Cando ourensanía é sinónimo de indignidade

Manuel Baltar, ante 'A derradeira leición do mestre' © Deputación de Ourense

Despois de Compostela, A derradeira leición do mestre chega a Ourense na que será a derradeira parada en Galicia antes de regresar a Bos Aires. A icónica obra de Castelao é peza principal na exposición Castelao e Prada: Irmaus!. 

En Ourense reservoulle lugar entre o silencio abouxador, na vella biblioteca da Deputación, beirando a rúa máis transitada da cidade, sen apenas luz e entre o fume e o frémito do tráfico

En Compostela, malia contar con espazos mellores e/ou máis próximos á xente (o Auditorio, o CGAC, o Museo do Pobo Galego…) e o ruido reaccionario que atronou na súa presentación, a obra foi instalada con respecto no Gaiás. Con respecto quere dicir, literalmente, con respecto. En Ourense, non obstante, quen enarbora con orgullo a bandeira da ourensanía, reservoulle lugar entre o silencio abouxador, na vella biblioteca da Deputación, beirando a rúa máis transitada da cidade, sen apenas luz e entre o fume e o frémito do tráfico

Tanto é así que mesmo a porta habilitada como entrada á sala, das dúas que dan acceso, é a que dá á rúa do Progreso, e non a que permitiría entrar desde a Praza da Fonte do Rei, máis pequena e non orientada directamente ao tráfico. O ruido e fedores que se acumulan no interior da sala mesmo son un insulto para quen quere achegarse á obra e á exposición co silencio e respecto precisos. 

Polo seu significado, a exposición d’A derradeira leición do mestre sería o acontecemento cultural do ano en Ourense, e como tal se debera tratar. Hai espazos ben mellores, máis dignos, coma o Centro Municipal José Ángel Valente ou o Museo Municipal, onde a obra atoparía un lugar de dignidade, a que lle falta no actual emprazamento, e estaría mellor protexida da polución. Mesmo puidera ser que neses emprazamentos, con acceso desde rúas peonís, o número de visitas se vise aumentado. 

Instalar a obra onde está actualmente e da maneira que se fixo consuma ao noso ver un atentado, outro oitenta anos despois, en toda regra

Malia a interesada confusión de Compostela e o desprecio de Ourense, nesta altura da deconstrución nacional que sufrimos e do rearme fascista no que estamos instalados aínda ninguén dubida que A derradeira leición do mestre constitúe un terminal de dignidade para gozo e leición de todo o mundo. Vemos ese cadro acantoado no silencio, castigada polas vellas formas a súa desobediencia perenne, e vemos Rosa Parks reactivando o feito fundacional da humanidade. Instalar a obra onde está actualmente e da maneira que se fixo consuma ao noso ver un atentado, outro oitenta anos despois, en toda regra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.