Cantas mortes máis se precisan?

Acabamos de coñecer a sentenza pola cal a ONU condena a España por neglixencia nun caso de violencia de xénero. Unha boa nova, sin dúbida, e unha pequena vitoria. Digo pequena, porque por desgraza, e como adoita pasar nestes casos, chega demasiado tarde, e o custe foi demasiado alto. Tivo que morrer unha nena para que se tomasen medidas.

En que cabeza cabe que un señor que sistematicamente maltrata a sua parella e mesmo a sua filla poida exercer o seu dereito de visitas en solitario porque a lei así llo permite?

Andrea foi asasinada por seu pai nunha das visitas concedidas a este malnacido, e na que non había ningún tipo de supervisión. Angela, sua nai, tiña denunciado en máis de trinta ocasións os actos de violencia de seu ex marido cara a ela e mais cara a súa filla, solicitando ademais medidas de protección... Todo foi en balde. A de Andrea foi unha morte anunciada, unha máis.

Cada vez que se comete un asasinato por mor da violencia de xénero, os políticos e demais representantes de institucións varias, repiten ata a saciedade, e mentres posan para a foto de rigor, a necesidade de que as vítimas pidan axuda. Moitas non chegan a facelo, é certo, pero eu, que trato a diario con mulleres que están a padecer este calvario, podo asegurarvos que moitas si o fan, con escaso ou nulo resultado.

Os xuíces, e demais persoal que teñen nas súas mans o poder de impartir xustiza, non son quen, nun gran número de casos, de entender que a violencia de xénero non é unha ciencia exacta, e non se pode resolver como se dunha ecuación se tratase, por moito que os “manuais” pertinentes lles diten as pautas a seguir. Non se pode obviar o factor humano, e estase a facer a diario. En que cabeza cabe que un señor que sistematicamente maltrata a sua parella e mesmo a sua filla poida exercer o seu dereito de visitas en solitario porque a lei así llo permite?

Que clase de leis son as que consenten que non se escoite a esas nais que pregan desesperadas que non lles deixen os seus fillos aos seus verdugos, porque o resultado é máis que previsible? Non soamente o permiten, senón que, pola contra, prevalecen os dereitos do maltratador.

Non se pode consentir que se siga a facer caso omiso das súplicas de auxilio. Xa van demasiadas mortes

Eu sei que os xuíces e demais persoal competente nesta materia son xente que traen ás súas costas longos anos de estudo e formación, pero penso que esqueceron formarse na materia mais importante: a da humanidade, a de ter sensibilidade coa xente que está a pasar por un autentico inferno de terror e humillacións, e a de escoitar. Cando unha nai, unha muller maltratada, manifesta os seus temores, non fala por falar. Non hai profesional que coñeza mellor que ela o que é quen de facer o seu maltratador.

A Ángela, a nai de Andrea, van indemnizala. En canto se valora o desgarro de esta muller polo asasinato da sua filla? A canto se calcula que pode ascender o custo do baleiro e a dor que levará para sempre no seu corazón?

Pregaríalles que, se non son quen de deixar de lado certos estereotipos, de poñerse do lado de quen está sufrindo, poida que sexa o momento de que dediquen os seus esforzos a outras materias

Ángela é unha loitadora e unha valente, non cabe dúbida, pero isto non tiña que ter pasado. Non se pode consentir que se siga a facer caso omiso das súplicas de auxilio. Xa van demasiadas mortes.

Eu invitaría os xuíces, o persoal en xeral que ten poder de decisión nesta materia, a facer un exercicio de reflexión e pregaríalles que, se non son quen de deixar de lado certos estereotipos, de poñerse do lado de quen está sufrindo, poida que sexa o momento de que dediquen os seus esforzos a outras materias. Coas vidas humanas non se xoga, e cada vez que ocorre unha morte nestas circunstancias, vostedes son cómplices, non o esquezan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.