O réxime borbónico español –saído da Constitución de 1978 pero reforzado polo 23 F- está en crise, nunha crise sistémica, nunha crise de lexitimidade. Unha proba do mesmo é que xa non son so as forzas políticas e sociais antisistémicas quen falan desa crise senón que tamén aquelas outras (PP, PSOE) que, cos seus propios altofalantes (MUNDO, EL PAIS, LA VOZ DE GALICIA…), foron baluartes dese réxime durante décadas xa empezan a aceptar que o réxime español actual está en crise. Evidentemente moi distintas resultan tanto a visión desta crise como, xa que logo, as alternativas que presentan cada unha das partes.
Así, mentres as forzas sistémicas (PP, PSOE e Ciudadanos) e os seus altofalantes citados defenden unha saída a crise parecida a que lle sinalaba Tancredi Falconeri ao seu tío don Fabrizi Corbeira, príncipe de Salinas (“Si queremos que todo siga como está, e necesario que todo cambie"), as forzas antisistémicas emerxentes (EN MAREA, EN COMÚ PODEM, EN POSITIU, COMPROMIS-PODEMOS-ES EL MOMENT, AHORA EN COMUN, PODEMOS..) deben ofrecer unha autentica ruptura co actual sistema político.
Unha ruptura que empece pola propia Constitución –unha constitución monárquica, centralista e bipartidista- e que atinxa tanto a forma –a monarquía carece de auténtica lexitimidade e non se corresponde con un réxime democrático- como a estrutura do Estado español –hai unha crecente fractura territorial que pon en evidencia a urxente necesidade dun grande pacto territorial-. Un estado que debe ser federal –hai que definir constitucionalmente o carácter plurinacional do estado español- e garante dos dereitos individuais e colectivos –como por caso o dereito a decidir-.
Unha reforma constitucional que debe afectar ao sistema tradicional de representación –o bipartidismo constitucional é preciso que conclúa-, de elección –as provincias non poden seguir sendo a base da elección e representación- e de participación cidadán -hai que introducir sistemas de democracia directa e participativa-. Unha nova constitución que sexa garante dun novo modelo económico –ao servizo de tódolos cidadáns e non dunha minoría- e que permita superar a actual e deficitaria sociedade de benestar –para situarnos ao nivel dos estados europeos mais avanzados-. Unha ruptura que abra paso en España a un novo réxime.
Unha ruptura que para a súa consecución precisa de que as novas e emerxentes forzas políticas e sociais, moi especialmente as da periferia española, tomen a iniciativa para así impedir que ese obxectivo necesario frústrese unha vez mais. Cousa que sucederá se as forzas políticas sistémicas son quen lideran a reforma constitucional.
Unha proba de que esa ruptura aparece xa como inevitable son as crecentes e intensas presións que tanto as elites españolas dominantes –especialmente a oligarquía financeira/inmobiliaria- como os seus altofalantes (EL PAIS, EL MUNDO, LA VOZ DE GALICIA ….) están exercendo para que os partidos españois sistémicos (PP, Ciudadanos, PSOE) camiñen cara a formación, logo das eleccións, dun goberno tripartito ou cando menos bipartito que sexa quen lidere esa ruptura impedindo así un cambio real de sistema. Presións que van dende a descarada manipulación de enquisas –vid. Carlos E. Bayo. PUBLICO: “Metroscopia retorce os seus sóndeos para promover unha alianza PSOE-Cidadáns”, “Nouvuelle cousine do CIS” -, a calculadas declaracións de altos responsables dos partidos sistémicos –Albert Rivera de Ciudadanos, que, segundo todas las evidencias, pasa por ser un partido creado polo IBEX 35 declaraba en LA VOZ DE GALICIA que “unha lexislatura excepcional require respostas excepcionais” para xustificar a súa defensa dun goberno tripartito co PSOE e o PP-. Presións que se fan visibles en numerosas editoriais dos altofalantes oficiais, en enquisas ad-hoc así como en artigos múltiples nesa dirección. Presións que se acompañan de frecuentes movementos coordinados daqueles partidos (PP, Ciudadanos, PSOE) na defensa do actual sistema –como estamos vendo que sucede diante do chamado problema catalán que pon en cuestión a sacrosanta unidade de España-.
Presións e movementos que se irán intensificando e ampliando consonte se acerque a data das eleccións: o 20 D. Presións e movementos nos que seguro participarán tanto as elites económicas e mediáticas como os aparatos do estado mais influentes – monarquía, exercito, policía, xudicatura- e a propia erixa católica preocupados todos eles pola perda duns privilexios mantidos durante tantos e tantos anos de democracia imperfecta. Presións e movementos aos que, con toda seguridade, sumaranse as elites europeas partidarias do austericidio e os tratados comerciais (TTIP) como por caso a troica (FMI, BCE, CE), o goberno alemán, os conservadores e socialdemócratas europeos etc. etc.
Neste marco non podo por mais que coincidir coa avaliación que para PUBLICO facía Jaume Asens tenente de alcalde de Barcelona e responsable de Participación e transparencia (1 de novembro do 2015), “o golpe mortal ao réxime hai que dalo dende a periferia (…) se as vindeiras eleccións as gana unha opción anti-réxime será por reacción da periferia, dos galegos, dos valenciáns, os cataláns” –dos vascos, engado eu-. “Ou se ganan aí ou non se gañan”.
O 20-D os galegos teremos unha nova oportunidade para, xunto cos outros pobos do estado, rematar con o este réxime caduco e inxusto e iniciar así unha nova alborada.