"Cabelo castaño, abrigo marrón e osiño pardo". Está foi a descrición que me deu a miña coñecida cando lle preguntei cal era a súa filla entre as que saían do parvulario. É o interesante da resposta é que as tres descricións cromáticas diferenciadoras en esencia sinalaban unha mesma cor pro con diferentes palabras. Obviamente en galego temos sinónimos en varias denominacións de cores con maior ou menor precisión na tonalidade, pois mentres que o castaño e o marrón son sinónimos exactos nun ton pardo escuro, o pardo abrangue calquera tonalidade, dende a máis clara á máis escura, que hai entre as cores amarela e negra con ton vermello.
Porén, ao igual que co resto do noso léxico, a denominación das cores tamén sofreu e sofre a maléfica influencia do castelán, nun proceso de deturpación dos trazos propios cara á homoxenización coa lingua dominante.
Hai un artigo de María Dolores Villanueva Gesteira: “O campo semántico das cores visto por tres xeracións” (Estudos de Lingüística Galega 1, ILG-USC, 2009), que demostra inequivocamente o proceso: así, nunha familia con tres xeracións, mentres que os avós din “amarelo”, os pais adoptaron o castelanismo que deprenderon na escola: “amarillo”, mais os fillos recuperan “amarelo” por mor da escolarización en galego. De xeito análogo outras denominacións sofren a mesma castelanización coma “rubio”, “vermello” ou “encarnado” por “roxo/rojo”; “branco” por “blanco”; ou mesmo “laranxa/*naranxa” por “butano”.
As cores básicas son 11: amarelo, azul, branco, gris, laranxa, morado (ou maxenta), negro, pardo, rosa (ou violeta), verde e vermello; ou 12 se se inclúe o “ciano” como diferente do azul. E as cores tradicionais do arco da vella son sete: vermello-laranxa-amarelo-verde-azul-índigo-violeta. Co todo, hai certas aclaracións que se poden facer sobor as distintas cores:
O “amarelo ou marelo” é a cor entre o verde e o laranxa, mais aplicado á pel dos animais coma a vaca do famoso relato de X. Neira Vilas: “A marela Tarabela”, representa máis unha cor castaña clara dourada ca a cor brillante do limón ou do ouro.
“Branco” ten dous sinónimos procedentes do latín “albus”: o literario “albo” e o seu derivado patrimonial “albelo”; mais tamén se empregan como sinónimos o literario “níveo” e o comparativo “leitoso” e mailo cultista “albuxíneo”.
O “ciano” é unha cor azul clara averdada que antano se incluía dentro da cor azul.
A palabra “gris”, sinónima de “cinsento/cincento”, converteuse na forma máis usual, coma en castelán, mentres que no portugués a forma “cinzento” é a denominación corrente e “gris” define unha cor “cincenta azulada”, coma tamén recolle o dicionário Estraviz. Tamén son sinónimos seus: “borrallento” e “aborrallado”. No artigo de Mª D. Villanueva Gesteira aparece unha resposta moi esclarecedora sobor o suceso desta palabra: “Antes dicíase aborrallado e aghora ghris”.
O “laranxa” é a cor intermedia entre o amarelo e o encarnado, que tamén se denomina “alaranxado”.
O adxectivo “marrón”, de orixe francés e introducido a través do castelán, ten hoxe máis uso cos seus sinónimos patrimoniais “castaño” e “pardo”, mais mentres “castaño” designa a mesma cor parda escura coma a castaña de “marrón” (< fr. marron “castaña”), o termo “pardo” abrangue calquera tonalidade da mestura resultante de amarelo, vermello e cincento. Se se consulta o Tesouro Informatizado da Lingua Galega comprobamos como os primeiros rexistros de “marrón/marróns” son recentes (1921/1980), fronte aos de “castaño(s)” (1850/1840) e “pardo(s)” (1836/1746), termos plenamente patrimoniais coma “amarelo(s)” (1746) ou “vermello(s)” (1697/1860); e no artigo de Mª D. Villanueva Gesteira aparece esta afirmación esclarecedora: “Antes cando era moza chamabámoslle castaño, do color das castañas, solo é marrón aghora”.
