Breizh

No libro desoutro día, Antón Seoane fala dunha visita que lle foran facer a Alan Stivell na segunda metade dos setenta. Algo despois da Carta de Brest e os contactos do galeguismo con Paol Keineg; vinte anos pasados tras Cunqueiro publicar as Crónicas do sochantre e varias décadas máis tralo poema de Bouza Brey sobre as sete nacións celtas. O filoceltismo dos patriotas galegos era cousa notoria e vizosa, pero ese cantante bretón revestía carácter especial desde aquel ano 72 cando o seu concerto no Olympia lanzara todo un fenómeno internacional. Moitos o escoitabamos, aprendemos a letra céltica e tras el viñeron outros. Porén, malia Lorient e algún intercambio social ou cidadán, todo esvaeceu bastante aquí: Milladoiro virou cara a Irlanda; o nacionalismo deu en fixarse máis en Portugal, homólogos ibéricos e mesmo na esquerda española; o folk pareceu perder brillo para os mozos.

Eu estivera en Bretaña dúas veces, a última no 1990: presenza física e algún libro déranme a coñecer xeografía, cultura, historia; despois, tras xeneralizarse a internet, houbo ocasión dalgunha noticia esporádica. 2011, por vía docente, trouxo reencontro presencial; o ano anterior unha moza transterrada -estrelar no pop francés- editara un disco de título transparente (Bretonne) que se vendeu a centos de milleiros en Bretaña, Francia e alén: nel, a homenaxe a Stivell e outros é bastante máis ca puramente simbólica. Dei en investigar e souben que os veteranos cantores bretonantes seguiran protagonizando encontros multitudinarios e un respectuoso recoñecemento se implantara no país desde que eu faltaba: isto será anécdota, pero certo rapaz de Saint-Malo -dezaseis anos, albergado no marco dun intercambio europeo- chamoulle ao cantor con case setenta 'monsieur Stivell' ao velo nun disco que hai na miña casa. Souben tales cousas e recuperei a actualidade política armoricá; aí, madia leva, hai bastante novidade.

Naquel novembro do 2011, o meu colega de aló -profesor de historia- dixérame mutatis mutandis: “É curioso. A autoidentificación dos bretóns é obvia, aquela eclosión musical dos setenta deixou grande valoración e interese polo feito cultural. Por todos lados encontras a gwenn ha du. Pero o nacionalismo político non chegou a ter eco paralelo”. Certo era e, porén, sete meses máis tarde foi elixido para o parlamento francés o primeiro deputado próximo á UDB. Ao cabo doutros dezaseis, a decisión de implantar unha taxa de circulación para vehículos pesados no país onde non hai estradas con peaxe provoca unha gran revolta social; e esta recupera nome e símbolo fundamental doutro levantamento bretón contra un imposto na época de Luís XIV: os bonnets rouges.

"Se Bretaña espera algo do Estado, é o dereito a unha certa autodeterminación, ese famoso dereito á experimentación"

Houbo dúas manifestacións este novembro pasado, en Kemper e Karaez-Plougêr, ambas con varias decenas de miles; o movemento vertebrador adopta nome reminiscente: “Vivre, décider et travailler en Bretagne” e mesmo ten líder con notorio alcance. Ante a proposta dun Pacto de Porvir para Bretaña -presentado formalmente en Rennes, explicitamente como reacción, polo bretón Primeiro Ministro de Francia-, os do gorro vermello convocan, nada menos, Estados Xerais para o 8 de marzo do 2014. Sobre todo iso, di o xornalista Didier Le Corre: “Se Bretaña espera algo do Estado, é o dereito a unha certa autodeterminación, ese famoso dereito á experimentación. Habería tamén que estar cego para non descodificar o desexo de autonomía dalgúns. Pero para a maior parte, é concretamente a ocasión de mostrar o seu sentimento de pertenza, o seu orgullo, a súa diferenza”.

Bretaña deixou de ser independente ao final do século XV, como dous séculos antes de que desaparecese o Parlamento de Escocia.. E flúe o XXI.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.