BNG, falamos de ideas?

Dado que para algúns parece que na XIII asemblea do BNG só houbo eleccións de cargos e desafíos numéricos, non estaría mal que se discutiran e ventilaran resolucións, ponencias e enmendas para entender que camiño acordou seguir o BNG no seu encontro. Motivos para o desencontro sempre os hai e se non os hai sempre poden atoparse. Pero en política calquera encontro ou desencontro ten que construírse sobre a base dunhas ideas e uns proxectos que a xente poida obxectivar e entender, en si mesmo e en relación a outros proxectos existentes.

Ninguén pode entender que un desencontro arranque da incontrastable afirmación de que nós somos diferentes e mellores que os outros. Compre falar de ideas e velaí van algunhas das que foron aprobadas na XIII asemblea a partires dalgunhas enmendas:

Enmenda engádega p.1 liña 24 :

1. O fracaso neoliberal e a reivindicación da liña estratéxica do nacionalismo

A profundísima e prolongada crise do modelo neoliberal que estamos a viver racha radicalmente as certidumes do pensamento único dominante, sistematicamente construído durante décadas desde as plataformas de creación de opinión dos grandes poderes económicos e das forzas conservadoras. A crise actual pon ao descuberto de todo o mundo o fracaso do modelo neoliberal en todas as súas dimensións: a fe nos mercados liberalizados e desregulados, a hexemonía das finanzas sobre a economía produtiva, a precarización laboral e a contrareforma fiscal, a globalización financeira e comercial, a privatización do capital social acumulado en empresas e servizos públicos, a arquitectura neoliberal da Unión Europea, o ataque á soberanía das institucións democráticas representativas, o desprezo ás identidades e a diversidade cultural, lingüística, etc.

Ese fracaso radical, evidente, estrondoso do neoliberalismo como modelo social e como modelo de articulación das relacións internacionais ven refrendar e cargar de razóns a aqueles que non só non comulgamos coas rodas de muíño do pensamento único senón que mantivemos ergueita a bandeira da crítica, a denuncia e a oposición política a ese modelo. Agora que o fracaso dese modelo é evidente, por máis que os seus poderosos defensores perseveren e mesmo se radicalicen, o BNG debe reclamar con clareza e con orgullo a razón que con toda xustiza lle corresponde. Manter ergueita a bandeira da oposición ao neoliberalismo tanto no que dia a respeito do seu modelo social como político e territorial é, sen dúbida, un activo que o BNG ten que reivindicar diante de toda a cidadanía. Manter ergueita esa bandeira nos tempos en que o neoliberalismo parecía gozar dunha aparente fortaleza, adubada de arrogante propaganda, non foi tarefa fácil e mesmo chegou a parecer a unha parte do noso corpo social e da nosa organización unha aposta arriscada e en exceso a contracorrente. Para algúns mesmo despegada da realidade demais.

Os feitos actuais demostran as grandes doses de acerto que houbo nos posicionamentos de fondo mantidos pola nosa organización ao longo do tempo, fronte á globalización, fronte aos Tratados de Maastricht, Tratado Constitucional/Lisboa, fronte a OMC, a directiva Bolkestein, as privatizacións, os corsés a sectores produtivos básicos (agrario, pesqueiro, naval...), as deslocalizacións, a privatización da banca pública e a bancarización das caixas de aforro, etc. Claro está que non podemos agardar que os nosos adversarios e nemigos nos recoñezan os nosos méritos e acertos. Pero esa si debe ser tarefa nosa e pode lexitimamente selo. Fronte aos que perderon a súa alma crítica e de esquerdas nos anos da hexemonía incontestada do neoliberalismo e algúns, como o PSOE, mesmo facendo o traballo suxo nos anos da deleiba, o BNG pode e debe reivindicar o acerto do seu posicionamento de fondo. O que debe servir non para fachendear da lucidez pasada senón para reclamar apoio e confianza nas nosas propostas para construír o futuro. Fronte ao inmobilismo suicida dos que se apegan aos postulados dun neoliberalismo desafiuzado, o BNG pode ofrecer unha alternativa críbel e sólida alicerzada nos nosos sinais de identidade: a cohesión social, a economía produtiva sustentábel e a soberanía democrática.


Enmenda de engádega p.10 liña 28.

Defendemos un papel máis amplo e activo para o sector público na economía. En contra do que propugnan os neoliberais, creemos que o país non pode quedar inerme diante dos eventuais desvaríos dos mercados ou as prioridades inversoras do capital privado especulativo e, especialmente, á vista das carencias e/ou falla de iniciativa do capital privado para desenvolver as nosas potencialidades. Polo tanto, ademais do fortalecemento dos piares do estado de benestar, coa prestación pública dos servizos básicos con carácter universal, creemos necesario unha intervención activa do sector público noutros ámbitos claves para o desenvolvemento que veñen sendo esquecidos non só polos neoliberais senón tamén polos social-liberais: no sector financeiro (banca pública), na creación e impulso de novas empresas públicas en sectores estratéxicos, na creación de infraestrutura e servizos tecnolóxicos avanzados, asi como no control público das empresas oligopolísticas que prestan servizos esenciais (enerxía; infraestruturas viarias, portuarias e aeroportuarias; transporte camiño de ferro; saneamento e tratamento dos residuos,  etc).


