Busco un caravel encarnado

Os artistas domésticos –“de andar por casa”- estamos demasiado acostumados a ter que ir paseniño salvando impedimentos. Tan acostumados estamos que con frecuencia nos sorprendemos convivindo perigosamente no seo de relacións de vasalaxe e humillación. Supoño que padecemos resignados a situación porque amamos con moita intensidade o que facemos e estamos dispostos a facer certas concesións, sempre que non se ataque frontalmente a nosa dignidade.

Os artistas domésticos –“de andar por casa”- estamos demasiado acostumados a ter que ir paseniño salvando impedimentos

A maioría deses impedimentos chegan da man da industria cultural. As fórmulas de consumo masivo de produtos artísticos deixan case sen espazo ás pequenas propostas artesanais que emerxen constatemente no país (sorprendentemente máis en tempos de crise). Sobrevivimos entre a asfixia e a falta de recursos. Porén, cando os impedimentos chegan da man de quen debería protexer e coidar o traballo dos seus creadores –onde humildemente loito por ter un pequeno oco-…a cousa é, se cadra, máis ferinte.

Explícome. O 28 de xuño deste ano teño programado un concerto no Salón Teatro de Compostela (que xestiona, por certo, o Centro Dramático Galego, e en consecuencia, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Educación). Aproveitarei tal ocasión para gravar ao vivo o que será o meu terceiro traballo discográfico. Voume facer acompañar dunha banda de auténticos profesionais da música, e algúns amigos da canción de autor vanme agasallar coa súa voz. O caso é que para facer algo de divulgación e difusión do evento pensei, en colaboración con Paco Gallego e Bocixa, en facer uns pequenos vídeos para colgar nas redes sociais. O obxectivo é ir creando algo de ambiente e de expectación.

O caso é que para facer algo de divulgación e difusión do evento pensei, en colaboración con Paco Gallego e Bocixa, en facer uns pequenos vídeos para colgar nas redes sociais

A idea era buscar algún espazo cultural público para darlle acubillo a un par de temas inéditos. Primeiro pensamos no propio lugar onde sería o concerto pero logo chegamos a conclusión de que estaría ben buscar outra ubicación e diversificar o escenario. Así que convimos en que un lugar privilexiado podería ser o CGAC e o entorno do parque de Bonaval para aproveitar exteriores e interiores.

Esta mañá, no tempo do café, ausenteime do choio para entrevistarme con algún responsábel do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Finalmente, dei falado co xerente do organismo: Manuel Arroyo (cito o seu nome porque está pendurado na web). A conversa foi telefónica. Curioso. Falei co xerente do CGAC estando no mesmo edificio dende o teléfono da recepción. Nesas circunstancias, sen ter a oportunidade de ser recibido, é complexo explicar ben o que un solicita. En apenas un minuto tes que espetarlle a un tipo que non coñeces de nada (nin el a ti) que: 1, es cantautor; 2, vas gravar un directo en xuño; 3, queres facer algo de difusión; 4, para iso pretendes grabar un par de vídeos -guitarra e voz- nalgún recuncho do CGAC; 5, van aparecer un par de cámaras e que en cuestión dunha hora remataríamos; 6, por suposto, nos facemos responsábeis de calquera dano ou desperfecto que poidamos ocasionar…Entendo que é moita información xunta!!

A resposta xa a podedes imaxinar. No caso contrario non tería escrito este texto-denuncia nin ti o estarías a ler neste momento. Pero ademais, non son tempos para demasiadas sorpresas gratas. Parece ser que o CGAC é un organismo público que non “aluga espazos a entidades privadas que pretenden facer negocio”. Ostrás! Póñome algo nervioso lembrando isto e son moitas as preguntas (sen resposta) que se poderían facer. Acaso pensa que está falando con Joaquín Sabina? Parece ser ademais que, “hai instrucións novas para non ceder espazos do CGAC a ningún proxecto que non sexa propio”. Gustaríame saber quen deu esas instrucións porque, alén de consideracións políticas, non debe saber moito do que significa “o público”.

