Cando a historia resulta inútil para o progreso

Unha vez máis, Ramirás segue sendo Ramirás. A pesar do momento histórico de encrucillada no concello, non se lle puideron dar luz a camiños máis esperanzadores dos que xa había, salvo a unha gobernación municipal por primeira vez en minoría e unha confrontación aberta e mal intencionada entre a oposición, como os únicos elementos a destacar.

Unha polémica decisión política, como a chispa que acendeu o conflito

Todo comezou o pasado 13 de xuño, na sesión de investidura da nova alcaldía de Ramirás, onde o BNG xa arrastraba entre a veciñanza a polémica pola posibilidade de que non apoiara á candidatura do PSdG á alcaldía, pasadas unhas eleccións onde o PP de Ramirás perdeu a maioría absoluta, por primeira vez na súa historia no concello.

Efectivamente, na sesión de investidura, o BNG decidiu votarse a si mesmo, permitindo o goberno do PP outra lexislatura máis. Posteriormente o BNG emitiu de maneira pública, un comunicado sobre as análises, razóns e motivos que levaron á toma desa decisión por parte da agrupación municipal. Decisión que, como era de esperar, xerou unha gran crispación en parte da veciñanza, principalmente nalgúns e nalgunhas votantes do PSdG, que non esperaron para enviar mensaxes e opinións, dende distintos medios, criticando duramente a decisión tomada polo BNG de Ramirás na sesión de investidura, e en menor medida, nalgúns e nalgunhas votantes do BNG, afirmando simplemente a súa decepción coa agrupación municipal, sen chegar á dureza dos e das votantes do PSdG.

Marcos Meléndez, o único concelleiro agora do BNG en Ramirás, denuncia que incluso está a sufrir acoso, dada a continuidade pero sobre todo a focalización, na súa persoa, das críticas.

 

A alcaldía das dúas caras, como osíxeno para avivar o lume

Un dos elementos do conflito, que máis indigna á veciñanza descontenta co goberno municipal conformado tras o 13 de xuño, é a persoa na cal recaeu a alcaldía trala investidura, Juan Carlos Rodríguez Matías. Rodríguez Matías é unha das personalidades políticas máis coñecidas na historia recente de Ramirás, por haber exercido durante 12 anos a tenencia da alcaldía no concello.

O problema reside no feito, defendido pola veciñanza descontenta, da probabilidade de que Pilar Otilia López siga exercendo de alcaldesa na sombra, mentres que Rodríguez Matías exerza como alcalde de palla e como cabeza visible deste proceso de conformación do goberno municipal, pois a veciñanza descontenta, defende que existe unha evidencia clara da incapacidade de Rodríguez Matías para exercer verdadeiramente e de maneira eficiente a alcaldía do concello, feito considerado como escandaloso e incluso vergoñento na segunda década do século XXI.

 

Un pasquín con erros na ortografía para botarlle gasolina ó lume

Volvendo ó conflito entre a oposición, e a pesar de todo o intercambio de ofensas e acusacións entre eles, mediante as redes sociais, teléfonos e demais medios nese lume do conflito, non houbo bidón de gasolina máis grande para botarlle a ese lume, que o que supuxo o reparto duns pasquíns en Ramirás e nos concellos limítrofes, onde se instaba a non mercar na Estación de servizo propiedade da familia de Marcos Meléndez. Un feito que de inmediato supuxo a fractura máis grande entre a veciñanza, dada a gravidade do acto e o efecto de repercusión que este puido e pode traer.

 

As interpretacións que lle atopo á situación actual

Neste parágrafo, considero importante salientar tódalas hipóteses e análises, que poidan aportar un pouco de luz á hora de atopar a interpretación política máis axeitada e verídica posible, nesta histórica conxuntura política no concello:

Para comezar, aínda que se trate de algo habitual na política do rural ourensán, é unha realidade incoherente e desesperante para todo ramirense progresista, que a alcaldía das dúas caras consiga consolidarse e ó mesmo tempo manterse á marxe, grazas a que a oposición é a protagonista polo espectáculo de acusacións e inxurias mutuas que están a mostrar.

En segundo lugar, se ben é certo que o BNG esixira a dimisión da cabeza de lista do PP e do PSdG como condición, tamén é palpable o dereito de Isabel Gil a non dimitir, dada a súa elección pola asemblea municipal do PSdG. Por outra parte, é necesario ter presente que nas filas do PP de Ramirás, non só dimitiu a histórica cabeza de lista, tal como esixía o BNG, senón que tamén o número tres da lista, que garda parentesco coa cabeza de lista. Tendo isto presente é fundamental preguntarse se este feito se debeu precisamente por atender ás condicións do BNG de Ramirás, ou se o motivo non tivo nada que ver co BNG.

En terceiro lugar, é preciso resaltar que tan inxusto como que se focalice na persoa de Marcos Meléndez as criticas pola decisión de investidura, é que se focalice na persoa de Isabel Gil a autoría de todo o proceso de acoso denunciado polo BNG. Nestes casos sempre se debe pensar que se tratan de decisións colectivas e que moitas veces se toman ás costas das persoas referentes ou que encabezan cada organización política.

Por outra parte, o incidente dos pasquíns, non debe ser analizado á lixeira, porque sen querer eu realizar ningunha acusación retorcida, pode darse a posibilidade de que o incidente se trate dunha conspiración para prexudicar a imaxe do PSdG de Ramirás mentres se beneficia, asignando o rol de vítima, a imaxe de Marcos Meléndez e do BNG de Ramirás.