Enmenda de engádega p.13. liña 30.

Novo ponto (5). Criatividade e flexibilidade para facer fronte aos novos desafíos A envergadura dos desafíos enunciados ao longo desta ponencia obrigan a redoblar os esforzos da organización e, sobre todo, a desenvolver toda a criatividade e flexibilidade para sumar forzas, con xenerosidade e altura de miras. Responder ás múltiples frontes de loita abertas –por outra parte cambiantes- pola profunda crise neoliberal e o abrasivo programa recentralizador, co conseguinte ataque aos nosos sinais de identidade nacional e aos movimentos nacionalistas, fai necesario abrir a nosa iniciativa ás diferentes forzas políticas, sociais, organizacións sindicais, movementos sociais, cultural, lingüísticos, etc coa finalidade de artellar unha resposta o máis ampla e plural posíbel a todos e cada un desas frontes, enumeradas nos apartados anteriores.

A acción institucional debe combinarse cunha estratexia de organización e mobilización da sociedade nunha estratexia na que o nacionalismo lidere con xenerosidade e altura de miras eses procesos. En particular, os nosos concellos deben ser criativos e exemplares na adopción de medidas de apoio e solidariedade cos diferentes colectivos agredidos ou vulnerábeis.

Nese mesmo sentido, será necesario avaliar a oportunidade de creación dunha ampla plataforma na que nós puideramos participar mancomunadamente con todos aqueles grupos e movementos cos que chegaramos a compartir unha axenda de puntos comúns.
Igualmente debemos ser abertos e creativos á hora de dar resposta a problemas novos e movementos novos que xorden a medida que a crise actual vai provocando consecuencias e situacións máis graves (desafiuzamentos, peches de empresas, espolio financeiro, deslocalizacións, pobreza extrema, etc).

Até aquí o texto das enmendas que eu presentei e que foron aprobadas e incorporadas de xeito resumido na ponencia oficial aprobada na XIII Asemblea do BNG celebrada en Amio o 28-29 de xaneiro. Nuns tempos en que moitos parecen empeñados en sementar toxos nas estremas das veigas do nacionalismo eu propoño cortalos todos e enterralos como bo esterco para que medren con forza as colleitas na agra aberta de todos. As verbas con espiñas tan só feren e proen. As verbas sedimentadas son fertilizante que axuda a agromar as ideas. E as ideas son a materia coa que un país enxerga un proxecto e constrúe o futuro.

Canto se fala de sentimentos cativos e que pouco de ideas e proxectos!. Á vista do desolador panorama do debate, mellor dito diatriba acalorada a través, sobre todo, do díxome-díxome e dos anónimos dixitais, cómpre ter a ousadía de pedir un debate de ideas. Aínda que só sexa para non poñerse colorado ao recordar aquel sabio adaxio ilustrado, “as grandes mentes discuten as ideas; as mediocres, os eventos; as cativas, as persoas”. Canta razón.
Pois ben, esas tres enmendas, xunto co resto das quince páxinas de ponencia, son as ideas forza que para min fan do BNG un proxecto político á altura dos tempos, tempos tépedos e choídos por un modelo económico empeñado en prolongar a súa agonía a costa do sufrimento de milleiros e milleiros de cidadáns, de pobos enteiros.

Fracaso do modelo que sempre combatemos, actualización das ideas para saír do burato e disposición a corrixir e ensanchar as alianzas para sumar forzas e avanzar, velaí as tres ideas forza. Non é iso o que queremos? Quen, lexitimamente, non concorde está no seu dereito. Pero, entón, non é moito pedir que se diga.

Porque, amigos, pode que sexa moi antiguo ou pre-posmoderno, pero sigo creendo que as ideas son a materia do progreso. Aínda que só sexa porque é a única forma de manter un diálogo. Os neocons prefiren os instintos, compre telo en conta para confrontalos. Pero a alternativa aos neocons ten que saír da razón, da conversa razonada. Coa reiteración machacona de descalificacións de 140 caracteres non se construe un argumento. Menos aínda cando saen de lugares alonxados do cerebro. Sí, compre seguir confiando no cerebro, aínda que a vista do que acontece pola rede nestes tempos seica xa hai unha empresa en Bangalore que está pensando nunha innovación revolucionaria, sustituír os teclados por tripas. Agardo, que sexa tan só un susto momentáneo.

Xa o dicía Reixa hai uns cantos anos, estamos en guerra pero hai que reflexionar. Mellor entre todos. Non sobran nin persoas nin ideas!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.