Cando a igualdade é unha pose política e non un compromiso social

É de todos coñecida a escasa sensibilidade que ten o Partido Popular con respecto á Igualdade. Iso non só está reflectido nos grandes recortes que está a sufrir esta área (30% menos de presuposto dende que Rajoy subiu ó poder) senón tamén en certas actitudes e comportamentos de importantes dirixentes do PP. Todo isto tivo a súa culminación coa presentación en sociedade de lei do aborto (unha das máis restritivas do mundo occidental e que en Europa soamente foi apoiada abertamente por Le Pen, algo moi significativo). Esta lei do aborto é un claro reflexo da ideoloxía de fondo que o Partido Popular sostén sobre a igualdade.

Pero lonxe da grande política, nos concellos tamén se observan esas actitudes e comportamentos; o caso concreto do que vamos a falar é do Concello de Ferrol e a súa concelleira de igualdade, Verónica Casal Míguez.

Hai uns meses, Verónica Casal concedeu unha entrevista ao xornal La Voz de Galicia onde insistentemente igualaba o feminismo e o machismo, pensando sen dúbida que estaba a falar de termos antónimos; de feito o titular da entrevista foi “Lo que lleva a la igualdad no es el machismo ni el feminismo”. (Fonte: La Voz de Galicia)

Queda claro que a concelleira non sabe nin o que é o machismo, nin o feminismo. O machismo está na base da violencia de xénero, da desigualdade real existente na sociedade cara as mulleres, é o motivo de que preto do 90% da pobreza mundial sexa feminina e da  desigualdade de oportunidades das mulleres no ámbito laboral. O feminismo no seu eido social e ideolóxico pretende unha igualdade de dereitos das mulleres, para a consecución da igualdade non só formal senón tamén real.

En segundo lugar, outro elemento definitorio da política de Verónica Casal na consellería de igualdade é  eliminar a caracterización de xénero para falar da violencia machista. Isto queda moi claro no xeito que ten esta concellería de celebrar os 25 de novembro, convertendo a maior parte dos actos nunha repulsa da violencia, sen máis.  Isto que a priori podería parecer de pouca  importancia, pero en realidade é unha estratexia perigosa que vai máis ala dunha loita terminolóxica. Eliminar a especificación da violencia de xénero busca esconder e restar importancia a esta lacra social e conduce de novo á impunidade dos agresores e á indefensión das vítimas (pasando a ser un problema de índole doméstica). Na Conferencia de Beijing, en 1995, quedou moi claro que é necesario non só incluír a perspectiva de xénero nas políticas públicas, senón tamén recoñecer que a violencia machista ten que ser tratada de forma independente, sendo un tipo de violencia específico que é exercido contra as mulleres por ser mulleres.

As novas sobre os 25-N que aparecen xeralmente nos xornais afíns ao concello, en moitas ocasións, xa falan directamente do día da Non Violencia. Para exemplo, un botón: “La programación vinculada con el día de la no violencia incluye, además, una iniciativa sobre la mujer profesional, relacionada en esta ocasión con las fotógrafas”. (Fonte: Diario de Ferrol)

No  primeiro ano de Verónica Casal ó fronte da concellería, os actos do 25 de novembro centráronse no ámbito escolar. No Centro Torrente Ballester,  reuniron os rapaces de diferentes centros escolares para escoitar unha contacontos. O relato da contacontos centrouse no mobbing escolar, na violencia da TV, nos monstros, etc. En ningún momento o termo igualdade, muller, xénero ou discriminación foron nin nomeados.

Esta mesma actitude podemos apreciala noutro tipo de actos. Nun seminario organizado pola OCV (Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC) no Campus de Ferrol que versaba sobre o papel da muller na cooperación, foi invitada a concelleira. Tocaba falar da Violencia de Xénero e o seu discurso foi na mesma liña de falar da violencia na sociedade (ou cando falaba do tema usar o termo violencia familiar, cando non son a mesma cousa). Acompañando (e invitada pola concelleira)  foi unha das representantes dunha ONG local que traballa con mulleres, que pasou de falar da violencia contra as mulleres á violencia das mulleres contra os homes (afirmando que tamén sofren violencia a través dos fillos e que dese tipo de violencia tamén hai que falar). Tal foi a cousa que a concelleira de Igualdade do Concello de Narón, presente, tivo que interromper en varias ocasións estas intervencións.

Outro tema pendente para a concelleira é coñecer o que é un estereotipo de xénero. Xa que doutro xeito non ten moita explicación o acontecido o último 25 de novembro.  Este ano, para conmemorar o Día contra a violencia (de xénero) esta concellería decidiu dar un “toque doce” (definido así pola prensa local) e “repartir galletas”, nunha bolsiña rematada cun lazo rosa. A lenda que acompañaba o agasallo rezaba “Sou doce, non sexas violent@”. A concelleira conseguiu facer do agasallo do 25-N unha concentración de estereotipos, chegando case ao nivel da idea que tiveron na Comunidade de Madrid con motivo do día da muller traballadora  de agasallar as mulleres con prendas íntimas e clases de aerobic. Parece que no Partido Popular cousificar as mulleres e xerar estereotipos é algo máis que habitual.

En todo caso, e volvendo á nosa galleta e ó lema “SOU DOCE, NON SEXAS VIOLENT@”, este agasallo revela e reflicte claramente a idea que a concellería ten do que é unha muller. O seu modelo de feminidade correspóndese claramente coa chamada mística de feminidade definida por todos aqueles estereotipos e clichés aplicados sobre as mulleres e reproducidos culturalmente neste modelo de sociedade patriarcal (a muller debe ser doce, sensible, cariñosa, asoballada, ten que ser o sexo débil, etc).  Non parece por tanto que a concellería intentara romper con estes estereotipos, senón que moi ó contrario está a reproducilos. Para previr a violencia machista é moi importante romper cos roles e estereotipos de xénero que aprendemos culturalmente, pois así eliminaríanse as desigualdades e produciríase un repartimento máis equitativo de poder entre ambos sexos.

Finalmente, e para concluír xa, queda por falar da Casa da Muller que Verónica Casal conseguiu transformar nunha especie de Asociacións de Veciños ou nun Centro socio-cultural onde ten lugar un totum- revolutum de actividades para homes e mulleres, dende cursos para pais e nais primeirizos (guías para a maternidade), así como cursos para os adolescentes para saber “relacionarse”, entre outros. Ata o momento da súa chegada, a Casa da Muller organizaba cursos e seminarios destinados a mulleres, que permitían o desenvolvemento de redes de amizade e de confianza entre mulleres de distintos puntos xeográficos do concello e diverso nivel socioeconómico. Agora a Casa da Muller oferta cursos para todo tipo de colectivos (aínda que seguen persistindo algúns cursos só destinados a mulleres). Parece que o que se pretende é deixar baleira de contido o que nun senso estrito é a Casa da Muller.

Xa neste punto final penso qué é moi axeitado lembrar unha célebre frase de Emma Goldam  (1869-1940): “O elemento máis violento na sociedade é a ignorancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.