Carta aberta a Pedro Sánchez

Persoas rescatadas en alta mar polo Open Arms © El Diario

Prezado Pedro:

Para moitas persoas, entre as que me atopo, resulta incomprensible a actitude do teu goberno, ao igual que a do resto dos países membros da UE, ao poñervos de perfil no caso do Open Arms e as máis de 120 persoas, entre as que se atopan mulleres embarazadas, mulleres que sufriron violacións, mozos enfermos, menores non acompañados... que levan máis de doce días no Mediterráneo á deriva, sen un porto seguro no que desembarcar e sen que os gobernos comunitarios tomen decisións ao respecto, pois ningún amosou a súa disposición a acollelos voluntariamente. 

Para moitas persoas, entre as que me atopo, resulta incomprensible a actitude do teu goberno, ao igual que a do resto dos países membros da UE, ao poñervos de perfil no caso do Open Arms

Ti mesmo, hai un ano, asegurabas nunha nota difundida por Presidencia: “É a nosa obriga axudar a evitar unha catástrofe humanitaria e ofrecer un porto seguro a estas persoas, cumprindo deste xeito coas obrigas do Dereito Internacional”, ao asumir o desembarco en Valencia das 630 migrantes rescatadas polo Aquarius. Pasado un ano, falas por boca de Ábalos cuestionando a quen invocan os dereitos humanos para salvar vidas. Que pasou durante estes doce meses? Antes todo valía para salvar unha vida... agora todo vale para non facelo. A xente que morre afogada non pode agardar pola burocracia duns “consensos europeos” que non chegan porque os que agora gobernades non queredes.

En poucas semanas buscarás novamente apoio parlamentario para alumear un goberno supostamente progresista, cun programa seica confeccionado logo de escoitar á sociedade civil. Pedro, se escoitases a angustia dos que foron rescatados dunha morte segura no mar e o silencio dos milleiros de afogados e afogadas (a traxedia escríbese en feminino, unha vez máis) ese programa iría encabezado pola defensa fundamental do dereito á vida e á seguridade de calquera persoa polo simple feito de selo. E ollo, iso non é un imperativo progresista: é un imperativo democrático, porque non hai democracia sen compromiso coa vida. Debes escoller ser candidato da palabrería ou da valentía democrática. Cada día que tardes en facelo é un descrédito para ti e un bochorno democrático para todos e todas nós, cidadanía que sentimos vergoña do goberno español e da Unión Europea por mirar cara outro lado fronte á infamia humanitaria que estamos a ver cada día no Mediterráneo a causa, digámolo claramente, dunhas guerras e unha miseria xeradas polo noso modo de vida, o da supostamente avanzada civilización occidental. 

Se En Marea gobernase a Xunta de Galicia, calquera dos 122 portos de competencia autonómica terían os brazos abertos para acoller ao Open Arms

Queremos feitos. Debes dar a cara polos dereitos humanos, contra o racismo, as desigualdades e o espolio colonial e ecolóxico no que se basea a nosa forma de vivir.

Do contrario, Pedro, vai se difícil que a xente renove en ti a súa confianza, nin nunha investidura, nin nuns comicios. Omitir o deber de socorro a quen está en risco vital é unha traizón ao sentido común da nosa democracia social: a xente quería ver no seu goberno os seus brazos rescatando os seus iguais. En 2002 a cidadanía galega botámonos ao mar a limpalo de chapapote ante a inacción do goberno: en 2019, ante a túa indiferenza, sentímonos representadas nos brazos do Open Arms. A túa negativa a acollelos nos nosos portos non nos representa.

Gustaríame poñercho fácil: se En Marea gobernase a Xunta de Galicia, calquera dos 122 portos de competencia autonómica terían os brazos abertos para acoller ao Open Arms. Así, dende este país que tanto sabe de mar, garantiríamos o dereito ao refuxio e unha vida digna para todas nunha Europa aberta e solidaria, e ti poderías escusarte en nós diante dos indolentes popes europeos.

Defender ás máis débiles fronte as institucións comunitarias daríalle credibilidade a un discurso que se di progresista

Lamentablemente, a día de hoxe non temos esa responsabilidade de goberno, por iso apelo, en nome propio e no de tanta xente ruborizada: que farás? Vas seguir mirando para outro lado mentres o Open Arms deambula de porto en porto mendigando o dereito á vida que ti, que te dis progresista, lle negas?

Honestamente, Pedro, creo que deberas ser valente politicamente e tomar partido pola vida. Defender ás máis débiles fronte as institucións comunitarias daríalle credibilidade a un discurso que se di progresista e sentaría as bases para que a cidadanía europea volva crer nun proxecto común baseado na igualdade, a solidariedade e a xustiza social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.