Cara á Galicia 2.0

O noso país atópase inmerso nun, para moitos aínda inadvertido, tempo de profundas mudanzas. Décadas de veloz cambio social deron, como froito máis evidente, un cambio de valores, cada vez máis explícitos, e cada vez de maior peso social. As novas xeracións politicamente maduras, prestas a incorporarse agora ao sistema político con plena responsabilidade e capacidade decisiva, e as que lle sucederán no futuro, esixen o cumprimento duns requisitos outrora considerados non importantes: horizontalidade, participación, transparencia, rendemento de contas, honestidade, ou humildade.

O movemento 15M significou un síntoma, unha efecto da falta de consideración do actual sistema político, e dos seus principais actores -clase política ou sindicatos, empresarios ou organizacións de representación sectorial, por estes valores políticos básicos e as súas reivindicacións concretas.

Unha colisión de vellos e novos valores onde a discusión sobre qué é a democracia, qué representan os espazos públicos, ou qué teñen que perseguir as regras básicas do sistema democrático, concedeu un dos momentos de debate sociopolítico máis ricos e intensos das últimas décadas. Un fito histórico que permitiu que, tanto uns coma outros, a pesar das súas moitas diferenzas de fondo, atopasen coincidencia nun punto crucial: a necesidade de inmediatas e eficaces reformas no noso sistema político democrático. As novas e máis altas expectativas políticas esixen cambios inmediatos que as transformen en realidade.

Cando se debe definir o carácter e a entidade das reformas é cando o vello paradigma se acubilla no coñecido. O instinto de supervivencia resístese a desaparecer, dilatando unha batalla xeracional inexorablemente perdida. De feito, moitos aínda seguen a buscar unha causa escura que explique o movemento da xente cara ás prazas: unhas máquinas de mensaxes de texto, unha rede conspiratoria de tuits, chamadas dos líderes políticos… que demostren cómo as certezas da real politik son as que están detrás de todo. Xa ves, querido lector, qué pouco comprende o vello paradigma este novo tempo e as súas idiosincrasias.

Con todo, non nos levemos a engano, o vello paradigma continúa sendo válido para a maioría social e para a unanimidade das organizacións políticas galegas. Os procesos de cambio son inexorables, pero tamén lentos, e a vitoria do novo paradigma non será de seguro algo de hoxe para mañá. Sen embargo, un factor me fai ser optimista na mellora a medio prazo das condicións democráticas, acorde coas novas ideas que están agromando: o progresivo maior peso electoral das novas castes sociopolíticas portadoras destas reivindicacións. Cada vez máis necesarios para a competitividade electoral das forzas políticas, as súas propostas deberán tamén escoitarse con crecente atención.

Entón, como pode afectar este cambio de valores á nosa estrutura competitiva partidaria? A primeira evidencia é que este cambio afectará máis á esquerda cá dereita. A maior fidelidade ao partido dos electorados de dereita fanos menos sensibles a novos discursos, por iso tamén están máis fortemente ancorados aos valores tradicionais. Na esquerda será onde exista unha maior incidencia. E, chegados aquí, atopamos dúas posibles vías de evolución: ou as actuais forzas políticas incorporan estas reivindicacións, ou deberán ser outras quen ocupen ese espazo e articulen un discurso ideolóxico arredor súa.

A esquerda xa está a notar os efectos da incorporación electoral deste novo paradigma, en forma dunha escéptica abstención. O novo paradigma lle esixe á esquerda política unha modernización do seu discurso, das súas estruturas organizativas, e dos seus mecanismos participativos. A Galicia 2.0 na que estamos a entrar ou é de esquerdas ou, polo que parece, terá aínda que seguir esperando para poder ser. A Praza Pública ten, neste apaixonante camiño, moito que ver, dicir e facer. Imos aló.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.