Cara á reconstitución do movemento estudantil galego

No movemento estudantil os ciclos son curtos e van moi rápido. Catro anos de activismo non permiten ter memoria. Iso, ás veces, funciona como factor de renovación, como posibilidade de ruptura dos marcos exitentes. Se a isto lle sumamos o acelerados que están os tempos en política, o irrecoñecible do panorama da esquerda dende hai ano e medio até aquí e a aparición de novos discursos que rachan coas vellas identidades, os estudantes non podiamos quedar á marxe.

As dinámicas están mudando, e nestas semanas comezamos un proceso para a constitución dunha nova organización estudantil unitaria, que funcione como ferramenta para loitar co estudantado por un ensino democrático. Un proceso que toma boa nota do momento político e das demandas dos sectores máis activos da poboación galega, xa que todas as decisións serán tomadas en asembleas abertas por todo o país dende as que se irá estruturando a organización a nivel nacional, sen ningún outro organismo alén dos que nós mesmos queiramos darnos.

Este proceso comezou en Compostela evidenciando que hai unha parte enorme do estudantado con interese en facer activismo, en traballar polo ensino público, pero que até o de agora non atopou un espazo co que identificarse. Ter convocado cunha axitación moi deficiente a asemblea de estudantes máis numerosa dos últimos cursos tennos que facer reflexionar sobre o feito até agora, sobre a incapacidade das organizacións de nuclear estudantado arredor das súas estruturas e sobre como evitar eses erros para o futuro, máis tamén sobre as nosas virtudes e a capacidade que tivemos para chegar até aquí.

Non se explica que nun momento de politización e mobilización da sociedade, na crise politica e social máis profunda do Réxime do Transición, as organizacións existentes estivésemos sendo incapaces de artellar un espazo que transmitise esta situación ao ensino. Nun contexto de reconversión económica da educación para adaptala ao modelo neoliberal, nun proceso no que os privilexiados se especializan e a maioría estamos sendo formados para a precariedade, é dramático non ser quen de dar resposta ás demandas da inmensa maioría do estudantado.  Agora tócanos aprender do fracaso e construirnos dende outra óptica, tendo en conta as leccións que dende hai catro anos levan dando a rúa e a política e levándoas, por fin, ao movemento estudantil galego.

A pluralidade e a democracia teñen que ser os eixos que nos guien neste camiño por andar,  formulando uns mínimos que permitan que un abano o máis grande posible de persoas provintes todas as tradicións e culturas ou de ningunha sexamos quen de traballar en común cara un mesmo fin. Mínimos cos que podemos facernos trampas até que rachen, mais que en realidade todos sabemos cales son os que nos permiten situarnos nunhas coordenadas que sexan emancipadoras e á vez non excluíntes.

Tócanos ser ambiciosos, crear unha ferramenta viva que só é posible tecendo grandes alianzas sobre mínimos comúns, e tócanos facelo sen medo ao debate, a deliberación e a confrontación democrática. Crear un espazo onde caiban todos os espazos, unha organización integradora e aberta a todos aqueles que loiten contra a barbarie neoliberal e aposten pola construción dun ensino galego e para as maiorías sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.