Carta á conselleira de Educación

© Xunta

Podes calcular e imaxinar como sería o noso sistema educativo se o número de estudantes por aula fose de 20?

Estimada Conselleira,

Permite que me dirixa a ti con confianza e cortesía, por eses case dez anos que compartimos de estudo e formación na Facultade de Psicoloxía nos anos 90 do pasado século. Como os miles de profesoras e profesores galegos, a semana pasada recibín no meu correo unha carta túa. Recoñezo que non a puiden ler con detemento ate o venres que acabei de avaliar ás/ós 90 estudantes e enviar as actas de avaliación dos 3 cursos nos que dou aulas, ademais de enviar correo aos 24 centros de traballo onde ian comezar as prácticas profesionais as estudantes de 2 curso. Lina con curiosidade e atención. Non me sorprendeu nada, talvez porque nos coñecemos desde fai tempo e sei que levas anos dicindo que en Galicia temos moito talento, que hai que esforzarse e botarlle "creatividade e imaxinación". Tamén porque para esta Consellería, a comunicación co profesorado e alumnado, redúcese a utilizar o correo electrónico, e, as ensinanzas a distancia, a dispor dunha plataforma de teleformación anticuada.

Podes calcular, cantos serían os postos de traballo dignos para profesionais cualificadas/os que están desexando dedicarse a un servizo público único e valioso como a educación. Podes imaxinar como sería a atención ao noso alumnado?

Coa mesma cordialidade de cando eramos estudantes, ti das ‘altas capacidades’ e eu dos ‘movementos sociais’, propóñoche que fagas un exercicio estatístico. Podes calcular e imaxinar como sería o noso sistema educativo se o número de estudantes por aula fose de 20? e se o profesorado en vez de 20 horas semanais de clases presenciais en aula tivésemos 15 horas e as outras 10horas presencias no centro se puidesen dedicar a labores de titoría e coordinación pedagóxica?  E se o máximo de estudantes por docente fose de 60? E se en cada centro educativo houbese un Departamento de Orientación Completo, dotado dun equipo multidisciplinar con 1 orientador/a, 1psicóloga/o educativa/o, 1 profe de Audición e Linguaxe, 1 profe de Pedagoxía Terapéutica e 1 educador/a social. 

Podes calcular, cantos serían os postos de traballo dignos para profesionais cualificadas/os que están desexando dedicarse a un servizo público único e valioso como a educación. Podes imaxinar como sería a atención ao noso alumnado? E como poderíamos utilizar as tic na educación, alén dos correos electrónicos? Imaxina se estiveran garantidos os recursos tecnolóxicos adecuados e a conectividade de todo o alumnado, compensando desigualdades e igualando oportunidades, como se multiplicarían a creatividade e as altas capacidades?

Sei que nesta crise non somos consideradas servizo esencial, pero sei que somos fundamentais para que este país teña futuro. Non son optimista, porque sei que a ti e ao Presidente da Xunta gústavos máis investir en papel, no papel de libros de texto anticuados e nos xornais que recollen as súas predicas e as propostas para un tempo pasado. 

Nas crises hai quen fai editoriais e homilías e quen fai números. E hai quen aposta polas capacidades individuais e quen aposta polos dereitos humanos e sociais. E hai quen inviste en papel (e redes sociais) para conquistar eleccións e quen inviste en educación para conquistar o futuro

Unha mágoa, porque estou segura que con estes cálculos e este investimento multiplicaríamos por millares as capacidades e as posibilidades de futuro, para nós e os nosos fillos e fillas. Claro que tamén penso que hai quen vive moi confortablemente mentres vai deixando que todo ao seu redor se esborralle. E foi así que pouco a pouco fostes precarizando e degradando os servizos públicos e privatizando os dereitos de vivenda, educación e saúde. Porque confiades nas vosas altas capacidades e, sobre todo, nas vosas boas relacións para sobrevivir. 

Outras pensamos que a supervivencia é colectiva ou non é. Por iso, nas crises hai quen fai editoriais e homilías e quen fai números. E hai quen aposta polas capacidades individuais e quen aposta polos dereitos humanos e sociais. E hai quen inviste en papel (e redes sociais) para conquistar eleccións e quen inviste en educación para conquistar o futuro.

Por todo isto, tiñamos e temos intereses de estudo e propostas para o futuro tan diferentes, daquela e hoxe. Un saúdo cordial,

 

Concha Fernández

Profesora de Intervención Sociocomunitaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.