Continuando, a pesar da coherencia e da solidez dalgúns dos motivos que expuxo o BNG para a súa decisión, de cara a mostrar que non existe ningunha alianza ou confabulación oculta co PP en Ramirás, tendo como motivo a destacar a falta de sintonía ideolóxica co PP,  igual de sólidas e coherentes son algunhas das realidades que evidencian, como di a retranca galega, que "entre eles non se che morden porque van no mesmo barco". Un dos motivos é o polémico negocio conxunto que a estación de servizo 2001 e o velorio municipal, supoñen para o PP e o BNG de Ramirás, por tratarse de negocios vinculados ó BNG e ó PP, e por exemplo, noutra orde de cousas, as declaracións en La Región, da histórica alcaldesa do PP en Ramirás, Pilar Otilia, afirmando que ela, no caso de perder o PP a alcaldía, preferiría ó BNG para continuar o goberno de Ramirás.

En relación ó punto anterior, é preciso analizar tamén as condicións que o PSdG lle ofrecera ó BNG para o pacto de goberno: dispoñendo o BNG dun só escano na cámara municipal, o PSdG ofrecíalle ó BNG nada menos que a tenencia da alcaldía e unha concellería a escoller. Analizando estas condicións, todas as análises levan á mesma conclusión: o BNG de Ramirás rexeitou a oportunidade de ter o maior poder político e institucional da súa historia. Desta maneira, colateralmente rexeitou a mellor posibilidade de demostrar á veciñanza que é unha  formación que pula polo cambio e que é valida como alternativa de goberno, podendo dende a súa posición desenmascarar ó PSdG e a Isabel Gil, no caso de que haxa algo que desenmascarar, que eu non me aventuro a dicir se o hai ou non.

Chegados a este punto, a pregunta é: qué motivo ou razón levou ó BNG de Ramirás a rexeitar todo o anteriormente mencionado ?. De verdade foi o papel xogado por Isabel Gil a razón ?. E o que é máis inaudito: se expoñen a Isabel Gil como unha persoa interesada en perpetuar o atraso, o autoritarismo con distintas siglas; en definitiva, a falta de garantías para a rexeneración democrática, por qué non decidiron apoiala para así, aparte de gañar o anteriormente mencionado, facer que ela, unha vez na alcaldía, se desenmascarase a si mesma ante a veciñanza nesta lexislatura ?.

Para rematar, ante todo o exposto anteriormente, non podo chegar máis que a esta conclusión: O BNG de Ramirás, só puido tomar esa decisión por un acordo indirecto co PP de Ramirás e en intereses alleos ó benestar e ó futuro do concello e a súa veciñanza, porque para que o BNG de Ramirás tomara unha decisión política tan kamikaze para eles como organización, non hai outra explicación posible, porque non entendo que análise política da situación puideron facer, pensando no mellor tanto para o concello como para o propio BNG,  que os levara a tomar unha decisión así. Eu nin sequera contemplo o oportunismo político como a explicación.

 

A conclusión: fagamos unha oposición construtiva

Concluirei este artigo afirmando que eu so me limito a realizar esta análise e a escribir este artigo, respectando a neutralidade, partindo de todo comunicado e información pública, respecto do PP, o PSdG e o BNG de Ramirás e dando como certa toda hipótese enunciada polo BNG respecto ó PP e ó PSdG de Ramirás.

Remato repudiando e condenando todo acoso sufrido polo BNG dende un punto de vista ético, pero tamén dende un punto de vista político, porque se resulta que a miña análise é correcta, e espero de corazón que non o sexa, estaríamos lexitimando e apoiando a unha organización que non é máis que o partido bisagra do PP de Ramirás á hora de perpetuar o atraso económico, social e cultural que leva sucedéndose durante xa máis tempo que o franquismo.

Respecto ó actual alcalde, eu non xulgarei se é ou non válido para o cargo, nin me aventurarei a facer hipóteses sobre a súa futura xestión. Del depende marcar a diferenza coa histórica alcaldesa, ofrecendo unha xestión e unha alcaldía diferentes, cunhas éticas dignas de ser recoñecidas e admiradas. De darse o caso, eu non terei ningún problema en depositar a miña confianza nel como o representante de tódolos e tódalas ramirenses.

Pola contra, de darse o caso contrario e continuar cunha gobernabilidade na liña da histórica alcaldía, con prácticas caciquís e en contra do ben da veciñanza, tampouco terei ningún reparo á hora de que esas prácticas sexan denunciadas e sacadas á luz. Rodríguez Matías, como calquera ser humano, debe ter presente que un gran poder precisa dunha gran responsabilidade, máis aínda cando ese poder, de carácter institucional, foille outorgado grazas ó poder político que lle deu a veciñanza cos votos o 24 de Maio.

En definitiva, o fundamental é pular por unha oposición construtiva e respectuosa, sen boicots, difamacións nin calumnias, que non dea pe a descréditos, porque para concienciar e abrir os ollos en política o que menos se precisa é publicidade de disuasión, pois iso sempre terá un efecto rebote, que nos fará máis difusa e difícil de ver a resposta máis simple: tanto as decisións políticas, como as decisións de goberno, falan por si soas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.