Señor Delegado, próximas xa as concentracións e manifestacións que se celebrarán os días 24 e 25 de xullo, dirixímonos a V. por medio desta carta aberta para amosar públicamente a fonda preocupación que produce a EsCULcA a devaliada situación dos dereitos e liberdades no noso país, calificada por un compañeiro do Observatorio como “estado de dereito de baixa intensidade”.
Non é esta a primeira vez que o facemos. Fixémolo persoalmente, en entrevista que mantivemos cando acababa de ser designado para ocupar o cargo de Delegado de goberno; fixémolo mediante escrito, que diriximos tamén a outras institucións (Defensor del Pueblo), interesando a incoación de expediente disciplinar aos axentes que incumpren as obrigas regulamentares de identificación; fixémolo ainda unha terceira vez, novamente por escrito, para o informar que a Oficina da Defensoría del Pueblo emitira unha Recomendación, en resposta precisamente á queixa presentada por Esculca, en que demanda a adopción de medidas a fin de dar cumprimento ao dereito cidadán a identificar os axentes policiais, incluídos -expresamente- os membros das unidades antidisturbios. Nese último escrito, instámolo así mesmo a que, no ámbito das súas competencias territoriais, emita ordes de servizo destinadas a aseguraren esa identificación efectiva das policías actuantes en cada ocasión.
Observamos, e documentamos, o xeneralizado e doloso incumprimento da obriga regulamentar de identificación dos axentes policiais
A preocupación que con esta carta, agora publicamente, lle trasladamos non se basea en apriorismos abstractos. Dende xaneiro de 2011, o noso Observatorio ven documentando, por medio de relatorios elaborados a partir do traballo de observación directa, as limitacións de que é obxecto o exercicio do dereito de reunión e manifestación no noso país.
Nese período constamos que as Subdelegacións de Goberno, actuando por delegación de competencias do órgano de que V. é responsábel máximo, procederon a prohibir manifestacións amparándose en óbices legais puramente formais e ignorando interesadamente a xurisprudencia que califica o dereito de manifestación como un dereito de configuración constitucional e non legal. Constatamos tamén que se produciron actuacións policiais coercitivas (nomeadamente cargas policiais) nidiamente afastadas do principio de proporcionalidade. E observamos, e documentamos, o xeneralizado e doloso incumprimento da obriga regulamentar de identificación dos axentes policiais actuantes, xa fosen membros da policía nacional ou da garda civil.
Chegouse a situacións tan esperpénticas como prohibir unha manifestación dous minutos despois de que os convocantes rexistraren a comunicación
Certo é que, cronoloxicamente , moitas das actuacións policiais referidas son anteriores ao seu exercicio do cargo mais, lamentabelmente, a executoria en materia de dereitos e liberdades da actual Delegación de Goberno é decepcionantemente análoga ao do seu predecesor. Abonda con revisar os resumos de noticias de EsCULcA referidos aos dous primeiros trimestes de 2012 para comprobar a continuidade da anterior actuación administrativa, chegándose nalgún caso a situacións tan esperpénticas como a que protagonizou a Subdelegación do Goberno de Pontevedra o pasado 4 de xuño ao prohibir unha manifestación apenas dous minutos despois de os convocantes rexistraren a comunicación.
Mais se algunha dúbida podía ainda existir sobre os criterios que inspiran a actuación da Delegación do Goberno, un episodio recente veu confirmarnos a necesidade desta carta aberta. A Subdelegación da Coruña prohibiu hai uns días, en dúas ocasións, unha das manifestacións previstas para o 24 de xullo alegando que o percorrido e horarios comunicados coinciden con grandes aglomeracións de persoas, sen que a proposta do grupo convocante de modificar percorrido e horario fose tida en conta para rectificar tan arbitraria decisión (emendada pola xurisdición).