Canto pesa unha vaca?

Antes ca nada, unha resposta rápida ao vicepresidente Alfonso Rueda: si, en efecto, o principal obxectivo das Mareas é expulsar dos gobernos municipais ao PP, por mafioso e corrupto, á parte do detalle, nada secundario, de que o PP representa a peor visión da sociedade e de como debe enfocarse a política económica e a distribución dos recursos públicos. 

Antes ca nada, unha resposta rápida ao vicepresidente Alfonso Rueda: si, en efecto, o principal obxectivo das Mareas é expulsar dos gobernos municipais ao PP, por mafioso e corrupto

Unha vez aclarado isto, que quizais lle permita ao señor Rueda e outros/as dirixentes do PP en Galicia tranquilizar nerviosamente á súa militancia, podemos pasar ao asunto en si: por que as primarias abertas en ducias de concellos galegos representan un cambio político radical? Ou sexa: canto pesa unha vaca?

Haberá un par de anos vin un documental no que un sociólogo facía un experimento moi sinxelo. O sociólogo colle un tarro de cristal e introduce nel 4.510 gominolas de cores variadas. Sae á rúa e vaille preguntando ás persoas que atopa cantas gominolas hai no tarro. Pregúntallo a 160 persoas. A maioría das cales dan respostas moi desviadas e só catro se aproximan razoablemente. Pero ao facer a media de todas as respostas, o resultado é 4.515 gominolas. Ou sexa, 160 persoas lograron unha media que só se desviaba un 0,1% da cantidade real.

Por que as primarias abertas en ducias de concellos galegos representan un cambio político radical? Ou sexa: canto pesa unha vaca?

Mais este experimento non era orixinal, procedía dun suceso coñecido en socioloxía como o boi de Galton. En 1906, o antropólogo e xeógrafo Sir Francis Galton (1822-1911) acode por curiosidade á feira do condado en Devon, onde se organizara unha aposta pública sobre o peso dun boi enorme, quizais pra promover a raza Hereford: "adiviñe canto pesa o boi por seis peniques". Nesa aposta participan unhas 800 persoas, e Galton consegue anotar os valores calculados a ollo pola xente. O resultado en media: 1.197 libras. Peso real: 1.198 libras. Cómpre salientar o feito de que ningún experto en gando se achegara tanto a esa cifra.

Esta anécdota, como primeiro exemplo da sabedoría das multitudes, aparece recollida por James Surowiecki no seu libro The Wisdom of Crowds (2004), publicado en castelán por Ediciones Urano (2005) co título Cien mejor que uno. Máis información, na rede: David Ruyet e Antoni Gutiérrez-Rubí.

Agora faise obrigado, pra darlle sentido á comparación entre o episodio do boi de Galton e as primarias das Mareas, introducir algúns datos relevantes. Pra empezar, se falamos de bois (aínda que eu preferise pór no título unha vaca), en Galicia convén aclarar se o boi é da ría ou do monte. Ou sexa, os concellos do interior e os da costa distínguense, obviamente, por tecidos económicos baseados en actividades que van da pesca e a industria por unha banda, á agricultura e gandaría pola outra. Teñen en común, iso si, que as dúas realidades se ven de feito limitadas por leis estatais ou europeas conducentes ao esganamento cando non ao esfarelamento das súas (xa insuficientes de orixe) estruturas socioeconómicas.

Mais tamén hai outro factor que os distingue: os concellos do interior foron, e seguen sendo, vítimas dun complexo control caciquil durante décadas, de xeito que o comportamento electoral sempre estivo moito máis condicionado ca nas grandes cidades costeiras. Non obstante, iso non impediu que as Mareas, ou formas de confluencia equivalentes, triunfasen tanto en Ourense coma en Pontevedra, Sada, Monforte ou Padrón.

E por outra parte, as grandes cidades en Galicia tamén teñen culturas políticas moi diferentes. Cabe preguntarse por que a organización horizontal e asemblearia (pero moi sofisticada) que se deu entre a clase media ilustrada e progresista coruñesa, non tivo a mesma repercusión en cidades industriais como Vigo ou Ferrol. Coñécese que en contextos fundamentalmente obreiros, cunha presenza e tradición sindical potente, ese discurso da organización horizontal novidosa (modelo Marea Atlántica) e moi avanzada nos procedementos democráticos, non obtivo de entrada unha resposta espectacular.

