Candidatura galega? Por suposto

“Sabemos bem que toda a obra tem que ser imperfeita, e que a menos segura das nossas contemplações estéticas será a de aquilo que escrevemos”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Se algo conseguiron as pasadas eleccións municipais, foi facer mudar as condutas dos axentes políticos galegos, tan empostos a pedalear a cabalo dun monociclo de piñón fixo, tan afeitos a pensar que o centro do mundo está situado un palmo máis arriba das súas gónadas, nese pintoresco lugar que lle chamamos embigo. Por fin, comeza a albiscarse no horizonte que, uns e outros, aprenderon –aprendemos- dos erros de sempre, e xa agroman actitudes frescas e talantes abertos nos cumios dos partidos galegos, permitindo que os movementos asociativos e as persoas –a xente- que tamén son País, axuden a marcar o rumbo adecuado.

Situar a cuestión identitaria na cerna da política é algo esencial. Mais soster tal formulación coma se fose un fin en si mesmo, talvez sexa un erro que precisa ser matizado. Primar as reivindicacións sociais, ignorando as diferenzas nacionais, pensando que todo se debe cocer a nivel global –ou estatal- pódenos levar a morrer abafados no intento, mentres medran irremediablemente as diferenzas sociais.

A historia de Galicia, dende o primeiro capítulo ata hoxe, está ateigada de probas fidedignas que demostran que as políticas centralistas, que volven estar tan de moda no Estado español, grazas ás extravagantes simpatías que lle profesamos a estes novos centrifugadores tan guais, sempre minguaron, e mesmo afogaron, a nosas capacidades de desenvolvemento. E, por suposto, sempre acentuaron as diferenzas sociais. Non é posible mellorar a nosa capacidade produtiva, nin moito menos alcanzar un desexable nivel de benestar, se non profundamos no noso autogoberno, se non dispomos da autonomía real que nos permita que sexamos nós os que procuremos as solucións aos nosos propios problemas. Acertemos ou non.

E iso, hoxe en día, so vai ser posible se somos quen de aguzar a única arma que temos ao noso alcance: a Política. Sen peso demográfico –en Galicia somos poucos-, e sen poderes económicos e mediáticos con sentido de pertenza, identificados coa Terra na que gañan os cartos, dificilmente imos mellorar as nosas condicións de vida.

Aproveitar a oportunidade histórica de contar nas Cortes do Estado cun grupo galego de deputados, que poña o País por diante, debería ser a razón que unira a individualidades, movementos asociativos e partidos galegos, na procura dunha candidatura da xente que teña claro que non pode haber benestar se non hai autogoberno, un grupo que traballe por unha nova conformación territorial do Estado, na que Galicia teña o rol que merece.

Ah! Pregunteille ao meu tío Lisardo e a resposta non se fixo agardar. —Candidatura galega? —Por suposto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.