Caderno de camiñante: Simbiose

Á dereita da igrexa de Santa Mariña, no Rosal,  hai unha aliñación de catro ou cinco oliveiras edosas, nobres e robustas, con formas vertoleiras e suxestivas nos seus troncos vetustos. Algunhas das súas ramas vense colonizadas por vizosas agrupacións de fieitos. Tendo en conta que o fieito é unha árbore frustrada, poderiamos botar man de alambicadas teorías freudianas para explicar esta teimosía arborescente e invasora das pacíficas oliveiras. Mutualismo? Simbiose? Que é o que temos aquí?

As paisaxes, as grandes paisaxes, están cheas de pequenos retallos dotados de autónoma beleza, de semiótica propia, en moitas ocasións superiores ás do conxunto

Procuro controlar o medio que me rodea e que, quizais, me contén e me consuma. As paisaxes, as grandes paisaxes, están cheas de pequenos retallos dotados de autónoma beleza, de semiótica propia, en moitas ocasións superiores ás do conxunto.

Fieito, oliveira, igrexa. Curiosa trindade. O medio natural do fieito debera ser o chan. Non vexo que vantaxe pode sacar a oliveira dun hóspede tan ousado. Din que en Galicia, en tempos remotos, había abundancia de oliveiras. Ratifícao o Rei Sabio nun verso das súas Cantigas: E iréi pola mariña vendendo aceite e fariña. O sometemento definitivo por parte dos reis casteláns deste pobo díscolo e levantadizo, arruinador de castelos, impuxo a bárbara erradicación destas fermosas e benéficas árbores. Tan salvaxe actuación buscaba simplemente un reequilibrio produtivo a prol de rexións máis benqueridas para os monarcas federados, unxidos para un destino teleolóxico e teocrático. Pero as oliveiras, como a lingua, atoparon acubillo salvífico e lograron impoñerse á insania aniquiladora.

A oliveira galega é diferente ao resto das que se dán en España enteira, dubidosa creación –España- dos monarcas galaicooliveiricidas. Bo argumento para a retórica, seguro, para a elaboración de argumentos reivindicativos e autoafirmativos

As investigacións impulsadas pola mensaxe encriptada nos versos do rei Afonso, o mesmo que puxo en dúbida a rectitude da Creación porque Deus non lle pediu consello, demostraron que a oliveira galega é diferente ao resto das que se dán en España enteira, dubidosa creación –España- dos monarcas galaicooliveiricidas. Bo argumento para a retórica, seguro, para a elaboración de argumentos reivindicativos e autoafirmativos. Canto de nós mesmos, da nosa identidade ou da nosa semántica colectiva, ultimaría para sempre a brutal decisión arboricida dos reis casteláns?

Por esta zona do Rosal, en troques de sementar din semiar. E na montaña, en Burgueira e en Torroña, din neñún, neñuma, fome... Fieitos empolicados a lombos da lingua. A árbore galego-portuguesa frustrada, esgazada. Un bonsai pegado a unha frondosa oliveira.

Galego e castelán, despois de tantos séculos parecen tamén fieitos e oliveiras simbióticas. Se o fosen, cal sería fieito e cal oliveira?

Galego e castelán, despois de tantos séculos parecen tamén fieitos e oliveiras simbióticas. Se o fosen, cal sería fieito e cal oliveira? Aínda máis, resultará pertinente unha pregunta deste tipo ás alturas do século nas que nos atopamos?

Despois dun longo paseo, o meu obxectivo era o retablo que hai na igrexa de Santa Mariña. É unha peza singular claramente influída polo gusto portugués. Abráiame sobre todo a admirable profusión de anxos repoludos labrados por hábiles gubias en poses incribles. Pero estaban en misa. Ata min chegaban os cánticos litúrxicos pese aos grosos muros de pedra. De novo acudiron á miña mente os fieitos zugando o zume vital das oliveiras. A Igrexa e as sociedades nas que se implantou. Que clase de relación temos aí? Mutualismo? Simbiose?

Fieitos e oliveiras convivindo en aparente fraternidade. Linguas e ideas, mesmo ideoloxías, convivindo en ámbitos enferruxados e antagónicos

Fieitos e oliveiras convivindo en aparente fraternidade. Linguas e ideas, mesmo ideoloxías, convivindo en ámbitos enferruxados e antagónicos. Relixións incrustadas nas conciencias colectivas dos pobos e nas particulares dos individuos, e que se converten en causa irrefutable de cruel desacougo, de fanatismo irracional, de inxustiza inadmisible, de torpeza moral. Din que as relixións naceron para achegar paz ás almas atormentadas dos seres conscientes da súa finitude e sufridores do mal, moral ou natural, en todas as súas formas. Outra vez outro argumento inzado de inquietantes semánticas. Por que as relixións, en vez de ser balsámicas resultan abrasivas? Por que as relixións enfrontan aos homes entre si e, incluso demasiadas veces enfrontan os homes consigo mesmos nunha tortura sen fin?

Fieitos e oliveiras nunha plácida mañá.

Deixo estas notas no meu caderno de camiñante. Pode que algún día volva a elas para reflexionar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.