Cando a literatura traga o xornalismo

Cando Europa estaba partida en dous, e isto facíaa débil política e economicamente, a cultura europea era o horizonte ao que se miraba en España para buscar aire fóra da hermética burbulla franquista. Creo que todos os europeos se buscaban a si mesmos con curiosidade e atención duns sobre outros. E agora? Paradoxalmente, cando Europa teceu unha unidade administrativa, económica e política, o desinterese mutuo é dominante; e a colonización norteamericana, esmagadora. En España, hai unhas décadas, ao redor da entrada na OTAN, deuse o disparo de saída que fixo abandonar a atención á cultura europea e mitificar a toda velocidade a norteamericana. A consigna estaba implícita naquela frase dun presidente de Goberno que acuñou varias formulacións nas que foi resumindo o seu ideario: prefería morrer dunha navallada no metro de New York antes que vivir nas rúas de Moscova.

Santiago de Compostela está a converterse nun estraño estudio ao aire libre que lles serve aos espectadores todo tipo de casos abraiantes, ás veces paveros e ás veces tráxicos, como este asasinato dunha nena

Pero antes diso aínda se atendían aquí a novelistas como Heinrich Böll, autor da novela A honra perdida de Katharina Blum, que logo adaptou ao cinema a realizadora Margarethe von Trotta. A obra retrata uns medios de comunicación monstruosos que devoran unha muller inocente. Na Alemaña da época -a diferenza de España, onde a prensa estaba suxeita polo Réxime-, os medios de comunicación xa demostraban a súa rapidez, voracidade e capacidade para incidir na sociedade e manipulala. Lembrei esa novela contemplando atónito o espectáculo que están a dar os medios de comunicación co que obteñen das vísceras dun asasinato, verdadeiramente sinistro, na miña cidade. Santiago de Compostela está a converterse nun estraño estudio ao aire libre que lles serve aos espectadores todo tipo de casos abraiantes, ás veces paveros e ás veces tráxicos, como este asasinato dunha nena.

Nesta historia, o que conveciños e espectadores en xeral realmente necesitamos é coñecer o que ocorreu no interior de dous personaxes, os pais da nena asasinada. É un desexo comprensible para quen os trataron e crían coñecelos, e agora constatan que esas persoas eran dous completos estraños

En verdade o acontecido perturbounos a moitos e é comprensible que esteamos á expectativa para poder comprender algo que nos arrepiou. Nesta historia, o que conveciños e espectadores en xeral realmente necesitamos é coñecer o que ocorreu no interior de dous personaxes, os pais da nena asasinada. É un desexo comprensible para quen os trataron e crían coñecelos, e agora constatan que esas persoas eran dous completos estraños. Coma se ademais dun crime se dese unha estafa, un engano, unha impostura. En xeral, os máis próximos ou os máis afastados, case todo o mundo, queren que lle conten dunha vez a historia desa familia. Unha historia que comeza ao revés, co corpo desvalido da nena asasinada, e que nos conduce logo cara atrás para pescudar como se chegou até aí, para coñecer a historia dos seus pais e a dos pais dos pais. O que parece ser unha historia familiar que conclúe en decadencia e crime, unha saga como¡a ?Os Buddembrook?, pero tráxica.

É certo, hai unha demanda profunda en boa parte da sociedade de coñecer ese relato, hai fame de atoparlle sentido a ese corpo miúdo no chan e de noite. Hai unha demanda, pero a oferta que están a facer os medios de comunicación é unha obscenidade: envorcan sobre nós toneladas de vísceras dunha familia e arróxannos ao aire os froitos do saqueo dunha casa. Un par de xornais e varias cadeas de televisión deron gato por lebre aos seus seguidores, traizoaron o xornalismo e ofrecéronlles literatura no seu lugar. Ás veces, por perder as formas e saltar as normas, pérdese a ética; e outras veces, por carecer dela, non se contemplan as formas e búrlanse das normas. Iso está a ocorrer coa cobertura dese asunto: trituraron a ética xornalística.

Hai unha demanda, pero a oferta que están a facer os medios de comunicación é unha obscenidade: envorcan sobre nós toneladas de vísceras dunha familia e arróxannos ao aire os froitos do saqueo dunha casa

Coñecendo o atractivo morboso do caso -podería ser o arranque dunha boa narración-, foron construíndo unha película ou unha obra teatral dende o primeiro día. Xunto a datos rigorosamente contrastados transmítense os bulos que nacen sempre ao paso dunha traxedia así nas rúas e as barras dos bares. Neste caso os bulos saltaron da rúa aos medios de comunicación, e dese modo aparecen coma se realmente se tratara de información xornalística. Herdanzas malditas que non existen, amores segredos, outros posibles crimes anteriores...; cada día unha volta máis no guión da película, e sempre máis horror e noxo.

Sen entrar en se os pais foron ou non os autores do asasinato, as súas vidas e as dos seus maiores foron asaltadas e saqueadas cruelmente e sen escrúpulos. Toda unha familia foi espida en público e destripada baixo as peores luces; as súas vidas non son hoxe patrimonio público senón os restos do saqueo esparexido pola rúa embarrada. Cóntannos como eran, os seus gustos, os seus desgustos; e trátanos polos nomes que recibían entre as súas persoas de confianza, Curro, Paco, Charín, coma se non fosen persoas reais. Son considerados, en fin, personaxes de crónica de sucesos e reciben o mesmo trato que se lles dá habitualmente aos delincuentes pobres: O chato, O guapo... Xa que insisten tanto no patrimonio máis ou menos cuantioso dos protagonistas, nas súas propiedades, como non pensar que o que os medios pretenden é estimular e facernos gozar con ese mesmo pracer que obtén a xente que saquea un castelo ou uns grandes almacéns. Esta carreira sen límites dos medios de comunicación por conseguir audiencia está a transformarnos non en plebe senón en chusma.

Esta carreira sen límites dos medios de comunicación por conseguir audiencia está a transformarnos non en plebe senón en chusma

Queremos coñecer e comprender pero ao final teremos as mans completamente sucias de ter braceado no lixo. En Santiago hai varias historias que contar neste momento, unha é o crime da nena Asunta. Outra é o espectáculo que están a dar os medios. É digno de estudo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.