Canta plataforma!

A miúdo énchesenos a boca ao falarmos do territorio e da súa defensa, mais é aquí, na vivencia, na presenza, onde sementamos os nosos derradeiros xermolos de lexitimidade sobre o medio

Un dos elementos que nos singulariza como especie humana é a tendencia a vivir e desprazarnos entre lugares. Coa mirada do xeógrafo Joan Nogué aprendemos a observar os lugares como pequenas porcións de territorio cheas de significado, conformadoras no seu conxunto do espazo xeográfico; construtoras, en definitiva, do espazo vivido. A miúdo énchesenos a boca ao falarmos do territorio e da súa defensa, mais é aquí, na vivencia, na presenza, onde sementamos os nosos derradeiros xermolos de lexitimidade sobre o medio. Non resulta casual, polo tanto, que os conflitos ambientais de maior sona se empracen no rural occidental galego, máis vivo; tampouco que na contorna rururbana de Compostela se estea a tecer unha inédita asociación de plataformas de defensa do medio; tampouco o resulta, en definitiva, que a proliferación de vertedoiros ilegais no rural ourensán fique na inconsciencia colectiva.
         
Os conflitos territoriais en xeral, e os de contido ambiental en particular, acostuman ter a súa orixe nunha decisión localizativa protagonizada pola administración pública. Resulta, polo tanto, fundamental comprendermos as dinámicas de intervención da mesma neste tipo de conflitos. O carácter multiescalar das administracións, alén de outorgar dificultade ao estudo da súa participación, acostuma ser unha fonte de confusión e confrontación nos conflitos. Neste sentido, a ordenación do territorio vén desenvolvendo mediante a administración dúas grandes metodoloxías de intervención á hora de localizar algún tipo de actividade no territorio:

O carácter multiescalar das administracións, alén de outorgar dificultade ao estudo da súa participación, acostuma ser unha fonte de confusión e confrontación nos conflitos

Por un lado, coñecemos o “método do planeamento”, que descansa nun proceso inicial de análise dos diversos parámetros con incidencia na actividade que se quere desenvolver. Unha vez estudadas as diferentes alternativas de localización, a administración tende a acollerse á lexitimidade legal e ao carácter de interese xeral da decisión. En Galicia, as prácticas de planeamento estanse a fundamentar nunha ordenación ben a nivel local, ben a nivel sectorial, o cal dificulta a integración e aceptación de determinadas intervencións, de xeito que o método dista de ser ideal na praxe. No primeiro caso, por dificultade para abordar dende a escala local intervencións de gran magnitude (campos de golf, plantas de residuos, etc.); e, no segundo, polo frecuente rexeitamento local de intervencións cuxa planificación se percibe moi distante (AVE, parques eólicos, etc.). Unha planificación a nivel supramunicipal, actualmente ausente no caso galego, paliaría a priori parte de ambas as dúas problemáticas.

Por outro lado temos o método do “caso por caso”, onde a localización se establece a partir dunha decisión particular da administración ou dunha empresa, as cales, por criterios de conveniencia, acostuman verse na obriga de negociaren a localización cos axentes locais a través dunha serie de contrapartidas. Fronte ao carácter técnico do método do planeamento, identificamos neste método un claro matiz de mercado, pois as contrapartidas tenden a ser compensacións de tipo mercantil, tales como concesións urbanísticas, postos de traballo ou mesmo diñeiro en metálico. Asemade, este tipo de compensacións poden reverter o seu efecto desexado e ser unha fonte de conflito, mesmo en espazos marxinais ou empobrecidos, que interpretan que lles están a hipotecar o seu territorio e o seu futuro.

Aparentemente, ambos os camiños comparten unha dramática eiva de difícil abordaxe: a alteración do devandito espazo vivido e, por consecuencia, o desacougo das persoas que o conforman. Da depuradora no Souto aos eólicos de Ordes; da mina de Touro á destiladora de Contimunde, os exemplos de loita nunha mesma contorna son infinitos. Cada unha, coa súa particular historia e intrahistoria, frecuentemente crueis e case sempre lexítimas para as familias que durante xeracións viviron nese lugar en cuestión. Porén, de abstraermos a nosa mirada cara a decisión administrativa desa actuación, observamos con facilidade que a maioría das intervencións responden a unha política de planificación determinada. Alén dos proxectos de tipo “caso por caso”, tanto na contorna de Compostela como no resto de Galicia estase a desenvolver un planeamento de tipo exclusivamente sectorial. Coa Lei de Ordenación do Territorio nunha man e o Diario Oficial de Galicia na outra, lemos un país que a diario se acolle aos Proxectos Sectoriais de Incidencia Supramunicipal para construír dende parques eólicos até piscinas recreativas, á vez que se mantén gardada no esquecemento a figura dos Plans Territoriais Integrados. E se esixísemos algo tan fundamental como que se cumpra a lei vixente?

Lei 10/1995 de Ordenación do Territorio de Galicia - Preambulo V, d) Os plans territoriais integrados están dirixidos á organización de áreas xeográficas supramunicipais de características homoxéneas ou a aquelas que, polo seu tamaño e relacións funcionais, demanden unha planificación infraestructural, de equipamentos de tipo comarcal e de carácter integrado. Estes plans, que se conciben como plans integrados, terán como obxectivo propio a definición dun modelo territorial que faga compatible o desenvolvemento e a defensa do medio natural co fin de conseguir un crecemento equilibrado e unha mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Planificar a escalas máis amplas permítenos precisamente iso: axustar, pactar, integrar e, en definitiva, pór en valor os sacrificios que fan uns lugares polos outros

A conflitividade foi e será sempre unha condición consubstancial á xestión do territorio. Porén, como se acostuma dicir, hai maneiras e maneiras. A cidadanía afectada demanda unha ordenación supramunicipal; unha planificación en primeira instancia respectuosa co sentido dos seus lugares, sectorialmente integrada e verdadeiramente participada. Planificar a escalas máis amplas permítenos precisamente iso: axustar, pactar, integrar e, en definitiva, pór en valor os sacrificios que fan uns lugares polos outros. Acusar a veciñanza dunha particular aldea de egoísta ou NIMBYista por non asumir un vertedoiro alegando un “interese xeral” baleiro de reprocidade é verdadeiramente inxusto e simplista. Tan simplista como seguir agardando as calorosas mañás de agosto para publicar no DOG a exposición pública do vertedoiro ad-hoc da caixa de suxestións.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.