Durante as últimas semanas, saltan de novo as alarmas (mediáticas) debido ao botellón. E non escribirei eu sobre o que pensan as mozas e mozos que nas noites da fin de semana reúnense para consumir alcol -e falar, mocear, opinar- nos parques públicos. Levamos anos dictando sentenza sobre este tema, sen escoitar, sen achegarnos e ter en conta opinións, demandas e inquedanzas. Pero esto xa é outro tema, un clásico de tertulianos/as formados/as, pasando así xeracións e xeracións de moz@s...
Bótome as mans á cabeza por diversos motivos. Por un lado, o tratamento dende a óptica "problema". Cal é o "problema"? O consumo excesivo, o ruído, as botellas que quedan no chan? Se non centramos a cuestión, dificilmente atoparemos unha saída. Tamén, preocupa o lavado de mans que implica saber que somos responsables de transmitir unha cultura do consumo de alcol, pero parece ser que non temos que ver con esta práctica herdada. A xuventude é o que nós lle inculcamos e transmitimos. Como festexamos? Que bebemos nas comidas familiares? Acaso non é excesivo? Cal é a diferencia? Plantexámonos educar en consumo?
Para min, coma educador social, o problema é posibilidade. Existe unha mocidade á que debemos escoitar e coa que, agora si en conxunto, crear alternativas para reducir este consumo. E digo reducir, para máis adiante conseguir que ese consumo non exista. Pero paso a paso. Sementar para recoller.
O primeiro será valorar quen ten que xestionar e acompañar este proceso. Queremos actuar dende a intervención socioeducativa? Apoiémonos en profesionais habilitados/as e coas aptitudes axeitadas para desenvolver un plan de intervención. Se o que buscamos xa é unha intervención legal, na que a sanción sexa priorizada sobre un traballo educativo, os/as profesionais deberan ser outros/as. Esto xa é o punto de partida fundamental. Existen xa mesas de traballo, nas que non participan nin educadores/as sociais, nin pedagogos/as, nin traballadores/as sociais... Nin mozas/os!
O segundo, buscar a oportunidade. Cal sería o espazo e momento axeitado para colaborar? Podería ser un botellón ese espazo para poder debater? Sen dúbida, para min sería un deles. Crear un clima de confianza pode axudar a ter resposta moi clarificadoras. Non acusar, non manipular o proceso. Se queremos pensar en alternativas, cal vai ser o mellor espazo para valoralas? Pero non pode ser o único. Temos que establecer grupos de traballo e comunicación, e pódense crear alí onde se atopan: Centros educativos e redes sociais. Imos a motivar a participación, imos a convertelo/as en suxeitos activos/as do seu crecemento. No momento que as decisións sexan deles/as, os resultados serán distintos. Levamos con plans de intervención similares durante décadas, pero con eivas principalmente na participación da propia mocidade. Hoxe temos máis ferramentas que nunca. Aproveitémolas, pero non para que participen "os de sempre". Temos que darlle voz a todos/as.
Finalmente, apostar para trabucarse e modificar, impulsar unha acción e valorar a súa reacción e sobre todo, ter paciencia e confianza. É moi complicado asimilar que os resultados non son para mañá pero si, para establecer unhas bases e permitir un futuro no que este consumo (excesivo) de alcol diminúa na mocidade.
Cambiemos a óptica, teñamos unha perspectiva positiva, chea de posibilidades. Deste xeito, a implicación será global.