Na actualidade, as veciñas das vilas galegas estamos a vivir nunha especie de dimensión paralela á realidade. Xa van moitas semanas de aparicións estelares, case coma esas supernovas que relatan os artigos científicos da Science -e non é unha mala comparación se temos en conta o complexo que semella entender estes sucesos- e de moitas visitas a granxas, feiras, casas do pobo, eventos deportivos e un moi extenso etcétera que non paga a pena enumerar.
Para unha persoa que acostuma a ler a prensa non implica un esforzo titánico atopar as sete diferenzas entre a vida cotiá das nosas dirixentes e a axenda do período electoral, esas vacacións "pagas" nas que todo vale. Ao igual que nas escapadas do verán, non pensamos no que estamos a gastar, unha vez ao ano... tampouco fica a vergoña nesas xornadas. Case que non nos conhece ninguén, seica. Non é?
Tamén son tempos de promesas. Deses amores que van durar toda a vida e rematan no derradeiro serán de agosto coa fuxida do calor. Ese namoramento tan forte, que chega e racha cos nosos medos para deixarnos despois destrozados, o peito baleiro (e tamén o peto, xa de paso).
Hai, ademáis, un insaciábel desexo de adornar a casa, como se fósemos yankees de máxima potencia deixándonos a paga nas luces máis brillantes e nos gorros máis vermellos do barrio. A palabra "humanización" pouco ten que ver coa realidade dos humanos xa. Bo reflexo deste despropósito supremo, deste erro da lóxica máis lóxica -p nunca pode ser p- son os plans que levan gardados nos armarios do Concello todo o ano e aos cales, ao igual que ocorre co traxe das vodas (que é tamén, curiosidades da vida, o mesmo que levamos aos enterros), só lles quitamos o po nas ocasións máis especiais.
Estamos a esgotar os nosos recursos. Máis ben. Están a esgotalos. E a actualidade da prensa está, curiosamente, marcada polo mesmo discurso que os distintos partidos traballan neste período electoral. A Galiza baleirada é un deles. O cambio climático, outro. Tódolos días chegan á cidadanía titulares apocalípticos e proclamas medioambientais. Semella que a xente vive nestes intres un proceso de concienciación clave. As nosas representantes -as xefas da tribo-, porén, seica non pasan moi a miúdo polas vilas da Galiza. Aínda así, o debate da Galiza rural non é unha novidade: é a chamada desesperada das agrupacións políticas nunha terra onde o caciquismo atopa o seu feudo atemporal neses recunchos esquecidos. Atemporais tamén Dios ke te Crew, que xa fai anos facían sátira desta cuestión no seu tema Política do asfalto. Non é para rir, pero como non imos facelo? Non somos unha preocupación, somos o obxecto do seu discurso, somos verbas e non hai máis.
Hai quen podería pensar que son mentiras piadosas (ou elucubracións ao máis puro estilo IBEX 35), mais non. Esta xente fala en serio. Chegan as datas sinaladas e a candidata bota man da carretilla e da pa, cemento nos beizos diría eu. E veña encher a rúa dunha capa que, con sorte, poida ser capaz de agochar as traxedias de todo o que non se cumprirá. E nós outra vez bailando enrriba do morto.