“O êxito está em ter êxito, e não em ter condições de êxito.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).
Dez mil almas! Esa é a veciñanza mínima que debería ter un concello, para merecer a cualificación de sustentable, se lle fixeramos caso ás recomendacións do Consello de Europa. De maneira que, para respectar tan incuestionable axioma, cuxos fundamentos descoñecemos, o presidente Feijóo debería arrimarlle outros dous concellos, de semellante poboación, á xa consumada fusión Oza-Cesuras, e facer outro tanto coa que está en trámite, de Cotobade-Cerdedo.
Vaia! No canto de parellas de dous, Europa reclámanos cuadrellas de catro. E deberiamos bulir, sen perder o tempo con cerimonias e amoestacións, pois o primeiro enlace perdeu preto de 100 almas, nos dous anos de casorio, e a única mostra de eficiencia constatada, seica consiste na multiplicación por tres do soldo do alcalde.
Dende o comezo da crise, existe unha teimosía inaudita dos mandamais da UE, e dos representantes dos estados membros, por compracer os poderes financeiros, tratando de vendernos un aparente adelgazamento das estruturas político-administrativas, pondo todos os focos nas institucións de ámbito territorial máis próximas á xente, co único obxectivo de privatizar a xestión dos servizos públicos esenciais e minguar o seu grao de cobertura, sen deixar de engordar a burocracia europea, mentres se fican incólumes as estruturas do estado, a pesar de ter transferidas moitas das súas competencias.
De maneira que, cómpre botar man das cifras para explicar que, tamén nisto, Galicia é distinta do resto do Estado. Segundo os últimos datos do INE, case a metade dos 8.119 concellos do Estado español teñen menos de 1.000 habitantes, mentres en Galicia só hai 27 dos 314 actuais. Superamos en 300.000 habitantes a Castela-León, mais a comunidade veciña ten 2.248 municipios, sete veces máis ca nós. Navarra ten 272 concellos e 640.634 habitantes, mentres A Coruña, co dobre de poboación (1.127.196 almas) posúe un terzo das entidades municipais, 93 concellos. La Rioja, semellante a Ourense, en extensión e poboación, case nos duplica no número de concellos. Ah! No noso País, a media de entidades de poboación por concello é de cen, máis ou menos, e no resto do Estado, é de catro. A pesar deses datos, fóra de Galicia, non hai fusións de concellos previstas. Nin sequera Illán de Vacas (Toledo), con 4 veciños, ten previsto arrimarse a un lindante.
Ah! O meu tío Lisardo, que non está nin a favor nin en contra das fusións de concellos, tal e como se están efectuando, trae a conto o artigo 310 da Constitución de 1812: Se pondrá ayuntamiento en los pueblos que no le tengan, y en que convenga le haya, no pudiendo dejar de haberle en los que por sí ó con su comarca lleguen á mil almas, y también se les señalará término correspondiente.