Cando a turbodereita liquidou o que quedaba de España

"Os votantes do PP antes deixan de comer que de pagar a súa hipoteca", dis que dixo a Cospedal non hai moito. Non o sei seguro, pero de ser certo, poucas cousas menos españolas podería ter dito, por españolista que ela sexa. Deixemos agora de lado que nun partido se din moitas cousas; que Cospedal non é Rajoy e que a lexislatura é moi longa; deixemos tamén que España se está a converter en Madrid, Andalucía, Valencia e non moito máis. A frase en si soa mais nórdico-calvinista do que ibérica, e aínda máis cunhas políticas económicas que deixarán España como un erial coas contas en orde.

España está en proceso de liquidación, ou polo menos de atenuación. E o axente está a ser o partido máis españolista

Pido licencia para esaxerar un pouco e clarexo que parto da base, cientificamente non demostrable, de que iso chamado España está en proceso de liquidación, ou polo menos de atenuación. E o axente está a ser o partido máis españolista.

Realmente, a cousa non é tan nova: Mrs Thatcher, unha grande stateswoman das que hoxe non se despachan, fixo cousas boas pero foi ben pouco inglesa —especificamente, pouco o nada tory—, e deixou como herdanza unhas lexións de homeless e unha fenda sen precedentes no país, aproximadamente de nordeste a sudoeste, que non se deu soldado nin hoxe, e que se reflicte non só económica senón mesmo electoralmente pois hai grandes áreas, como Escocia, nas que os conservadores teñen poucos ou ningún deputado, e noutras zonas case non o teñen os laboristas (debe notarse que o historiador T. Judt, asisadamente, mete os laboristas Blair e Brown no saco da Thatcher).

Envolverase de roxo e amarelo se quer, pero as súas políticas deterioran ou atacan aspectos ata agora asociados con España moito máis que a Thatcher no seu día, e se seguen a teimar nelas para 2050 (por dicir algo) converterán España nun Land alemán de fala inglesa

Velaquí a traxedia diso que un soado xornalista alcumara turbodereita española (non confundir coa dereitona gorda e bigotuda pero humana; non confundir Fraga con Feijóo): envolverase de roxo e amarelo se quer, pero as súas políticas deterioran ou atacan aspectos ata agora asociados con España moito máis que a Thatcher no seu día, e se seguen a teimar nelas para 2050 (por dicir algo) converterán España nun Land alemán de fala inglesa que devece por celebrar canto April Fools’ Day lle boten; un Puerto Rico europeo, tal vez. Tomemos o idioma: España persegue a morte os idiomas periféricos, pero nos feitos —por exemplo, nas súas políticas educativas e de produción científica— arruína toda posibilidade de que o español dea un día chegado a ser idioma científico global.

As políticas do novo PP contrarias a España son incontábeis, comezando polo unconditional surrender do que quedase de soberanía, a aplicación implacable de foráneas políticas negativas para España, a supresión das caixas de aforro, do modelo académico español...

As políticas do novo PP contrarias a España son incontábeis, comezando polo eficientismo, o unconditional surrender do que quedase de soberanía, a aplicación implacable de foráneas políticas negativas para España, a supresión das caixas de aforro, do modelo académico español, a desaparición de Castela, etc.; para non falar de novas formas culturais de vida, ou de exportar masivamente a nosa mellor xuventude (e aínda por riba, como se fora un logro). Será casual —ou non; ignóroo—, pero esas políticas turbodereitistas tenden a conservar aquilo que non era o mellor: envexa, gosto pola uniformidade, intolerancia, inmoderación, centralismo, autoritarismo, bandazos pendulares. E por se os vellos defectos fosen pouco, a turbodereita (aínda que, a verdade, non só ela) importa defectos novos, como o xusticieirismo (curmán da vinganza, por certo), o gosto polo control policial, mental e xeral (España fíxose unha das sociedades mais vixiadas de Occidente), tendente a anular canto de persoal e libre haxa, así como o cambio antropolóxico, fábrica de homes light. Pensan estes españoliños que o moderno e digno de gabanza é facer unha sociedade dura: dura cos fumadores, cos que exceden 120 por hora, os empregados, as familias, as pequenas empresas e comercios, as universidades, os funcionarios, os traballadores que son pais e nais (xa non digamos embarazadas), os debedores en números roxos un día por causa da factura do móbil...

A eficiente e implacable turbodereita creou (ou contribuíu a crear, pois a cousa non é de onte) estes novos españois: responsables, submisos, tristeiros, ordenados, asustados, pesimistas, grises, mentecatos

A eficiente e implacable turbodereita creou (ou contribuíu a crear, pois a cousa non é de onte) estes novos españois: responsables, submisos, tristeiros, ordenados, asustados, pesimistas, grises, mentecatos (do latín: mente captus). Xa vai para dez anos que unha profesora italiana dixo algo que non me gustara nada: La Spagna sta diventando un paese serio. E logo marabíllanse de que os españois non se reboten nin mentalmente.

Se a turbodereita gobernara 25 anos máis (e, incluíndo os equivalentes locais de Blair e Brown, non é descartable), España ía ter pouco en común con España-Hispania-Iberia-"las Españas"-etc.; por moitos touros roxos e marelos, por moito que a xente nova se chamasen Rodrigos e Violantes; todos abofé que English fluent e ben familiarizados coa cultura anglo. E precisamente por obra, polo menos en boa parte, dos españolistas.

A turbodereita está a privar de sentido a España como estado, pois hoxe xustifícase basicamente por executar o que deciden outros, como un federalismo de execución no que ela asumira gostosa o papel de transmisora e aplicadora, mesmo contra si mesma. Cara a Europa, a implacable España de turbodereita ten vocación de estado federado nun federalismo executivo ou de comunidade autónoma. E nese seu rol de só aplicar, vólvese máis papista que o Papa.

Caso de libro: por que o venres 26 de abril, no canto de anunciar os novos recortes rotundamente, o goberno semellaba non saber que facer? Porque dende que comenzaran a prepararnos para eses recortes, como un mes antes, os ventos en Europa comenzaron a cambiar —caso Reinhart-Rogoff, vacilacións no FMI, declaracións de Barroso, Hollande, Higgins, Letta—, de xeito que, vacilando ou divididos os xefes, os seus desconcertados delegadiños trasacordaron suavizar ou adiar parte do planeado.

Por que o venres 26 de abril, no canto de anunciar os novos recortes rotundamente, o goberno semellaba non saber que facer? Porque dende que comenzaran a prepararnos para eses recortes os ventos en Europa comenzaron a cambiar

Britain Against Itself, escribira Beer en 1982; aínda que cun sentido algo diferente. No 2050, a economía española será moito máis pequena. España non xogará na Champions senón en segunda, e por acaso tal vez se teña medio suicidado. Por causa, en parte, da turbodereita máis españolista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.