Este país maltrata con impunidade aos seus creadores nun exercicio irresponsábel de autoinmolación. Moléstame tamén a actitude que manifestan. Eu non son un cidadán de segunda! Ninguén o somos! A quen temen? Por que non dan a cara?

Total, que a pesar das miñas protestas contidas, quedo sen unha insignificante esquina do CGAC para facer esas gravacións. Agradezo moito, en todo caso, as atencións e xestións que si me facilitaron outras persoas do centro e que tampouco tiveron éxito. O que máis me molesta non é o feito concreto, crédeme. O peor é que imaxino a impotencia de centos e centos de artistas que padecen coma min estes impedimentos. Este país maltrata con impunidade aos seus creadores nun exercicio irresponsábel de autoinmolación. Moléstame tamén a actitude que manifestan. Eu non son un cidadán de segunda! Ninguén o somos! A quen temen? Por que non dan a cara? Que é iso de “proxectos propios”? os proxectos do partido de turno no poder?

Penso que unha entidade pública, e máis no eido cultural, debe ter unha disposición de absoluta acollida e especial de cariño cos problemas, ilusións e solicitudes da cidadanía que, por outra banda, é quen máis ordena e quen sustenta –con impostos- os recursos que fan que poidan existir proxectos no CGAC e postos de traballo como o do seu xerente.

Unha entidade pública, e máis no eido cultural, debe ter unha disposición de absoluta acollida e especial de cariño cos problemas, ilusións e solicitudes da cidadanía

Non me resigno. “A voz do seu amo” non vai conseguir o seu propósito de artisticidio. Así que, despois do transo, chamei inmediatamente a Cris, amiga e xestora do Café Teatro Garigolo, o meu garito de referencia, onde tiven a oportunidade de cantar os meus primeiros versos en público e que sempre me acolle cun sorriso. Non precisou moitos detalles e mesmo vai atrasar a súa hora de apertura até que rematemos. Arrepíntome agora, coma un parvo, de non tela chamado dende o principio.

Dá pena e carraxe ollar como dende algúns despachos están tratando de dinamitar os esforzos entusiastas dun pobo enteiro. O meu caso concreto non é excepcional nin especialmente salientábel. Estou convencido de que asuntos así se dan a diario noutras instancias públicas e, iso, é o verdadeiro drama. Descoñecemos a magnitude da aldraxe que padecemos, e non somos conscientes das consecuencias emocionais, alén das socioeconómicas, que provoca. Non entenden de dereitos, de democracia nin de decencia…moito menos de sentimentos!

Descoñezo se a publicación deste artigo vai ter como consecuencia inmediata que dende o CDG se prohiba a miña actuación no Salón Teatro

Eu vou facer tres cousas, polo de agora. A primeira seguir a compor o que me sae de dentro. Non me calar aínda que, en máis ocasións das que me gustaría, acabe cantando para ninguén. Despois, continuar con ilusión reforzada coa auto-produción do directo do 28 de xuño. Descoñezo se a publicación deste artigo vai ter como consecuencia inmediata que dende o CDG se prohiba a miña actuación no Salón Teatro. Mantereivos informados. E finalmente, tratar, dende a miña modesta posición, de pedir explicacións e responsabilidades a quen corresponda sobre cales son esas “instrucións” que impiden o desenvolvemento de proxectos culturais das xentes deste país no CGAC e, sobre todo, quen as ordenou e por que.

No serán deste 25 de abril estarei no Obradoiro cun caravel encarnado cantando o Grândola vila morena sumándome a outras miles de voces

No serán deste 25 de abril estarei no Obradoiro cun caravel encarnado cantando o Grândola vila morena sumándome a outras miles de voces. Este ano hai máis motivos que nunca para lembrarlles que “o pobo é quem máis ordena”. Así, até que se decaten ou que saian por pernas…

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.