Según datos dados a coñecer polo CIS recentemente, pertencentes ao seu estudo Percepción social de la violencia de género 2013 unha elevada porcentaxe da poboación española (un 32 por cento dos homes e un 29 por cento das mulleres) acepta distintos tipos de maltrato e mesmo dubidan de consideralos como tales a comportamentos de control, ameazas verbais e desvalorización por parte da sua parella. Revelador, non si? Revelador e alarmante. Con moita frecuencia, demasiada, diría eu, escoito a mulleres que cando falan da sua parella comentan como algo natural e totalmente asumido que lles controlan as chamadas e as mensaxes telefónicas, as saidas, as amizades e mesmo a roupa que poñen. Moitas mesmo ven limitada, cando non totalmente cortada de raíz, a relación coa sua familia.....Están tan namorados delas que calquera “elemento en discordia” é un atranco e hai que eliminalo.
Ningunha delas se decata de que está sendo maltratada, e cando tratas de facerllo ver, a sua resposta sempre e a mesma: “A min non me trata mal, non me pega!” . Isto é grave, moi grave, e está a indicarnos que en torno a violencia de xénero aínda queda moito traballo por facer. Sinto unha gran impotencia cando non consigo que estas persoas entendan que o verdadeiro amor non lastima, non coarta. Que non hai razón para que a sua vida estea rexida polo control malsán, polo medo, polo illamento.... Que hai moita vida por diante e que ninguén, en nome dun amor totalmente enfermo, ten dereito a truncarlla.
Quen te quere ben respétate, apoiate e valórate. Quen te quere ben non necesita exercer o control sobre ti, é o teu igual
Ainda agora, en pleno século XXI se segue admitindo como algo irremediable aquilo de que “quen te quere ben farate chorar”, e xa é hora de que aprendamos e transmitamos que isto non é certo. Quen ten quere ben e o teu compañeiro/a de viaxe, non es un obxecto da súa propiedade. Quen te quere ben, desexa a túa felicidade, que formará parte da súa. Quen te quere ben respétate, apoiate e valórate. Quen te quere ben non necesita exercer o control sobre ti, é o teu igual.
Teñamos especialmente cuidado ca mensaxe que lles estamos a transmitir á nosa mocidade
Teñamos especialmente cuidado ca mensaxe que lles estamos a transmitir á nosa mocidade. Estamos vendo o alarmante aumento da violencia entre ela, e non podo evitar preguntar: Non teremos unha gran parte de culpa de que esto sexa así? Non esquezamos que somos, dende o berce, o seu espello, o seu referente. O noso comportamento vai definir en gran parte o que eles mesmos terán no futuro. Temos a obriga de ensinarlles que cando queres non fires, que cando te queren de verdade non tes medo, que o verdadeiro amor non e submisión.
Non é necesario levar o primeiro golpe para ser maltratada. Pero non é menos certo que en moitas ocasións o control excesivo, os ciumes enfermizos non son máis que o primeiro paso para que este chegue. Tratemos entre todos de evitalo. Seguro que poderemos. Unha vida sen medo é posible.