Carmen Franco Polo e as mulleres no franquismo

María del Carmen Franco Polo naceu un 14 de setembro de 1926, en Oviedo, baixo a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) concretamente, nun tempo no que Alfonso XIII non se oporía ao golpe de estado que acabou co réxime liberal, ligando o seu destino á Ditadura e poñendo á monarquía en tela de xuízo.

Mentres a filla de Franco daba os seus primeiros pasos, as mulleres accedían á educación, votaban, eran protagonistas dos avances xurídicos contidos nas leis (aprobadas entre 1931 e 1936), gozaban de protección na maternidade e podían divorciarse ou abortar

Este período de tempo foi seguido da dictablanda de Berenguer (1930-1931), onde comezou a crecer a opción republicana que, xunto a factores como a consolidación do movemento obreiro, o rexurdir dos nacionalismos e varios intentos de reforma e modernización do réxime político, remataron na proclamación da Segunda República Española, o 14 de abril de 1931, que obrigou a Alfonso XIII a marchar ao exilio. Ao longo destes anos, as mulleres viviron momentos sumamente decisivos e foron protagonistas, por exemplo, da proclamación da igualdade da muller ante a lei que garantía a Constitución de 1931.

Mentres a filla de Franco daba os seus primeiros pasos, as mulleres accedían á educación, votaban, eran protagonistas dos avances xurídicos contidos nas leis (aprobadas entre 1931 e 1936), gozaban de protección na maternidade e podían divorciarse ou abortar. Todas as persoas podían acceder ao ensino público, gratuíto, obrigatorio e laico.

A Guerra Civil e a imposición dun novo réxime truncaron os avances no relativo á presenza e participación do conxunto das mulleres nos eidos principais da cultura, relegándoas ás tarefas reprodutivas e ás labores do fogar

A Guerra Civil e a imposición dun novo réxime truncaron os avances no relativo á presenza e participación do conxunto das mulleres nos eidos principais da cultura, relegándoas ás tarefas reprodutivas e ás labores do fogar. O franquismo, de forma rápida, comezou a destruír os avances dados a través dunha contrarreforma lexislativa que borraba os dereitos das mulleres, supeditadas, primeiro ao pai, despois ao marido. A invisibilización das escritoras da xeración do 27 foi especialmente cruenta, xa que desapareceron dos libros de estudo da época e, na actualidade, o dano segue sen estar xustamente reparado.

Nun libro colectivo titulado XXV Años de Paz, editado por Silex no ano 2017, a estudosa Ángeles Cenarro escribe un artigo que achega unha visión interesante sobre as mulleres durante os anos 60, e que usaremos neste escrito. Cenarro subliña a importancia que tivo a Segunda República para as mulleres, xa que a experiencia republicana significou ante todo a lexitimación, pola vía da legalidade, dun conxunto de transformacións sociais e culturais que viñan acumulándose desde principios do século XX.

A experiencia republicana significou ante todo a lexitimación, pola vía da legalidade, dun conxunto de transformacións sociais e culturais que viñan acumulándose desde principios do século XX

Durante este primeiro franquismo xenocida e represor, a filla do Ditador (Morenita ou Nenuca na intimidade, Carmencita para o gran público) sairía en 1937, en pleno golpe de estado, nunha experimental aparición televisiva para mandar unha mensaxe ao universo infantil sobre a violencia que sofren os nenos e nenas en mans dos “inimigos da patria”. Unha nena usada como monicreque ventrílocuo polo seu pai.

Desde o mesmo golpe de estado, o sangue de republicanas e republicanos comezaba a encher as cunetas e paredes dos cemiterios, nun clima irrespirable de tortura, terror e represión que non se pode minimizar nin negar. Entre un 5 e un 10% das vítimas dos paseos e das sacas eran mulleres. Como indica con acerto Cenarro, as violencias contra as mulleres contiñan alto contido simbólico como as rapas e a inxesta forzada de aceite de ricinio, que procuraban a estigmatización, a humillación pública e a purificación dos corpos contamidados pola semente do mal rojo.

As violencias contra as mulleres contiñan alto contido simbólico como as rapas e a inxesta forzada de aceite de ricinio, que procuraban a estigmatización, a humillación pública e a purificación dos corpos contamidados pola semente do mal rojo

O franquismo creou o Servizo Social dentro do marco da Sección Feminina da Delegación Nacional falanxista do Auxilio Social, de obrigado cumprimento para mulleres solteiras de entre 17 e 35 anos. Obrigatorio para conseguir un título ou certificado de estudos que as facultase para exercer calquera actividade física ou profesión. Así, as mulleres foron usadas como man de obra gratuíta. Foi así ata 1977 en que se disolven as distintas seccións do Movemento Nacional.

