Brexit or not Brexit

CC-BY Sam Greenhalgh

Queren vostedes, británicos, permanecer na UE? Non. Queren adoptar o acordo froito de dous anos de negociacións entre Londres e Bruxelas? Non. Queren un Brexit duro e rematar con todo isto dunha vez por todas? Non. Queren unha sorte de arranxo á norueguesa ou mesmo á suíza? Non. E un novo referendo? Vai ser que non. E unha unión aduaneira que poida paliar o bloqueo que supón a fronteira norirlandesa? Tampouco. A ecuación á que fan fronte os deputados británicos semella imposible! Impertérrita diante dos sucesivos reveses, adherida ao timón, Theresa May non cesa de dar voltas en círculo, insistindo nas mesmas fórmulas xa desbotadas, negativa tras negativa, de parte dos seus propios correlixionarios e dos outros, e mendigando ás portas de Europa unha prórroga, un tempo extra adicional, na busca dunha pouco probable saída curtopracista ao crebacabezas. Chegados a este punto, o “Brexexit”, como xa se coñece, tense convertido en comedia inglesa con tintes tráxicos que ben puidera ter saído da cabeza dos Monty Python e ser protagonizada por Julie Andrews e Hugh Laurie, nos papeis da primeira ministra e do líder laborista, Jeremy Corbyn, respectivamente. 

Nunca bancada atopamos aos electores a favor da saía da UE, que se impuxeron con pouco máis do 52% aquel 23 de xuño de 2016 e que, case tres anos despois, están coléricos, non albiscando no horizonte a aplicación do seu escrutinio. Na bancada de enfronte, aqueles que queren permanecer na familia comunitaria custe o que custe, quen cada vez son máis e multiplican as demostracións de forza, como a marcha do pasado 23 de marzo cunha afluencia récord ou a promoción dunha petición para repetir o plebiscito que en poucos días acadou case cinco millóns de sinaturas. E entre estes dous polos, aparentemente irreconciliables, que fan os representantes electos da Gran Bretaña? Se atendemos ao sentido dos votos, tan só restaría unha minoría de señorías euroescépticas convencidas ao 100% das supostas bondades do divorcio con Europa. O resto, tres de cada catro deputados, optan por permanecer na UE, conscientes das falsidades verquidas durante a campaña polo Leave (abandono) e da conveniencia de permanecer no sentido da marcha de Europa. Todos semellan conscientes de que é mellor estar dentro que fóra, se ben están resignados a ir directos contra o muro.

O muro da estupidez que representa situar ao país politicamente fóra mentres se mantén económica e socialmente dentro da UE, xa sexa a través dunha eventual unión aduaneira, da existencia dunha pléiade de programas científicos ou bolsas de intercambios Erasmus, da cooperación en materia de seguridade e militar, etc. A saída implicaría privar a Londres de voz e voto no que concirne ás principais liñas directivas e grandes decisións de Bruxelas, afastarse das decisións do Parlamento e, en definitiva, renunciar a estar no miolo da máquina comunitaria, sen funcionarios, nin responsables, nin comisarios, nin nada! Nin tan sequera, en caso de verificar na práctica o erro da decisión, os británicos poderían consolarse coa hipótese de volver a integrar a familia europea mantendo o actual estatuto, segundo o cal se benefician do mellor dos dous sistemas, asumindo a unión aduaneira e certas políticas comunitarias pero sen compartir a moeda nin asumir a pertenza ao espazo Schengen. Deberían os parlamentarios asumir a renuncia ao artigo 50 do tratado europeo para permanecer na Unión? Convocar un segundo referendo? Chegados ata aquí, non é unha decisión doada!

O máis plausible sería avanzar cara un Brexit brando para tratar de acadar un acordo semellante ao que rexe entre Noruega ou Suiza e a UE, ou mesmo aspirar a unha unión aduaneira reforzada. Visto desde Londres, os máis voluntaristas están persuadidos de que baixo algunhas alternativas brandas Bruxelas podería concentrarse no que denominan “primeiro círculo”, mantendo ao Reino Unido nun “segundo círculo” de relación, fóra pero non de todo, no que o Reino Unido desenvolvería un “rol interesante” para os intereses europeos. Unha solución que, sexa como fora, esixe o compromiso de uns e outros, e primeiramente na fronte interna, entre os propios británicos: os Brexiters deben comprender que o seu país xa non será o Singapur da Mancha e aos Remainers non lles queda outra que asumir que perderán toda influencia en Europa e que, de paso, haberá que dicir adeus a esa imaxe de país aberto que até o de agora se transmitía ao mundo. Logo faltaría, claro está, que Europa asentise, o cal non está gañado de antemán, se ben é certo que, baixo un ton aparentemente firme, Bruxelas ten mantido unha posición moi proclive a acadar un acordo. 

O Brexit presentábase coma un desafío a Europa, anunciándose unha espantada, a fin última da Unión, que non se chegou a producir. Fronte á rebeldía londiniense os Vintesete non se dividiron, manténdose unidos. De Macron a Merkel, de Tsípras a Orban ou mesmo dos populistas italianos aos socialdemócratas nórdicos, a desunión británica serviu, ao contrario, para cimentar e consolidar a UE. Pero sería un grave desatino caer na autocompracencia, xa que o Brexit segue a ser unha manifestación dos múltiples andazos que afectan a Europa, como a estagnación do crecemento, a opacidade das institucións, que os cidadáns non ven próximas, a impotencia fronte aos bloqueos que poden introducir en case calquera dossier as reticencias dun Estado membro, os desaxustes monetarios que Alemaña non quere corrixir, a incoherencia e falta de homoxeneidade nas políticas económicas e fiscais, a inexistencia dunha política exterior realmente común, o auxe dos nacionalismos que atizan discretamente Trump e Putin, e que teñen aos seus novos Mesías en Salvini e Orban... E as próximas eleccións, que apuntan a un auxe da extrema dereita, perfílanse coma o enésimo desafío dunha Unión Europea que ten en ela mesma ao seu peor inimigo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.