O “morado” é a cor intermedia entre o azul e o púrpura en tonalidade escura, porque se esta é clara é o “violeta”. Xa que logo, ámbalas palabras definen unha mesma cor pro con distinta tonalidade.
O termo “mouro” é sinónimo de “moreno”, é dicir, “de cor escura” no dicionario da RAG pro o Gran Dicionario Xerais da Lingua [GDXL] defineo como “de cor totalmente escura ou negra” e o dicionário Estraviz recolle ámbalas dúas posibilidades: “moreno, preto, escuro”. O Glosario de voces galegas de hoxe (USC, 1985) de Constantino García González recolle ámbolos significados: “moi escuro, moreno” e “negro”. O DRAG recolle tamén o adxectivo “mourán” para indicar unha “(persoa) de cabelo ou pel moi morena” e o GDXL “mourelo” co significado: “de cor escura” e o verbo “mourear” cos valores de “pór mouro” e “negrexar”. Semella que hai un desprazamento de “mouro” cara á sinonimia con “moreno”, castelanismo innegábel –documentado a partir do s. XIX–, e a súa conservación co significado de “magrebino” nunha evidente confluencia co español.
O adxectivo ou substantivo “preto”, sinónimo de “negro”, desapareceu dos dicionarios galegos actuais (GDXL ou DRAG), aínda que non no dicionário Estraviz, que indica como o adxectivo ou substantivo se pronuncia con E pechado mentres que o adverbio se pronuncia con E aberto –distinción fonolóxica innegábel–. A palabra tamén figuraba nos dicionarios antigos (Luís Aguirre del Río, 1858; Juan Cuveiro Piñol, 1876; Marcial Valladares Núñez, 1884; Leandro Carré Alvarellos, 1928-31; José Ibáñez Fernández, 1950; Eladio Rodríguez González, 1958-61 e Eligio Rivas Quintas, 1978), está recollida nos textos medievais ou mesmo por Sarmiento (1746-70) e é un vocábulo perfeitamente vivo en portugués ou asturiano (“prietu”) e tamén figura con este mesmo significado no dicionario castelán da RAE.
O “rosa”, vermello mesturado con branco, ten como sinónimos os seus derivados “rosado” e “rosáceo” e o literario “róseo”, aínda que “rosado” e “rosáceo” tamén poden indicar que a cor tira a rosa.
Hai que ter moito coidado co “roxo”, pois é un falso amigo tanto do castelán coma do portugués. Na nosa lingua designa unha cor que varía entre o castaño avermellado e mailo amarelo arroibado, non o vermello do castelán (“rojo”), que dá lugar ao castelanismo: “roxo” co mesmo significado, nin o violeta ou morado (“roxo”) do portugués.
O “vermello” é a cor que máis sinónimos ten: encarnado, rubio/roibo e colorado, mais “rubio/roibo” pode ir dende a cor do sangue ata un ton case rosado e tamén entre un castaño avermellado e o amarelo avermellado cando se refire á cor do cabelo, e “colorado” abrangue calquera tonalidade do vermello, que ten a variante “corado” [GDXL]
Tódalas cores presentan variacións de tons, cuxas denominacións son tomadas das referencias cromáticas da natureza, flores e minerais principalmente:
Amarelo – ámbar ou ambarino ou ambarado (amerelo intenso), dourado e áureo (lit.) (coma o ouro), louro/loiro (castaño tirando a vermello), trigueiro (coma o trigo maduro).
Azul – celeste ou cerúleo [lit.] (azul claro), cobalto (moi intenso), índigo ou anil (entre o azul e o violeta), mariño (escuro), turquesa (esverdeado), turquí (moi escuro).
Branco – crema (cor branca amarelada), marfil-almafí (levemente amarelado).
Castaño – beixe (castaño moi claro), canela (cor entre amarela e castaña), caqui (entre ocre amarelado e verde agrisado), ocre (amarelo escuro ou tirando a vermello), leonado (cor parda clara coma a pel do león), ruzo (cor parda clara), teixo (pardo escuro).
Ciano – augamariña (cor azulina averdada), turquesa (azul verdoso semiclaro).