Pola súa banda, debido, loxicamente, aos feitos protagonizados polo seu pai, a Carmen Franco nena non podía vivir en plena liberdade, xa que sempre levou escolta. A súa educación foi de tipo elitista, con institutrices recibindo unha educación que iría en consonancia cos principios dogmáticos do nacionalcatolicismo e co proxecto pronatalista do seu pai: ser filla recta, esposa fiel e reprodutora (sete fillos en trece anos), sempre atada á sombra do home. Ela mesmo diría que foi libre cando quedou viúva. A chamada pola súa familia como Nenuca, convertíase así nun modelo e referente das nenas españolas no recto camiño do nacionalcatolicismo.

A chamada pola súa familia como Nenuca, convertíase así nun modelo e referente das nenas españolas no recto camiño do nacionalcatolicismo

O 10 de abril de 1950 Carmen Franco casara co cirurxián Cristóbal Martínez-Bordiú, X Marqués de Villaverde, na capela do palacio do Pardo, con quen tivo sete fillos. Paralelamente, a finais dos anos 50, co fin da autarquía e o inicio do desarrollismo tecnocrático, isto é, coa incorporación ao sistema capitalista, prodúcese unha lixeira mellora da condición xeral das mulleres.

A incorporación da muller ao mundo do traballo, o que permite sobrevivir ao núcleo familiar, faise a costa das traballadoras domésticas, que proveñen sobre todo da vaga migratoria dos campos ás cidades (seis millóns de persoas entre 1955 e 1975). Esas traballadoras domésticas e súas fillas non son as que teñen un doado acceso á educación secundaria. Iso será para as mulleres e fillas de economías máis desafogadas.

Cenarro destaca a década dos sesenta, se ben entre interrogantes, como unha década prodixiosa para o acceso das mulleres a certos dereitos políticos, profesionais e laborais, tal como a Lei 56/1961, de 22 de xullo. Así as mulleres podían acceder a seren cargo público e participar nas eleccións. No entanto, estes avances estaban destinados a quen xurara fidelidade ao ideario do réxime, loxicamente. Nunca poderemos falar de verdadeiro avance feminista nun contexto de represión evidente, que quería submisas ás mulleres.

Quen presidiu a Fundación Francisco Franco? Quen apoiou por acción ou omisión o espolio que se perpetrou co Pazo de Meirás? Quen xestionou o patrimonio -a fortunita que diría Ángel Viñas en ton irónico- que Franco amasou desde os inicios do golpe de estado?

Unha vez falecida a filla de Franco, o 29 de decembro de 2017, xa se comezaron a escoitar, desde o primeiro momento, algunhas voces que practican un revisionismo histórico perigoso, rebaixando a responsabilidade de Carmen Franco Polo na xestión patrimonial do seu pai, o Ditador, realizada en gran medida a través do espolio, aproveitando o mecanismo da cultura do medo que deseñou Franco desde o primeiro momento. Quen presidiu a Fundación Francisco Franco? Quen apoiou por acción ou omisión o espolio que se perpetrou co Pazo de Meirás? Quen xestionou o patrimonio -a fortunita que diría Ángel Viñas en ton irónico- que Franco amasou desde os inicios do golpe de estado? Quen xustificou e negou as accións xenocidas do Ditador? Cando puidemos escoitar nela, tal como fixeron as descendentes de nazis, unha expresión de arrepentimento e de comprensión cara ás vítimas republicanas, cara ás máis de 114.000 persoas desaparecidas?

Certo é que existirá un grupo de voces que dirá que Carmen Franco Polo ignoraba as accións de seu pai. Sería unha mentira grosa, a menos que pensemos que a capacidade intelectual da falecida era nula. E peor sería a indiferenza neste caso. Equivale a manter na invisibilidade a dor de centos de miles de persoas. Equivale a silenciar a dor que causou o franquismo.

Carmen Franco Polo morreu a finais de decembro de 2017 sendo o que foi sempre, a discreta defensora do legado do Ditador, tal e como escribiu Antonio Cazorla Sánchez

A negación da violencia xenocida franquista só verte silencio e esquecemento sobre o pasado. Un silencio imposto que chega ata os nosos días. Carmen Franco Polo morreu a finais de decembro de 2017 sendo o que foi sempre, a discreta defensora do legado do Ditador, tal e como escribiu Antonio Cazorla Sánchez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.