Cando a excepción se converte en normalidade

Flor de azalea CC-BY-SA Leonardo Sakaki

Os redonderos e azaleas florecen principalmente na primeira quincena de maio, aínda que algunhas especies consérvanse en flor ata xuño. Esta tempada, os primeiros brotes comezaron a saír á par que nós do confinamento. Para coñecer a súa forma basta con observar a rúa durante estes días; as plantas agrúpanse en macizos, as flores medran formando arbustos que tanto se poden atopar nun parque natural como decorando a entrada dalgún edificio de cemento tan sólido como a concentración dos mesmos. A rúa agora parece un xardín cheo de redonderos e azaleas. O dous de maio miles de persoas saíron a pasear sen poder evitar as aglomeracións, caras coa beleza e sorrisos ocultos camiñaban entre aplausos cálidos. Unha imaxe entre a caricatura e o retrato realista despois de cincuenta días confinados. 

Nestes días, a idea de “evolución” cobra unha concepción platónica; non é un concepto que exista so na mente, se non unha entidade que ten presenza obxectiva. Cando Fernando Simón articula a palabra substitúe a expresión natural do rostro, que colapsa cuns ollos azuis e cansos, por xestos animados coas mans que intentan debuxar a descrición no aire coma se dun obxecto definido se tratara. Adianta os brazos en movementos circulares, cun matiz explicativo, establecendo un diálogo entre o tempo e o benestar. Ao materializar a idea de “evolución” non so se fai referencia ao progreso do virus en canto a mortes, contaxios e recuperacións, se non á transición cara unha sociedade que poida estar mais preparada a nivel sanitario, económico e social no posible caso doutro pico de contaxios nos vindeiros meses. 

Non se pode captar o concepto sen ter presente a magnitude do tempo. Que abafo, tempo dabondo houbo durante estes dous meses! A inmediatez agora é eterna e calquera tipo de espera un fracaso. A proxección dun hipotético futuro destrúe todas as ideas coas que adaptarnos á realidade. A posibilidade de cambio fai que nos aferremos á mais visceral ambición. Unha pregunta comeza a asomar na mente: que vamos a entender como normalidade despois de esta crise? 

Slavoj Žižek foi o primeiro en agrupar nun libro as súas reflexións sobre a pandemia e a necesidade de reformular politicamente a sociedade contemporánea. Para o filósofo esloveno, chegaremos a unha sociedade mais solidaria porque o capitalismo foi ferido. Pero, o arraigamento na nosa cultura da orde liberal-capitalista pode ser derrocado a partir dunha situación tan dantesca? Para o filósofo surcoreano Byung-Chul Han, a epidemia desencadeará en mais individualismo porque os virus non fan revolucións. O xerme do capitalismo cognitivo segue asentado como semente no imaxinario colectivo, calquera cooperación a nivel de sociedade queda supeditada ao desexo individualista do propio beneficio. Ambos convertíronse en suxeitos dunha dicotomía representada virtualmente como defensores do alento e da deseperanza, dun anhelo e dun mal pronóstico, do desexo e da realidade respectivamente. 

Chegados a este punto, creo que convén contrapoñer as diferenzas que se poden atopar entre os significados de “cambio” e “transformación”: mentres que a grandes trazos o cambio necesita definirse a través das palabras “desprendemento” “derrube” ou “destrución”, o concepto de transformación achégase mais ao estado no que desemboca a citada “evolución”. O cambio asóciase coas revolucións mentres que a transformación atinxe a unha mera transición. A xerminación dunha semilla e o seu paso a planta supón unha modificación radical da sustancia, é dicir, o obxecto deixa de ser o que era e se converte noutra cousa. Porén, a evolución a asocio visualmente coa imaxe dun camaleón que, ao tomar o sol e a diferencia das plantas que medran facendo a fotosíntese, cambia de cor co único fin de adaptarse ao medio. Tampouco proxecta sobre a pel cores tan vivos coma os que saen nos libros de animais; o amarelo convértese en ocre, o vermello en granate e o azul vivrante pasa a un ton case negro. Non é doado intentar comprender o futuro sen caer na sombra da utopía, sobre todo cando partimos sen referencia algunha. 

Como auga de maio chegan os primeiros raios de sol ao hemisferio, e proxectan na rúa a esperanza que necesitamos recolectar como se foran fresas salvaxes. A poucos días do aniversario do 15M, aínda queda en nos a imaxe dunha revolución humana que necesitamos agora mais que nunca. A nivel social, sempre haberá cousas que se van a quedar aquí durante moitos anos. Cales? Iso é o que nos toca reflexionar durante estes días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.