Carta á conselleira de Política Social

Actividades nunha residencia de maiores en Panxón, durante unha visita da conselleira de Política Social en xaneiro de 2020 CC-BY-SA Xunta

Estimada Conselleira,

Decídome a escribirche polo pesar que levo no meu corazón ao saber o que está acontecendo nas residencias de persoas maiores de Galiza. Foi cuestión de semanas que non coincidisemos na sinatura do convenio entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia para a construcción dunha das 7 residencias que Feijoó, o presidente do Partido Popular e da Xunta, prometeu na campaña eleitoral de 2016. Rematada a lexislatura e cedidos os terreos dende hai máis de dous anos, volvérase prometer nesta campaña eleitoral. Agora xa sabemos que será Amancio Ortega o que construirá as residencias e que a súa súa xestión será concertada con algunha empresa de servizos.

Coincidimos en moitos outros actos políticos e sociais e sempre sentín a túa proximidade por iso estou segura que entenderás e compartirás o meu pesar, e agardo que o leas coa mesma humildade que eu o escribo. É unha reflexión persoal que necesito compartir con quen pode tomar algunha decisión.

Nestes días funestos de pandemia sabemos que o entre o 45% e o 50% das mortes rexistradas en Galiza (en Madrid máis, e iso que non se contaron todas), producíronse en residencias da terceira idade e Centros de Atención a Persoas con Discapacidade. Non é mala sorte nin casualidade, por iso me doe e me indigna tanto. Os servizos sociais específicos son unha competencia exclusiva da Xunta de Galicia, da túa Consellería de Política Social e das Direccións Xerais de Maiores e Discapacidade. Da túa Consellería e do voso goberno depende o modelo de xestión, os centros que se autorizan, a carteira de servizos que se concertan con fondos públicos e como se inspecionan e fiscalizan.

Coñezo como se xestou e iniciou a creación do Consorcio Galego de Servizos Sociais, un organismo público que incorpora na súa estrutura e dirección a concellos e Xunta, para de forma colaborativa e leal asumir a responsabilidade política dos coidado dos nosos maiores e das persoas con discapacidade, deseñando e construindo centros de día e residenciais de xestión pública. Lembro como se botaron a andar os primeiros centros dependentes do consorcio, que ainda hoxe atenden aos maiores en concellos pequenos como Dodro ou en grandes como a residencia Volta do Castro en Santiago, de estrita xestión e control público.

Lembro tamén como entre as primeiras iniciativas do recén inaugurado goberno de Feijoo se tomou a decisión de privatizar as residencias, centros de día (e escolas infantís) previstas e/ou construidas polo Consorcio. Era a finais de 2010, e as residencias construidas no Carballiño, Viveiro, Vimianzo e Monforte pasaron a direción e xestión de Geriatros, agora Domus Vi, controlado por un fondo de inversións británico. Aínda en 2014 seguían pechadas as instalacións de Manzaneda, Maceda, Oimbra, Pereiro de Aguiar Nogueira de Ramuín ou Cariño e Curtis. Non resultaban un suculento negocio para os mercaderes dos coidados e/ou as multinacionais prestadoras de servizos.

A día de hoxe hai en Galicia 478 centros residenciais. De titularidade pública unicamente 92. Os outros 386 con xestión privada empresarial ou por parte de entidades sociais ou relixiosas. Aínda por riba, dos 92 públicos, a maioría é xestionada en forma de concerto con Domus Vi, antes Geriatros. Das 22.000 persoas que viven en residencias de maiores o 78,7% están nunha residencia privada ou de xestión privatizada, 18. 215 persoas, e só 3.407 en residencias de xestión pública directa. Os casos de infeccións pola covid-19 nas de xestión pública directa non chega ao 1,8% e nas privadas e/ou de xestión privatizada está no 4,6%. Se algo nos quedou claro neste tempo, é que o contaxio e a atención sanitaria non foi homoxénea en todos os centros. E as diferencias son significativas en cantidade de afectación e en calidade de atención. Por non falar de transparencia e comunicación con familiares. Canta dor e raiba relatan na radio pedindo información clara e crible sobre a situación dos seus.