O cal non quere dicir que as Mareas de Vigo e Ferrol non vaian recibir amplísimos respaldos cidadáns nas eleccións do 24-M, pois agora mesmo o fenómeno das Mareas xa está acadando un significado global que mesmo pode traducirse en acordos e confluencias a escala nacional, capaces de intervir contra o chamado niño de corrupción descarada en que se converteron as deputacións provinciais.

En contextos fundamentalmente obreiros, cunha presenza e tradición sindical potente, ese discurso da organización horizontal novidosa (modelo Marea Atlántica), non obtivo de entrada unha resposta espectacular

Agora ben, o experimento do sociólogo ao que aludín, e o propio episodio da feira de Devon, non partían de ningún interese grupal, fose do conxunto ou das partes previamente organizadas: eran só estimacións individuais. Mentres que nas Mareas si existen posicións políticas previas (de forzas de esquerdas recentes ou clásicas) que ninguén oculta, en combinación con centos de persoas non adscritas a ningún partido pero favorables, tanto unhas coma as outras, á creación de novos espazos de participación. Neste caso existe unha intención e uns obxectivos comúns xa de partida.

Inciso: Considerar que son menos puras ou menos auténticas aquelas Mareas nas que o número de militantes de partidos é maior ca o de independentes, sería tanto como pensar que calquera persoa, polo feito de ter escollido no seu día unha opción política, vería suspendidos os seus dereitos como cidadán, ou sexa, que entraría nunha especie de limbo preconstitucional. Os que defenden esa idea sitúanse, sen querer, á altura dos sectores franquistas que a finais dos anos setenta fixeron todo o posible por evitar a legalización dos partidos políticos e as liberdades básicas de organización, manifestación e folga.

En calquera caso, as imaxes están sendo moito máis potentes ca ningún discurso ou declaración divulgada. Colas pra votar en Ourense nas primarias, centos de persoas en ducias de concellos acudindo aos colexios improvisados polas distintas Mareas. Iso non sucedera nunca antes, e xa non ten volta atrás. Quen quixo postularse e participar como candidato/a, puido facelo alí onde existen as Mareas. Quen quixo ir votar pra escoller entre as diferentes candidaturas, tamén puido facelo libremente, sen máis requisitos que ter asinado un manifesto asumible por calquera persoa progresista ou de esquerdas. E os resultados teñen, en forma de candidaturas populares, un respaldo maior e máis contrastado ca o de calquera candidatura definida polos aparatos dos partidos.

As asembleas das Mareas serán espazos de participación e intervención onde se decidirá que posicións han defender os seus/súas representantes no goberno ou na oposición

Isto non está sucedendo só en Galicia, pero si de xeito especialmente espallado e relevante no noso país. A partir de agora xa non será posible enfocar unhas municipais coma antes, só por candidaturas partidarias. Existirán as Mareas (non importa o nome) en moitos concellos, e terán unha identificación singular cos asuntos municipais, disporán de grandes recursos e probablemente de locais propios abertos a calquera. As asembleas das Mareas serán espazos de participación e intervención onde se decidirá que posicións han defender os seus/súas representantes no goberno ou na oposición. E as opinións (outra cousa é a información) terán todas o mesmo valor, pois as decisións serán adoptadas en democracia plena, contando sempre coa sabedoría das multitudes.

En Galicia temos un panorama político completamente alterado, con novas actrices –as Mareas– que acaban de emerxer coma unha vaga de poder popular imparable e superior aos partidos tradicionais

Así é que, a dous meses das eleccións, en Galicia temos un panorama político completamente alterado, con novas actrices –as Mareas– que acaban de emerxer coma unha vaga de poder popular imparable e superior aos partidos tradicionais. Non se trata de que o medo vaia cambiar de bando, frase que considero desafortunada, senón que acaban de crearse ferramentas de acción política propias do século XXI, e quen non se estea decatando diso pasará á historia no segundo sentido da expresión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.