Gris – gris marengo (escuro case negro), gris perla (claro < dEstraviz: gris pérola), prateado ou arxénteo ou arxebtino (gris claro brillante coma a prata).
Rosa – salmón (rosa alaranxado).
Verde – esmeralda/esmeraldino (verde vivo), oliváceo (coma o da oliva verde), verdegaio/-a (verde claro).
Vermello – amaranto ou amarantino (cor púrpura), carmesí (vermello escuro), carmín (vermello vivo), cobreado (cor vermella escura), escarlata (vermello intenso), granate (carmesí acastañado), púrpura ou purpúreo (vermello tirando a violeta), tinto (vermello moi escuro), vermellón (vermello forte).
Violeta – fucsia (rosa escuro tirando a vermello), lila (cor entre azul e rosa), malva (cor máis clara có morado, tirando a rosa), maxenta (rosa escuro), morado (violeta escuro).
Como moitas veces as cores presentan unha aproximaxión cromática non nitidamente definida hai toda unha serie de adxectivos que indican esta proximidade ou tendencia a certas cores:
Amarelo/marelo – amarelado, amarelento, marelado [GDXL].
Azul – azulado, azulino, azuloso [GDXL], azurado/azurido [GDXL].
Branco – abrancazado, abrancuxado [GDXL], brancuxado/brancuxento/brancuxo [GDXL], esbrancuxado, esbrancuzado [GDXL], mais os participios verbais: albeado, branqueado, branquexado, dealbado e embranquecido.
Castaño – acastañado.
Gris – agrisado (pro non *grisáceo), grisallo [GDXL](< fr. grisaille, dEstraviz), griseiro [GDXL], grisento [GDXL].
Negro – anegrazado/anegrado [GDXL], mouro, negral/negraz [GDXL], negrazado [GDXL], negrizo/negrido [GDXL], mais os participios verbais: ennegrecido, denegrido, negrexado.
Pardo – apardazado, pardacento/pardecento [GDXL], pardeiro [GDXL, pardento, pardexo [GDXL], pardoso/pardusco/pardusqueiro/parduxo [GDXL].
Rosa – rosado, rosáceo.
Roxo – roxeiro [GDXL].
Verde – averdado, verdeal, verdecente [GDXL], verdegal [GDXL], verdello, verdoso.
Vermello/Rubio/Roibo – arrubiado/arroibado, avermellado, rubescente, rubicundo (só no ton da pel), vermellizo [GDXL].
Violeta – violáceo.
E xorden verbos para indicar a coloración ou aproximación cromática con algunhas cores:
Amarelo/marelo – amarelecer/marelecer, amarelar [GDXL].
Azul – azular.
Branco – albear, branquear, branquexar, dealbar, embranquecer, esbrancazar/esbranquizar [GDXL]; mais “esbrancuxarse” [GDXL] é poñerse pálido ou descolorido.
Negro – denegrir, ennegrecer, negrear [GDXL], negrexar.
Rubio/roibo ou vermello – arrubiar/arroibar, enroibar [GDXL], enrubescer [GDXL], vermellar [GDXL].
Verde – averdurar [GDXL], enverdecer [GDXL], enverdegar/enverdexar [GDXL], esverdear [GDXL], verdear, verdecer [GDXL], verdegar/verdeguear [GDXL]; mais “reverdecer” é volverse verde o campo ou as plantas.
E convén non esquecer que tamén hai falsos amigos como:
Empardecer ou pardecer [GDXL] significa “vir a noite, anoitecer”.
Rosar significa “caer a rosada” e “rosear” é sinónimo de “florecer”.
Como curiosidade, en heráldica as cores usadas teñen maioritariamente denominacións particulares: aceiro – gris escuro, aurora – alaranxado, azur – azul escuro, bronce ou cobre – castaño claro, celeste - azul claro, goles – vermello, leonado – castaño escuro, morado, ouro – amarelo, prata – gris claro, púrpura – violeta, sable – negro, sanguíneo – vermello escuro e sinople – verde.
E tamén prá pel dos cabalos se usan algunhas denominacións específicas: alazán (cor canela), baio (branco amarelento ou acastañado), ruán (mestura de branco, negro e arrubiado) e tordo (branco ou cincento con pintas negras).