Caldo amargo de alcatrán

O xuízo terminou sendo outra rúbrica á evidencia: a corrupción e a ineptitude de gobernantes da dereita nunca serán castigadas nos tribunais. E, o que é moito peor, indica que o poder xudicial non é un poder autónomo como asegura a Constitución e, protexendo os poderosos, nega o dereito á xustiza á cidadanía. Neste caso é evidente que non houbo xustiza e que a impunidade a pagamos todos.

Como non ían saír impunes os responsables das irresponsables decisións que transformaron un naufraxio perigoso nunha enorme catástrofe ecolóxica? Esas persoas non chegaron a ser imputadas nin a sentar no banco, a xustiza absolveunas de antemán

Pero non é unha sentenza absurda; é coherente co sumario que se foi instruíndo durante unha década. O xulgado de Corcubión, sen medios para afrontar unha instrución monstruosa; xuíces provisionais; a Fiscalía do Estado que ignorou conscientemente que o Estado somos os cidadáns e non os responsables políticos; políticos que seguiron contando co respaldo da poboación... Como non ían saír impunes os responsables das irresponsables decisións que transformaron un naufraxio perigoso nunha enorme catástrofe ecolóxica? Esas persoas non chegaron a ser imputadas nin a sentar no banco, a xustiza absolveunas de antemán e os cidadáns déronlles tamén o seu plácet.

Ninguén lembrará xa a Man, un home peculiar, un artista radical que uniu a súa vida de paxaro enxoito a un lugar espido e que morreu afogado por chapapote en Camelle. A súa morte, agora que a sentenza nos di que todo foi confusión e pesadelo unicamente, parece o único real de todo aquilo. Pero está a nosa memoria, a de tantas persoas que desenmascararon o Goberno de entón coa súa xenerosidade e a súa valentía e achegáronse voluntariamente á costa a recoller a colleita de plastilina amarga. A de tantas persoas que se mobilizaron de todos os modos para romper o muro de mentiras que levantaron Aznar, Rajoy, Álvarez Cascos...

Tamén espiu o modo de entender e exercer o poder por parte da dereita: a súa intención primeira foi ocultar a existencia da marea negra, "que a coman os galegos"

O ocorrido en torno ao Prestige foi revelador de moitas cousas. Desde logo que fixo conscientes, especialmente aos galegos, de que o mar nesta esquina da península é unha gran autoestrada con moito tráfico de chatarra perigosa (Nunca máis conseguiu que o Parlamento Europeo lexislase sobre a distancia de navegación da costa e sobre a blindaxe dos petroleiros). Pero tamén espiu o modo de entender e exercer o poder por parte da dereita: a súa intención primeira foi ocultar a existencia da marea negra, "que a coman os galegos".

Crían vivir aínda nun tempo en que se podía ocultar algo encerrándoo nun territorio; para iso utilizaron perversamente os medios de comunicación públicos e aqueles que lles eran adictos negando a evidencia. Afortunadamente houbo medios que romperon o muro e as imaxes que mostraron eran tan impresionantes que atraeron á costa a decenas, logo centos, logo miles de persoas, maioritariamente novas, que negaban a versión oficial e que enviaban fotos cos seus teléfonos móbiles. Cada foto era unha denuncia do engano do Goberno. Ata que non quedou máis remedio que enviar medios e axuda.

Crían vivir aínda nun tempo en que se podía ocultar algo encerrándoo nun territorio; para iso utilizaron perversamente os medios de comunicación públicos e aqueles que lles eran adictos negando a evidencia

Tamén descubrimos entón a utilidade dunha nova ferramenta para a mobilización, Internet. Para buscar nas páxinas webs oficiais doutros países información sobre a evolución da mancha día a día, para enviar o manifesto Nunca máis a persoas de todo o mundo que o asinaron, para manternos en contacto... Foi unha experiencia de fusión entre os creadores de cultura e as persoas doutros oficios ben distintos. E foi o comezo dunha mobilización cidadá contra un modo de exercer o poder que se continuou inmediatamente contra a guerra de Iraq. Todo iso e moito máis foi real, non foi un pesadelo.

Tamén é real que Aznar, que entón non se molestou en interromper as súas viaxes entre Europa e EE UU facendo de portavoz de Bush cos europeos e preferiu ignorar e negar aquela molestia, segue impune deste e outros feitos. E que Rajoy, que acudiu a administrar o desastre e as mentiras, está aí nalgún lugar. E que Álvarez Cascos, do que ignoramos a que se dedicou durante os seis días en que pasearon o barco arriba e abaixo pero que finalmente ditaminou que o mandasen "ao quinto pino", goza de medallas e prebendas. Todo iso tamén é real.

Aquela foi a oportunidade para que a nova xeración que mandaba no PP desde a rúa Xénova de Madrid apartase por fin a un incómodo Fraga

Como que aquela foi a oportunidade para que a nova xeración que mandaba no PP desde a rúa Xénova de Madrid apartase por fin a un incómodo Fraga, botase un díscolo Cuíña e colocase no seu lugar na Xunta a quen agora a preside, Núñez Feijóo. Aquela foi a súa hora.

A auga do océano é amarga; con petróleo, máis. Esta sentenza son outras dúas cuncas dese caldo amargo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.