Candidaturas abertas e unitarias

A diversidade política, que é un valor en si propio en canto que expresión da pluralidade social, convértese nunha febleza cando traducida en división electoral

Na Galiza hai unha maioría social que quer iniciar unha nova xeira. Á marxe do PSOE (perdido no seu labirinto particular sen decidir que papel quer xogar: se seguir a ser un problema ou comezar a facer parte da solución), as pasadas eleccións europeas mostraron a existencia dun sector social moi importante – próximo ao 30% e ao que de certo hai que somar moit@s abstencionistas – que quer mudar as cousas de vez.

Sucede que é un electorado dividido entre diferentes opcións, unhas maiores – AGE, Podemos, BNG – e outras menores – CxG. E a diversidade política, que é un valor en si propio en canto que expresión da pluralidade social, convértese nunha febleza cando traducida en división electoral. O instinto cidadán sábeo, e por iso medra a demanda de unidade. E o PP tamén o sabe, e por iso resucita a elección directa de alcaldes e alcaldesas.

Hai que saudar que as forzas políticas aludidas comecen a mudar o seu discurso. Con modulacións diferentes, todas elas semellan tomar consciencia de que a unidade é necesaria. Porén, eses cambios, positivos, son aínda insuficientes. Cómpre pasar do discurso á acción a fin de converter en maioría electoral o que xa é unha maioría social a través de candidaturas abertas e unitarias.

Con modulacións diferentes, todas elas semellan tomar consciencia de que a unidade é necesaria. Porén, eses cambios, positivos, son aínda insuficientes

As candidaturas abertas e unitarias non pretenden substituír a ningún partido e a ningunha organización. Trátase, modestamente, de axudalos a que estean á altura das circunstancias poñendo os intereses colectivos por diante dos seus lexítimos intereses individuais. Velaquí, pois, un camiño (entre moitos) posíbel:

  • Acordar uns principios mínimos en forma de compromisos que expresen o mínimo común denominador de tod@s arredor da igualdade e dos dereitos sociais, como base dunha sociedade máis xusta, e do dereito da xente a decidir, como base dunha democracia verdadeira.
  • Conformar coordinadoras e candidaturas plurais a partir da participación directa da cidadanía a través de fórmulas que aseguren a pluralidade e a representatividade.
  • Traducir os principios comúns en programas concretos, a nivel local e galego, tamén por medio da iniciativa e da participación cidadá directa.

Non se trata, pois, de crear un novo partido ou novas candidaturas que compitan coas que xa existen senón de propor un camiño que poda conducilas a confluír

Non se trata, pois, de crear un novo partido ou novas candidaturas que compitan coas que xa existen senón de propor un camiño que poda conducilas a confluír, porque unha proposta coma esta só ten sentido se agrupa a inmensa maioría das persoas e organizacións comprometidas coa democracia, cos valores da esquerda e co dereito a decidir do pobo galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.