Fostes vós, os discípulos e alumnos dos creadores do Seminario de Estudos Galegos os que transmitíchedes nos anos escuros da Ditadura o pensamento e o traballo da Galiza soñada con historia e conciencia. Vós seguistes o ronsel de Otero Pedrayo, de Bouza Brey, de Xaquín Lorenzo Xocas, de Antonio Fraguas e de tantos e tantas construtoras dunha Galiza de seu. Continuastes a utopía do iberismo, dos estudos territoriais que o pai Miño unía máis aló da raia seca, configurando Galiza e o norte de Portugal un territorio de investigación continua baixo o epígrafe Estudos minhotos. Fostes vós, Carlos García Martínez, Xerardo Pereira Menaut, Fernando Acuña Castroviejo os que, xunto a Carlos Alberto e Teresa, faciades realidade en conferencias, publicacións e escavacións in situ os estudos que iniciaran os devanceiros. Os viños do Douro, sempre xenerosos e ledos, acompañaban o voso traballo de campo e de investigación.
Galiza foi sempre, na vida de Carlos García Martínez, unha realidade viva, un proxecto a realizar, unha cultura a preservar e a transmitir
Galiza foi sempre, na vida de Carlos García Martínez, unha realidade viva, un proxecto a realizar, unha cultura a preservar e a transmitir. Por iso, no inicio dos anos setenta do século pasado, arredor dunha mesa de bo xantar, albiscou xunto a Rafael Baltar e Xusto Beramendi o proxecto do Museo do Pobo Galego, construído logo co esforzo de tantas persoas como obra coral e colectiva, plural e xenerosa, na que Carlos, xunto a María Xosé, lle dedicou vida, esforzos, recursos, soños e esperanzas, manifestando así ese amor á terra, ao bo facer das xente de Galiza.
Este Museo é hoxe unha realidade viva con máis de 40 anos e cun futuro esperanzador e vivo.
Carlos, nacido en Compostela, fixo dela o seu espazo de vida, de humanidade, de conversas e de amizades. Santiago coñecía as súas andainas: do Pedroso a Conxo, de Sar á Almáciga, da rúa de San Pedro ás Algalias. Estas camiñatas complementaban o seu traballo diario no Museo (a súa casa, como el o definiu en tantas ocasións) máis tamén foron espazos da súa vida Padrón e a Casa de Rosalía, Trasalba e a casa de Otero Pedrayo, e Campañó e as longas conversas co seu abade, Fraiz. O Incio e a Terra de Montes deixaron unha pegada inmensa na súa vida e no seu traballo de investigador do territorio humanizado.
Galiza séntese hoxe un chisco máis orfa. Iso si, protexida, baixo as camelias florecidas dun traballo inmenso, o de Carlos García Martínez, que cómpre continuar
Carlos García Martínez foi un dos bos e xenerosos, un galego con coñecemento e sabedoría que puxo á disposición xenerosa e gratuitamente desa Galiza que tanto amou, desa Galiza que el definiu como "un vello país que aínda agarda con esperanza". Por iso, Galiza séntese hoxe un chisco máis orfa. Iso si, protexida, baixo as camelias florecidas dun traballo inmenso, o de Carlos García Martínez, que cómpre continuar.
Publicidade