Brasil: o Golpe “constitucional”

Levamos xa algúns anos observando un novo modelo de golpe de estado “constitucional” que é nomeado popularmente coma “golpe paraguaio”, xa que fai referencia á destitución do ex-presidente deste país, Fernando Lugo en 2012 a través do chamado “xuízo político”, que permitiu o seu derrocamento. Pero este modelo de “golpismo constitucional” xa triunfara no ano 2009, cando o presidente Manuel Zelaya elixido na urnas foi destituído pola  Corte Suprema acusado de delitos graves, o que provocou o seu exilio. Este tipo de golpe de Estado moi de moda nos últimos anos, dota dun carácter “constitucional” a estes procesos xa que empregan coma fundamento para a destitución do mandatario, un principio constitucional que é deformado ou interpretado de xeito maniqueo producindo o que chamamos unha “desviación de dereito”.

Todo o antedito ten relevancia con relación aos últimos acontecementos na vida política do Brasil no que Dilma Rousseaf ten que afrontar  un proceso de impeachment sen que realmente exista unha base xurídica para isto. Se ben é certo que o proceso de impeachment está previsto na Constitución, este non pode aplicarse pola mera sospeita ou pola impopularidade do goberno en cuestión, convertendo este proceso de destitución nun golpe de Estado de facto. Falamos entón   dun xuízo político que a propia constitución do Brasil non recoñece. De feito, na Carta Magna brasileira quedan claros unha serie de delitos que serían motivo de destitución, e  en ningún caso a sospeita ou a impopularidade pode estar na base dun impeachment.

Os impulsores deste proceso empregan coma referencia para levar adiante este, o impeachment de 1992 no que Fernando Collor de Mello, presidente en Brasil é destituído a través deste procedemento. Pero neste caso falamos dun acusado, a grande diferenza co caso de Dilma Rousseaff que non está implicada en ningunha causa, nin pesa denuncia algunha contra ela.  Por iso os impulsores deste “golpe constitucional”  insisten no argumento da impopularidade ou a crise económica  aínda que isto non constitúa unha base xurídica para impulsar a destitución da presidenta elixida de xeito democrático. Por moito que a oposición tente enganar a opinión pública do Brasil e internacional, de que un proceso de impeachment pode ter lugar co argumento da  “ineptitude do goberno de Brasil”.

Pero todo isto é mais curioso aínda se temos en conta que a metade dos membros da cámara que promove o impeachment contra Dilma Rousseaf incluído o presidente,  están acusados pola xustiza.

Paralelamente e a bo seguro por pura coincidencia, mentres Brasil aumentaba a súa presenza nos nomeados BRICS, banco de fomento dos países emerxentes, xerando novas zonas de soberanía e polos de desenvolvemento e de poder en sintonía con países como Rusia, India e China. Isto constitúe unha ameaza para o polo UE, EUA e Xapón. Se debilitamos a presenza de Brasil a través  da figura de Dilma, debilitamos o importante papel do Brasil neste proxecto.

E sen dúbida o elemento non de menor importancia son os xacementos de petróleo de alta calidade descubertos a finais de 2006, e as manobras groseiras da “oposición” para privatizar e encomendar as explotacións dos xacementos a empresas da EUA, coa perda de soberanía que significa para Brasil.

É sinxelo neste momento imaxinar que detrás deste proceso de destitución, de novo poderemos recoñecer aos “actores políticos” por excelencia que levan anos promovendo unha oposición virulenta en Venezuela, con acusacións de corrupción e falta de liberdades, e nas que a prensa internacional (especialmente en Europa e EEUU) levan a cabo unha operación “tecnoinformacional” na que o tratamento de todas as informacións respecto a esta cuestión buscan  xerar unha corrente de opinión favorable sobre a destitución de Dilma e polo tanto a violación dos resultados das urnas. 

Falamos de ampliar a sombra da corrupción sobre a presidenta Dilma Rousseff  vítima dunha especie de farsa promovida por poderes financeiros e mediáticos, agochando a verdadeira intención de destituír a un goberno elixido de xeito democrático, sendo o impeachment nunha sorte de  xuízo político.  Os medios de comunicación social son un peza fundamental neste proceso e especialmente os medios principais en EEUU e Europa moi interesados en achegar a impresión da legalidade do impeachment e das sospeitas por “corrupción” de Dilma servindo de difusores do discurso oficial deses poderes financeiros tan pouco afeitos a respectar a democracia, como xa temos visto en Europa.

“A traizón nunca prospera ¿cal será a razón?. Se prospera ninguén fala de traizón”(John Harrington)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.