Cabezas grandes e peludas

Eu quixen ser alcalde presidente. Ou tan sequera concelleiro de Xuventude e Tempo Libre, coma Enrique Pastor o de Mirador de Montepinar. Pero Deus non me concedeu esa graza e el saberá o por que. Pensaba eu que reunía os requisitos: non era feo de todo, tiña certa sona de serio e formal, era simpático e tanto sachaba unha leira de millo coma resolvía unha diferencial complexa na mesma terra sachada, cun garabullo ou coa biqueira do zapato. Parecíame que todo iso abondaba para recibir votos a petadas da veciñanza. 6 papeletas acadei nun censo de case 300. Nin a familia toda me votou. Ninguén é profeta na súa terra, pensei para darme ánimos, e seguir cara adiante. Seica Amancio Ortega empezara vendendo batas de casa, e mira agora ...

Eu quixen ser alcalde presidente. Ou tan sequera concelleiro de Xuventude e Tempo Libre. Pero Deus non me concedeu esa graza e el saberá o por que

No primeiro e único mitin que dei, diante dos veciños de Cadrón, animeinos a que foran espíritos libres e votaran a quen quixeran, pero non sempre aos mesmos para poder comparar. Tal cousa fixen! O Partido rifoume: “Así non se fan as cousas, iso é rachar as regras do xogo. Cadaquén pide para si e xa unha man invisible repartirá para todos” Eu retruqueilles que era unha estratexia para enfeitizalos, que como todos veñen onda eles a pedir para si, eu vou e pido para todos e ninguén, coa esperanza de que pensen “mira ti esta monxiña da caridade que nin para el pide”; e aguilloados pola compaixón e os bos sentimentos, van caerme votos a petadas. Pois nada que vai a ningures! Nin o Partido me deixou dar mais mitins (convertinme nun político floreiro) nin me choveron votos; só seis miserables pingueiras e da familia.

Unha chea de anos despois, atuado nos lameiros do fracaso, aínda me pregunto que foi o que fallou. E no meu desespero, decidín fixarme nos casos de éxito por se neles atopaba un denominador común

Unha chea de anos despois, atuado nos lameiros do fracaso, aínda me pregunto que foi o que fallou. E no meu desespero, decidín fixarme nos casos de éxito por se neles atopaba un denominador común. Para ilo examinei os expedientes das grandes cidades galegas e atopei estes tres viños gran reserva: José López Orozco, que leva 15 anos madurando nas adegas da alcaldía de Lugo; Miguel Anxo Fernández Lores, que leva outros 15 nas de Pontevedra; e Xosé Crespo Iglesias, que vai xa para 25 nas de Lalín. Ademais, como un é do PSOE, outro do BNG e outro do PP, digamos que representan na Galiza o cerne do “sistema”, ou en palabras de Pablo Iglesias, a “casta”. Quen nos ía dicir aos bloqueiros, talibáns do non e da kaleborroka, que algún día seriamos considerados un dos piares do Sacro Santo Sistema!

Pero non nos desviemos do tema. Que carallo tiñan os Orozco, Lores e Crespo, e que a min me faltaba? Estudios quizais? Orozco e Lores tiñan estudios superiores, pero Crespo non; así que, o nivel de formación académica semellaba non ser determinante no éxito. Quizais logo o gremio profesional? Vai ser que tampouco, xa que antes de chegar á Alcaldía, Lores exercía como médico de cabeceira, Orozco impartía clases de Filosofía no meu instituto e Crespo rexentaba unha explotación gandeira nunha aldea de Lalín; ou sexa, que a procedencia laboral non implicaba directamente o trunfo electoral. E a fasquía corporal? Ningún dos tres eran feos, pero tampouco chegaban á categoría de guapos; os tres eran cabezudos, non no senso de testáns, senón que as súas cabezas eran grandes en relación co resto do corpo; e os tres tiñan pelo na cabeza: liso e pobre o da Mariña, rizado en ondas o churruchao, e  rizo carqueixa o de Vilalonga. En resumo, que o común denominador (máximo divisor ou múltiplo mínimo, que tanto da) dos tres casos era unha cabeza grande e peluda. Vaite, vaite ... claro, o que a min me faltaba, mira ti.

Os tres alcaldes de éxito dos que falamos presentáronse polo partido correcto no momento preciso

Ademais dunha cabeza grande e peluda, que é unha razón de peso e científica, podía haber algo mais que explicara o seu éxito e o meu fracaso Pois penso que si. Na política, coma en moitos outros ámbitos da existencia, o éxito ou fracaso depende moito de estar ou non no lugar aquelado e no intre preciso; e isto, ademais da ansia que poñas pola túa parte, vai depender moito do puro azar. Os tres alcaldes de éxito dos que falamos presentáronse polo partido correcto no momento preciso. E non pretendo con isto rebaixar o meu fracaso, menosprezando os seus saberes e habelencias, que os teñen e moitos. Pero tamén é mais que probable que eu non estivera alí onde tiña que estar, e cando había que estar.

O caso de Crespo é algo especial. Ao igual que Ana Botella en Madrid, el tamén herdou a alcaldía pola fuxida cara arriba do alcalde votado (en Madrid, Gallardón fuxiu cara un Ministerio; en Lalín, Cuíña fixo o mesmo cara a Deputación) e botou un tempo de alcalde en prácticas; pero a diferencia da Botella, e tamén hai que dicilo, Crespo demostrou co paso dos anos que nacera para ser alcalde. Coma José Tomás naceu para ser toureiro, Lionel Mesi para futbolista ou a Pantoja para cantar coplas e fandangos. Xa son o que van ser moito antes de nacer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.