Botar fóra os carneiros do escribán

<<Señor Emprantador da Gazeta de Santiago: Eu quixera espricarlle ben craramente canto se folga ó meu corazon co á millor das novidades que teño visto na miña acordanza: falo da orde que veu para que as aldeas escollan Jueces á seu gusto, é para botar por terra todas esas gavelas que nos esmagaban desde hay tanto tempo un fato de señores que eran mais ríspitos para nos, que os mesmos reis....>>

Ben puidera ser eu quen amosara a folgura do meu corazón e aínda máis a miña razón, pola aparición dun medio de comunicación novo e, ademais, en galego. Mais quen así fala é Ramón González Senra nunha Carta Recomendada asinada en Combarro o 2 de febreiro de 1812 e publicada na Gazeta Marcial y Política de Santiago o 5 de febreiro de 1812. Van aló dous séculos pola Candeloria que se publicou este, ata o momento coñecido, primeiro texto en galego na prensa galega. Non pensen que foi unha aparición tan serodia.

A prensa acababa de nacer en Galicia. A primeira cabeceira periódica impresa, El Catón Compostelano, xorde en 1800 da man de Francisco María del Valle Inclán. Os acontecementos históricos provocaron que este tímido xurdimento se reforzase coas publicacións creadas para responder á invasión napoleónica do ano 1808 e dar lugar así a unha reacción popular contra os franceses. O ano 1808 marca o inicio dos diarios en Galicia. O primeiro de xuño nace en Santiago o Diario de Santiago. Na Coruña aparecen o día 22 de xuño a La Gazeta de La Coruña e o Diario de La Coruña. Loitar contra o inimigo era a súa proclama.

O século XIX, no seu bategar implacable de loitas feroces deixounos mostras do que os expertos denominaron literatura de circunstancias, profundamente apegada aos convulsos acontecementos históricos e políticos que lles deitaba o presente. Neste contexto abrolla este texto cheo de albízaras e carraxe de Ramón González Senra, probable heterónimo. O autor aborda temas moi diversos de actualidade política como é a cuestión da soberanía nacional, a escolla de xuíces, a monarquía ou as desigualdades sociais. Ademais, culpa aos  señores da pobreza da terra, de non coñeceren mellor o país que os labregos, da emigración a Portugal e Castela, dos alcumes maledicentes recibidos polos labradores galegos fóra, da miseria e da falta de xustiza.

Mudan os tempos, as fórmulas e os xeitos de relacionármonos pero seguimos necesitando a comunicación. E, neste ir e vir cada vez máis vertixinoso que, como unha espiral nos envolve e nos cobre de ignorancia, precisamos contar con espazos comúns onde atoparnos para devolver o valor ás palabras e darlle corpo aos soños.

Por iso, o nacemento desta eira pública é a mellor homenaxe á efeméride. Non abondan as palabras e os bos desexos. Cómpren feitos e turrar coa realidade mais alá da nube dos desexos. A estas alturas do ano (e vímolo de encetar!)  imos xa cheos de palabras baleiras e de pompas fúnebres obsesionadas por honrar memorias para gañar portadas e un trending topic. E de pésames. Xaora que si. Disque máis vale unha farta ca sete lambidas e, abofé, levamos un enchente bo, así,  dificilmente dixestivo, como os do día do patrón. Houbo quen, no canto de dar unha aperta de bo aninovo deu o pésame pola desgraza de ano que, seica, nos vén enriba do lombo. Non falta tamén quen prefira moer na resignación e dar couces nos dentes, asunto ben propio deste país iso de ir rebentando proxectos  e esperanzas lexítimas antes de que vexan a luz. E se lles vai ben, xa saben o conto, algho farían… 

Veña, xa chegou a perrencha. Aló foron os lamentos, as bágoas e as queixas.  Agora cómpre turrar.  A aparición de medios de comunicación na nosa lingua –e cantos máis, mellor- será a festa do Galicia de Valentín Paz Andrade e un dos múltiples legados de Isaac Díaz Pardo. Será unha magnífica nova para a necesaria pluralidade e diversidade informativa e de opinión deste país.

Como diría a sentenza mexicana vista en Guadalajara hai uns meses, "Para evitar dividir, hai que empezar a sumar". Ou, se prefiren, eis Lois Pereiro: "A quen teña tempo, enerxía e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo."

Hoxe <<Non lle podo decer mais porque me saltaron na horta os carneiros do escribano, que ten un fato deles que parece o exercito de Masena, é voume á botalos fora nunha carreira>>. Tamén eu. Os carneiros. Do escribán. Botalos fóra.

Non será mal comezo.

E afincar o dente na denuncia da emigración económica das mozas e mozos de hoxe ante a falta de expectativas laborais;  da falta de xustiza (ou desconcerto na cidadanía por sentenzas e xuízos abraiantes);  do pouco coñecemento que do país amosan as clases dirixentes, tampouco.

Así escribe Ramón González Senra o 2 de febreiro de 1812.

Así escribo eu, a 1 de febreiro de 2012.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.