Coñeces ben a situación, porque estás na mesa que se toman as decisións sobre a xestión desta pandemia e se adoptan medidas como intervir as residencias de xestión privada de Domus Vi en Cangas e Barreiro en Vigo, e Nuestra Sra. de Fátima da Fundación San Rosendo no Barco, e non intervir a de Domus Vi San Lazaro en Santiago (a de maior numero de afectados, con máis de 80 persoas infectadas e 19 mortes), ou, trasladar ás persoas contaxiadas a Residencia Integrada de Porta do Camiño en Santiago, de xestión estritamente pública, e onde non había ningunha persoa contaxiada.

Os centros non xestionados directamente desde o público, atenden a un modelo de xestión empresarial que, de forma frecuente e irresponsable, pon en segundo lugar o coidado das persoas residentes e en primeiro lugar o beneficio económico. Seino ben, non porque fose alí facerme fotos con eles ou porque sexan especialmente transparentes. Dende hai unha ducia de anos son profesora das profesionais que alí traballan, son case exclusivamente mulleres, e, coñezo en que condicións precarias e arriscadas traballan. Precarias porque traballan xornadas esgotadoras, con disponibilidade absoluta, e nen a mileuristas chegan. E arriscadas porque arriscan a súa saúde física e emocional. No 90% das habitacións non entra unha grúa e as mobilizacións fainas unha soa persoa,e non hai corpo que aguante. Nesta pandemia son máis de 400 as traballadoras de residencias e CAPDs infectadas, que deron positivo no test Covid-19. Emocionalmente, non é doado relatar o que se sinte ao traballar todos os días coa enfermidade, a soidade e a morte rondando. Só o contacto humano afectivo sirve como reconforto e paliativo do sufrimento.

Isto explica porque todas as que poden continúan estudando, para mellorar o seu nivel de cualificación profesional, e tamén explica porque o persoal sanitario, médicas/os e enfermeiros/as non son fáciles de atopar. Médicas/os e enfermeiros/as que non están dispostos/as a traballar nesas condicións de precariedade económica e falta de protocolos e recursos para o coidado en condicións seguras. Tamén creo que explica porque nesta crise a mortandade nas residencias privadas multiplicou a mortandade das residencias públicas de xestión pública directa.

É unha cuestión de valores e principios reitores do modelo de sociedade, cando a economía é máis importante que o os dereitos humanos e o diñeiro máis importante que a vida e o coidado das persoas, ocurre o que agora coñecemos e sufrimos. Gustaríame que todo isto nos sirva para reflexionar e actuar colectivamente, recolocando as prioridades políticas e os investimentos, e, a partir de agora, poñer de verdade a vida das persoas e os coidados no centro das políticas públicas. E pasar de ser a terceira comunidade pola cola en investimento público en dependencia por poboación potencialmente dependente, como recolle o XX dictamen do observatorio estatal da Dependencia, a ser a terceira pola cabeza.

Debémosllo ás nosas persoas maiores, a elas e eles, como o meu pai e miña nai, que viviron a postguera, que sobreviviron a dictadura franquista e á represión, que deitaron os seus brazos e as súas esperanzas nun futuro mellor para nós, para que sexamos a xeración máis preparada da historia. Non podemos permitir que acaben os últimos anos da vida abandonados e sen servizos públicos nas parroquias e aldeas, ou en macroresidencias lonxe das súas paisaxes e vidas, que parecen parques temáticos de soidade e tristura. Eu non podo aceptalo. Non o esquecerei nunca máis.

Sei que isto non afectará á túa carreira política, para ti os méritos avaliables son outros, como a lealdade ao partido e ter un sorriso amable para defender as vosas decisións políticas e económicas, pero confío nos teus sentimentos e conciencia. Deséxoche que durmas tranquila pensando que fas todo o que podes facer polos nosos maiores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.