Capitalismo de amiguetes

Grazas ás informacións publicadas en exclusiva por eldiario.es sobre os xa famosos correos de Miguel Blesa, esta semana puidemos comprobar como funciona España de verdade. O primeiro que aprendemos foi unha lección de Historia. Miguel Blesa, Luís de Guindos, José María Aznar, os conselleiros Moral Santín, Bendía ou Romeu, Alberto Ruíz Gallardón ou Esperanza Aguirre estiveron vivindo claramente por encima das súas posibilidades. Pero vostede non. Vostede só traballou como un animal para chegar a fin de mes como podía mentres eles cazaban osos en Romanía, colocaban parentes coa educación básica aprobada polos pelos, prestábanse uns a outros o diñeiro que a vostede tanto lle custaba aforrar, ou repartían tarxetas de crédito en negro mentres coleccionaban arte ou bebían viño do caro.

Tamén aprendemos como o que realmente fai funcionar España é a amizade. Os mails de Blesa ofrecen un acabado manual sobre como opera por aquí o chamado capitalismo de amiguetes

Tamén aprendemos como o que realmente fai funcionar España é a amizade. Os mails de Blesa ofrecen un acabado manual sobre como opera por aquí o chamado capitalismo de amiguetes. É sinxelo. Non esconde secreto ou ciencia algunha. Non ten vostede que acreditar preparación, carreira profesional ou experiencia. O único que debe probar é unha boa, entrañable e sincera amizade co responsable político que deba regular a súa actividade, vixiar o seu negocio, repartir concesións e recursos públicos e promover os nosos dereitos. Axuda moito a fortalecer ese sentimento contribuír xenerosamente a campaña electoral, ou estar sempre disposto a colocar a un parente parvo ou facer un agasallo caro e charramangueiro.

No noso capitalismo de amiguetes cañi, os negocios fanse ao vulto, os miles de millóns cóntanse de oído e as decisións tómanse coa desidia de quen sabe que serán outros quen paguen as súas consecuencias. Para triunfar realmente no capitalismo de amiguetes convén demostrar mal gusto, ser bastante choni e xestionar a empresa ou a Administración de quenda pensando única e exclusivamente no tamaño do bonus que se pode percibir a fin de ano. Cantos máis accionistas, contribuíntes, traballadores ou clientes caian rebentados polo camiño, mellor e máis grande será a recompensa.

Privatizáronse entón as empresas públicas e privatízanse agora os servizos públicos só a beneficio dos amigos e só porque é bo para os amigos

Caixa Madrid non representa unha excepción. Hai que recoñecelo. Somos unha potencia mundial en capitalismo de amiguetes. Así rexen as grandes empresas en España e así escriben as súas relacións coas administracións. Miren nos consellos de de Telefónica, Repsol, Endesa ou outra calquera. Compróbase ata que punto España é o país onde todos queren ter un millón de amigos e así máis forte poder caciquear. Privatizáronse entón as empresas públicas e privatízanse agora os servizos públicos só a beneficio dos amigos e só porque é bo para os amigos. Estamos en mans de piratas do público e nós somos os seus prisioneiros.

Descubrimos que un feixe de investidores en Bolsa e burócratas comunitarios si están lexitimados para esixir un cambio constitucional. Pero se o expoñen uns centos de miles de cataláns, ou vascos, ou galegos, resulta ilegal

Non foi o único descubrimento da semana. A festa non termina xamais en España. Primeiro descubrimos que un feixe de investidores en Bolsa e burócratas comunitarios si están lexitimados para esixir un cambio constitucional. Pero se o expoñen uns centos de miles de cataláns, ou vascos, ou galegos, resulta ilegal, ilexítimo, engorda, é pecado e ademais fractura a sociedade. Logo descubrimos que invocando un mal acordo entre os medios para facer preguntas pactadas ao presidente, Moncloa impuxo outro peor onde non só di cantas senón quen pregunta. Unha regalía que a prensa agraciada celebrou con champán. Capitalismo de amiguetes, constitucionalismo de amiguetes ou xornalismo de amiguetes. É España, o país onde a exaltación da amizade é arte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.