Esta é a proposta que, dende hai unhas semanas, estase a "deixar caer" entre os colectivos escolares, como opción para acabar co acoso. O cal, xa dende o comezo é unha batalla máis perdida de novo, dando a entender que non existen ideas (que si hai), e que non existen profesionais (que si hai) que podan traballar estas situacións.
O primeiro é desmontar o mito de que unha cámara pode evitar un acoso. Pode rexistralo, non impedilo. Seguro non existen espazos onde levar a cabo un insulto, unha ameaza, ou mesmo unha chantaxe? Non facelo no patio equivale a eliminar o problema? Alguén plantexa que é unha vulneración total da intimidade para os milleiros de cativos e cativas que xogan, falan, ou mesmo discuten ou resolven os seus conflitos de xeito positivo? Estamos de novo a criminalizar a unha mocidade que, posiblemente, esté falta de recursos á hora de poder traballar unha mediación, pero que non é responsabilidade deles, se non nosa. Se existe acoso, porque nós lle digamos que está "mal", non deixará de facerse. A existencia dunha cámara, polo tanto, non prevén unha agresión... Non era que queríamos evitala? Trátase dunha medida persuasoria? Intimidatoria? Sexa o que sexa, educativa non é, por suposto.
Estamos ante un serio problema. Por un lado, o descoñecemento da Administración da existencia de profesionais que traballan coa mocidade para facelos protagonistas das dúas relacións, e deste xeito crear unha actitude de respecto cara o resto de persoas no día a día e, por outro lado, o emprego de ferramentas do medo que adoitamos aplicar á hora de acabar cunha situación: falar de delito en vez de conflito e comunicación, falar de dano en vez de empatía, falar de insulto en vez de respecto...
É unha mágoa esquecer as numerosas propostas que se fan para poder traballar o acoso, sempre dende a posibilitación de espazos de encontro entre iguais, que faciliten que mozos e mozas alcancen un desenvolvemento autónomo, adquirindo ferramentas que lles permitan poder resolver diferenzas con outras persoas. Deberíamos acompañalos neste proceso, non convertilos en axentes pasivos das súas propias relacións.
Non é unha aposta nin unha proposta. A día de hoxe, é fundamental que entren nos centros educativos figuras formadas na educación non formal. E está claro que funciona. A nova configuración social esixe unha resposta acorde coa mocidade que vén. Non podemos manter estruturas tan ríxidas que vexan como solución ver unha agresión e grabala cunha cámara. Deste xeito non nos anticipamos, seguimos estando por detrás. Tampouco valen campañas de sensibilización (puntuais) que, ao final, non van dirixidas nin a acosadores/as e acosados/as, se non a formular unha preocupación que facilita que "ideas" como as cámaras sexan as únicas que se valoren (se cadra pola inmediatez).
De novo, temos unha oportunidade única para non ceñirnos a tempos eleitorais, e potenciar contextos que favorezan as relacións interpersoais. Vexamos os conflitos diarios (non o acoso ollo!) como positivos, como fonte de diversidade. Aproveitemos as profesións existentes, e que traballen para potenciar e afianzar ferramentas e instrumentos que melloren as nosas relacións persoais. Eliminemos a violencia entre iguais con traballo, con moito traballo.
Se realmente queremos prevención, non comecemos pola sanción. Non é cuestión de grabar, é cuestión de actuar, e xa.