Carta a Podemos-Galicia e ó BNG, principalmente

As eleccións xerais están ás portas e logo as eleccións autonómicas, e ante elas temos unha oportunidade histórica de que Galicia participe en igualdade de condicións coas outras comunidades e sobre todo que non este gobernada só baixo o prisma dos intereses de Madrid. Tamén é posible que na próxima lexislatura se trate de adecuar a Constitución ós novos tempos, polo que é imprescindible estar presente nas negociacións.

Para ter peso, e poder ter un grupo galego potente no parlamento español, non existe outra solución que tódolos partidos vaian xuntos as eleccións, cun programa de mínimos, agás PP e PSOE, que xa teñen demostrado que subordinan os intereses de Galicia ós seus intereses particulares ou ós de partido. 

En Galicia temos problemas gravísimos: falta de traballo, -que condena ós nosos mozos-as á emigración-, demografía decrecente, despoboamento do rural, desaparición do noso sector financeiro, destrución de empresas, enorme deterioro da nosa cultura e lingua, falta de autoestima,  etc, etc, para andar perdendo o tempo con pequenas liortas, que elección tras elección nos levan a marxinalidade.

Por ese motivo, e dende a humildade de quen non coñece profundamente os recovecos da política, ou non lle importan, aínda que moita xente penso que apostaría por esta idea, que xeraría moita ilusión, como fixeron as Mareas, gustaríame dirixirme fundamentalmente a Podemos-Galicia e o BNG, -os outros partidos: Anova, CxG, incluso EU e outros grupos, da a impresión que aceptan esta proposta-, para que se deixen de estratexias e pensen só no país. A disposición do BNG parece moi valente e as manifestacións de dirixentes como Xavier Vence, Goretti Sanmartín, o Alcalde de Boimorto, etc, parecen moi atinadas, aínda que poida ser que sexa un farol e despois sempre apareza unha pequena desculpa, como xa se entrevé nas derradeiras declaracións de Francisco Rodríguez. En canto a Podemos non é aceptable ir as eleccións co nome Podemos - … Neste intre os partidos deben de pensar menos neles e nos seus nomes, aínda que sexan os impulsores, e deixar á cidadanía que se exprese. Este é un principio básico de Podemos, polo tanto en Galicia non se entendería que quixeran impor o nome do seu partido.

Non sería moi difícil un acordo de mínimos: República, dereito a autodeterminación, eliminación das Deputacións e Senado ou someter a este a unha drástica transformación, primarias, listas abertas, delimitación de mandatos, etc,etc. Estes temas que son competencia estatal, e outros máis próximos pódense abordar por todos estes partidos sen ningún problema.

Os que non acepten ir xuntos, aínda que teñan que ceder un pouco, e probable que o paguen nas furnas moi duramente, como xa existen moitas experiencias. O malo é que non o pagarían eles sos, senón a maioría do pobo galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.