os camiños sempre te botan fóra
Alberte tripou as congostras coas tamancas rezurcidas, alindou as vacas sen roupiña que o abrigase, repartiu o único ovo a medias coa irmaciña Micaela porque as pitas comen só as sobras do millo que se moe para bicas. Pan branco, quen o dera!
Os pais de Alberte mandárono estudar cos curas a León. Porque en Galicia o tren e os camiños sempre te botan fóra. Porque todo o mundo sabe que canto máis lonxe da aldea te poñas, máis certo é que non has volver.
Le Alberte o xusto porque viu moitas veces as follas dos libros se usaban para acender a lareira. Gústalle, en cambio a música. Ou mellor dito, os pianos. Instrumentos máxicos que adornaban os pazos de grandes vidreiras da infancia, polas que espiaba os monumentos de madeira e son. Unha casa coma esta eu quero, pensaba o inxel Alberte, onde se fale castelán e se calce mocasín.
E do moito estudo da lei e da compañía de homes santos, tirou o Alberte óptimo proveito. Converteuse en funcionario do Estado e volvía ao caldiño da mamá cos galóns dos quinquenios e o "soldo para toda a vida". "Agora tes que buscar quen te queira, fillo", dicíalle a nai, coas mans enrugadas de lavar sen lavadora.
Foi aprendendo, entre moscoso e moscoso, que a sociedade máis xusta é a que non se sustenta nos funcionarios e si na imaxinación do libre capital
Alberte encontrou amigos. Peitos de lobo que sucaban o mar, tan machos que nin a nivea untaban. Colegas cos que compartir o lume no tempo da neve, falando de fútbol e do Entroido de Verín, que é do que falan dous homes de ben cando o frío aperta.
Foi aprendendo, entre moscoso e moscoso, que a sociedade máis xusta é a que non se sustenta nos funcionarios e si na imaxinación do libre capital. Como tinguilean as palabras do pai. "Métete na política para vivir dela". Que gran negocio é emprender sen necesidade de arriscar capital!
Xa se sabe. A amizade é unha escada cara ao ceo. Alberte non tivo que voltar á aldea. Comprou piso en Madrid e logo en Vigo, unha ganga nas torres do Éxito, onde sempre cheira a bo coiro de zapato castellano.
Cando te esforzas por non cheirar a porco, por espulgar a lingua do sabor da aldea, Galicia dáche recompensa. Non é acaso a inesperada maioría parlamentaria do 2009 un sinal?
Como dicía o beato, o traballo é un camiño de santidade e Deus premia os seus. Cando te esforzas por non cheirar a porco, por espulgar a lingua do sabor da aldea, Galicia dáche recompensa. Non é acaso a inesperada maioría parlamentaria do 2009 un sinal? Non é acaso converterse no primeiro presidente de Europa en aguantar no poder a pesar da crise unha mensaxe divina? Quen antes conseguira que Xosé Carlos Caneiro abandonase as camisetas de Breogán e o sistema literario galego!
Que a xente ruín desespere. A misión de Alberte está en Madrid (que sofás tan cómodos che poñen en Intereconomía!). Onde un galego por fin se liberta do seu minifundio, onde a única choiva que te molla é o chuspe de Angela Merkel cando fala.